O dramaturgo Carlos Labraña ofreceu este venres unha conferencia sobre este tema
Teatro para un mundo sen guerras nin fronteiras
Con el arrancou o X Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil
Este venres arrancou na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense o X Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi cunha intervención do dramaturgo especializado en teatro infantil Carlos Labraña, que falou do Teatro para un mundo sen guerras nin fronteiras.
Con ela arrancou unha nova edición deste ciclo, que leva por leva Lecturas desde a diversidade. Ao longo de catro conferencias, o alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e o público interesado terá a oportunidade de asistir a catro conferencias na que diferentes creadores falarán da súa obra escrita ou ilustrada e/ou visión arredor desta temática. A actividade está organiza polas profesoras do centro Isabel Mociño, Carla Míguez e María González e conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, que colabora con este ciclo ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A iniciativa mantén o seu obxectivo de ofrecer unha actividade formativa que complemente a formación das futuras mestras e mestres, propiciando o seu primeiro contacto con autoras e autores de libros cos que logo van a traballar nas aulas.
A programación seguirá o 4 de outubro a escritora María José Floriano e o ilustrador Pablo Otero falando dos pequenos universos portátiles. O 18 de outubro será a quenda da escritora Érica Esmorís, que ofrecerá a conferencia Entre patios e libros: creando espazos de lectura. Pechará o ciclo o escritor Antonio García Teijeiro, que compartirá, o día 25, co público asistente como crear poemas paso a paso e ler poesía comprometida.