DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O día 6 de xullo celebraranse diversos actos con este obxectivo

Teatro e recoñecementos para lembrar o Couto Mixto

A Universidade de Vigo é o primeiro xuíz honorario da súa asociación de amigos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 03/07/2019

Da man de Xosé Manuel Cid, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, e como primeiro xuíz honorario da súa asociación de amigos xunto á Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro, a Universidade de Vigo sempre tivo un papel destacado na valorización do Couto Mixto. Este mércores, presentouse a programación que se desenvolverá ao seu redor en datas próximas.

O Couto Mixto é o territorio que na fronteira entre España e Portugal existiu desde arredor da Baixa Idade Media e ata o século XIX cunha organización propia non ligado á coroa dun ou doutro lado da raia. A programación deste ano para contribuír á súa valorización foi presentada na Deputación de Ourense por Rosendo Fernández, vicepresidente desta entidade; Xosé Manuel Cid, representante tamén da Asociación de Amigos do Couto Mixto, e Mary González, da Asociación Platea Lúa. O sábado 6 de xullo, ás 12.00 horas, serán nomeados "os tres xuíces honorarios, que normalmente recaen en persoas físicas que desenvolven algún labor ao redor do Couto Mixto. Este ano recaeu en Mercedes Vázquez, polos seus traballos etnográficos sobre este singular enclave; Xesús Díaz, que acaba de publicar un poemario inspirado no Couto Mixto; e o terceiro, que normalmente é para unha institución, este ano recae no Concello de Melgaço, que é o que nos faltaba do lado portugúes", explicou Xosé Manuel Cid.

Coincidindo co día de elección dos xuíces honorarios, ás 13.30 h, a asociación Platea Lúa amosará dun xeito ameno e didáctico a historia do Couto Mixto a través dunha pequena representación teatral protagonizada por catro personaxes que axudarán a coñecer as singularidades deste enclave único. A representación realizarase no adro da igrexa de Santiago de Rubiás. Así mesmo, ao longo do verán, adiantouse este mércores na rolda de prensa celebrada, desenvolveranse actividades de dinamización das Portas do Xurés, en concreto na Porta de Calvos de Randín, centro de interpretación do Couto Mixto situado na reitoral de Santiago de Rubiás. Estas iniciativas desenvolveranse no marco do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), Programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020, que abrangue actividades encamiñadas á dinamización da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés a través da promoción do turismo sustentable como un factor de desenvolvemento dos concellos galegos e portugueses.