DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A XIII Miteu abriuse coa representación de ‘A casa da forza’ por parte da aula da USC

O teatro universitario levanta de novo o pano en Pontevedra doce anos despois

As seguintes sesións serán protagonizadas polos grupos dos tres campus da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/04/2022

Unha obra que propuña unha reflexión sobre o feminismo e sobre a situación da muller no século XXI abriu na noite deste mércores no Pazo da Cultura a XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra, que recuperaba a súa actividade tras doce anos de interrupción. A Aula de Teatro da USC, unha das máis lonxevas de Galicia, foi a encargada de inaugurar este ciclo teatral promovido pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello. Fíxoo coa súa montaxe A casa da forza, unha obra dirixida por Roberto Salgueiro e baseada nun fragmento do libro La casa de la fuerza, da dramaturga Angélica Liddell, que foi interpretada, nesta primeira sesión da Miteu, por un elenco conformado por Marta Casais, Inma Fernández, Manuel Fernández, Antía González e Irene Penela.

Conformada por catro sesións, programadas todas elas para as 21.00 horas e con entrada gratuíta, a Miteu continúa na noite deste xoves coa primeira das tres obras que terán como protagonistas aos e ás integrantes das aulas dos diferentes campus da Universidade de Vigo. Hoxe mércores poderá verse no Pazo da Cultura O parke do crepúsculo, do grupo Maricastaña, nivel 3 da Aula de Teatro do campus de Ourense. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta e inspirada nun libro de Paul Auster, trátase dunha obra que aborda a temática da ocupación a través das historias dun grupo diverso de persoas que convive nunha casa abandonada.

A actividade continuará a vindeira semana coa representación, o mércores 27 de Emigrados, a cargo da aula do campus vigués. Dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, trátase dunha obra construída a partir dunha serie de textos de diferentes autores, que teñen como punto de unión unha reflexión sobre a emigración. Por último, o xoves 28, este ciclo pecharase coa estrea en Pontevedra da primeira montaxe da Aula de Teatro do campus, Nosa señora das nubes. 13 dos e das participantes na actividade que no presente curso puxeron en marcha a Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e que tivo á fronte ao responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, levarán a escena esta obra do autor arxentino Arístides Vargas, que reflexiona sobre a memoria e o exilio.