DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle unha serie de talleres no marco da programación de Debut 2018

Tecidos, sombreiros e maquillaxe abren unha semana dedicada á moda

Dirixidos a ampliar a formación do alumnado de Esdemga

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/11/2018

O vindeiro xoves 22, o Pazo da Cultura acolle á décimo segunda edición de Debut, o desfile no que o alumnado de Esdemga presenta as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos, un evento que, un ano máis, serve como eixo dun programa de talleres para o alumnado, conferencias e coloquios que desde este luns se desenvolven no campus. Na mañá deste luns, na Facultade de Belas Artes deu comezo o taller que durante tres días levará ao alumnado a iniciarse nas técnicas artesanais de creación de sombreiros, da man da deseñadora italiana Patrizi Fabri; á vez que se desenvolveu o workshop no que as e os estudantes de Esdemga se achegan á importancia que maquillaxe e peiteado teñen para a fotografía de moda e arrincou tamén o obradoiro no que a deseñadora e artesana Inés Rodríguez afonda nas características dos tecidos máis empregados na industria da moda.

Pezas claves na presentación pública dun deseño

Dirixidos a completar a formación do alumnado en diferentes eidos, entre a serie de workshops que cada ano completan o programa de Debut figuran propostas que se repiten cada ano como o taller Maquillaxe na editorial de moda, que imparten Silvia Fervenza e Guy Pranzili, dous profesionais que teñen desenvolvido labores de peiteado e maquillaxe para pasarelas como a Milán Fashion Week ou para firmas como Alexander McQueen, Burberry, Etro ou Just Cavalli. “A idea que nos gustaría trasladar ao alumnado é que para crear un traballo de moda, precísase un equipo”, salienta Pranzili, quen incide en que neste mundo da moda “todos os procesos creativos son moi importantes”. Nese senso, un dos obxectivos deste taller é “facer pensar ao alumnado como lle gustaría completar o look da súa colección”, xa que, engade, en moitas ocasións, “céntranse só na idea e nos materiais que usan”, sen pararse a pensar “como amosala ao público”, pese a que, lembra, a imaxe que transmite unha determinada proposta “pode cambiar por completo dependendo do estilismo que se cree para o pelo e maquillaxe”.

Por outra banda, entre as novas propostas de Debut 2018 atópase o taller Técnicas artesanais básicas de creación dun sombreiro, que imparte Patrizia Fabri, directora creativa de Antica Maniffatura Cappelli. Deseñadora, arquitecta e historiadora da moda, Fabri mercou en 2003 unha fábrica de sombreiros e tocados artesanais de Roma, coa que nos últimos anos se fixo un nome propio a través de pezas que combinan tradición e innovación, creando sombreiros a man para teatro, cine e espectáculos de alta costura de firmas como Roccobarrocco ou Givenchy. Propor un achegamento á sombreiraría artesanal e as súas técnicas básicas é o obxectivo central dun workshop que entre luns e mércores imparte unha deseñadora que será tamén unha das integrantes do tribunal encargado de avaliar as coleccións de fin de grao que o xoves se presentan en Debut.

Tecidos, tradición e innovación

Nas xornadas de luns e mércores tamén se desenvolve en Belas Artes o obradoiro Técnicas artesanais básicas e creativas de intervención nun tecido, que imparte Inés Rodríguez, responsable da firma Rir & Co, e no que os alumnos e alumnas achéganse aos tecidos desde diferentes perspectivas. Por unha banda, esta deseñadora pon o foco na “construción e características básicas dun tecido”, abordando tanto as estruturas básicas dos tecidos máis empregados no mundo da moda e o “porque se empregan”, á que suma a presentación de diferentes exemplos e unha parte práctica centrada na “composición dun tecido de xeito tradicional, pero con diferentes técnicas e materiais” para logo ver conxuntamente como estas técnicas inflúen no tecido e no seu comportamento.

Ao mesmo tempo, Rodríguez porá o foco na innovación, achegando ao alumnado diferentes exemplos de deseñadores e deseñadoras que apostan pola innovación téxtil. “No meu caso, sempre parto dunha investigación previa, xeralmente histórica ou de tendencias para incorporalo aos meus tecidos, que se fan de xeito tradicional”, sinala esta deseñadora que nese senso achegará tamén ao taller exemplos de tecidos de fibra óptica, fíos que incorporan tecnoloxía. Así mesmo, tecnoloxía e tradición combinaranse nesta abordaxe coa sustentabilidade, coa moda ética e coas investigacións e innovacións que neste eido se están a desenvolver, co propósito de achegar ao alumnado “moitos puntos de vista” e de que, a través da parte práctica do taller, “poidan experimentar e investigar nunha liña ou noutra segundo as súas inquedanzas”.

Talleres, conferencias e coloquios

Un cuarto workshop, centrado no tratamento dixital da fotografía de moda, que imparte esta tarde Carla Hidalgo, do estudio La Nevera 2000, completa xunto coa conferencia A moda é arte, a arte é moda, que imparte na Casa das Campás o profesor e escritor José María Paz Gago, o primeiro día de actividades de Debut 2018. Mañá martes, a esta serie de talleres sumarase o obradoiro sobre deseño dixital téxtil que impartirá a deseñadora e titulada de Esdemga Elena Rial, gañadora de Debut 2013, que retorna á facultade para impartir un taller sobre estampados dixitais. 

Xunto co desfile do xoves e a Xornada Técnica de RRHH que o venres levará aos novos titulados e tituladas a manter unha serie de entrevistas con responsables dos departamentos de recursos humanos de diferentes empresas do sector, o programa de Debut abrangue tamén dous coloquios abertos ao público. O primeiro deles, centrado na plataforma WGSN desenvolverase este mércores 21 ás 19.00 horas na Casa das Campás e correrá a cargo de Ivonne Sotreras, mentres que o xoves 22 ás 12.30 Charo Álvarez e Rocío Sánchez presentarán na sede da Vicerreitoría o Bilbao International Art and Fashion.