DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha exposición de trece deseñadoras formadas en Esdemga

Tecidos e vestidos co selo do Campus Crea revelan o idilio permanente entre debuxo e moda

A mostra pode visitarse na Casa Galega da Cultura ata o 2 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
D. Besadío DUVI 21/06/2018

Doce autoras e un autor saídos das aulas de Esdemga -Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia- que hoxe ocupan postos de privilexio nalgunha das máis recoñecidas marcas do mundo da moda e cuxos deseños poden verse nas principais pasarelas internacionais, inauguraron este xoves na Casa Galega da Cultura a exposición Tecidos e vestidos no laboratorio gráfico, unha mostra forxada na Facultade de Belas Artes  e coa que facer lucir todo o talento das novas deseñadoras e deseñadores formados na Universidade de Vigo e que hoxe pulan no mundo profesional con “forza e frescura”.

Son Teresa Búa, Miriam Cartagena, Vicky Cordero, Isabel Domenech, Micaela Fernández, Melania Freire, Claudia González, Eduardo Outeiro, María Paz, Ana Pérez Valdés, Carlota Pérez, Rosa Reboreda e Elena Rial, capitaneadas todas e todos pola profesora Lola Dopico, coordinadora de Esdemga. Como principal punto de unión nas súas creacións atópase a súa aposta pola presenza do debuxo e pola creación gráfica nas súas pezas e coleccións, pero cada un interpretado baixo unha posición creativa única. Hai tecidos de liño, algodón e seda pintados á man, pero tamén óleo sobre algodón e pel sintética, liño tingüido e pano de la, papel intervido con rotuladores e  bolígrafos, outro pregado con impresión dixital...

Percorrido por técnicas, enfoques e narrativas diversas

A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro 2 de setembro, fai un percorrido por técnicas, enfoques e narrativas diversas “que abranguen dende coleccións onde as impresións teñen un protagonismo claro, como no traballo de Vicky Cordero, ou nos cales se combinan diferentes técnicas, desde o debuxo, a estampación gráfica, a serigrafía ou o bordado, e que fan desta mestura a súa identidade, que é o que pasa, por exemplo, no traballo de Miriam Cartagena ou Elena Rial”, explicou a comisaria, Lola Dopico nun pequeno percorrido pola mostra.

Xunto a Dopico, participaron na inauguración a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e o concelleiro da Área de Cultura do Concello de Vigo, Cayetano Rodríguez, que puxeron de relevancia a importancia da colaboración entre Concello e Universidade, parcería que, ao seu xuízo, reflite o compromiso inequívoco coa promoción e o coñecemento das diversas disciplinas artísticas fóra das aulas. “Coa inauguración desta exposición podemos gozar dun anaco do talento que, con sede en Pontevedra, é o temón das titulacións aglutinadas baixo a marca do Campus Crea”, subliñou a vicerreitora, ao tempo que fixo fincapé no compromiso da Universidade para achegarlle á sociedade o labor que se desenvolve nas aulas, nos laboratorios e nas  facultades, non en van, “entendemos que, como parte desta sociedade, só ten sentido a nosa existencia se a facemos partícipe dos resultados acadados”.

O debuxo como fío condutor

Na mostra ocupa un lugar específico o traballo de forte volumetría de Rosa Reboreda, conformado cunha serie de pezas que dialogan coa obra do artista John Baldessari a través do uso das impresións e da cor. As pezas-lenzo pintadas e debuxadas manualmente ocupan tamén un lugar central nesta exhibición, como pode verse no traballo de Ana Pérez Valdés, nas paisaxes de xeo de Carlota Pérez, ou nas coleccións “onde quizais esta relación se revela máis evidente como nas ilustracións desbordantes de Ana Micaela Fernández ou Isabel Domenech, nas cales as pezas de roupa se entenden coma se fosen un lenzo ou unha folla en branco ao que o deseñador ou deseñadora se achega como faría un ou unha artista plástico ante os mesmos elementos”. Doutra parte, Dopico salienta como a sutileza do trazo é o que interpela ao visitante dende o traballo de Claudia González ou dende a delicadeza das infinitas liñas trazadas con esmero e con paciencia na tea pola man da creadora María Paz, e contrasta co trazo enérxico e irónico que reflicte o traballo de Teresa Búa ou a proposta de Eduardo Outeiro. 

Son, a xuízo da organización da mostra, trece novos creadores e creadoras presentas na escena actual e cuxos traballos reflicten o idilio permanente que manteñen a ilustración e a moda. Comparten técnicas e linguaxe formal e todos fan uso do debuxo, nalgúns casos como simple acabado ou ornamentación, pero tamén, coa vontade de contar unha historia, crear un escenario novo ou evocar outro. “Pero tamén quixemos que estivese presente na mostra outro tipo de debuxo, o que é verbo, como dicía Serra, o que se desprende do acto mesmo de deseñar, de estar xerando o pensamento, a idea, a silueta, o motivo que rematará sendo un estampado”.