DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE de Telecomunicación da UVigo forma parte do equipo coordinador da I Olimpíada Nacional 

Teleco estrea olimpíadas para espertar vocacións e visibilizar a potencialidade dos seus estudos

A inscrición está aberta ata o 5 de febreiro para estudantado de ESO, Bacharelato e FP

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/01/2023

Por vez primeira unha vintena de escolas de enxeñaría de Telecomunicación de España, xunto ao Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación (COITT) e o Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación (COIT) organizan unha olimpíada nacional, dirixida a alumnado de ESO, Bacharelato e FP, co propósito de promocionar a enxeñaría de telecomunicación, amosando os campos nos que está presente no día a día e como pode mellorar a calidade de vida e en concreto como impacta nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Rebeca Díaz Redondo, directora da EE de Telecomunicación da UVigo, que forma parte do equipo coordinador do evento, vai incluso máis aló á hora de sinalar que “estas olimpíadas nacen do interese en visibilizar a potencialidade dos estudios de enxeñaría de Teleco entre o estudantado máis novo, para espertar vocacións temperás”. A directora do centro tamén lembra que o tecido empresarial precisa de perfís de enxeñaría de telecomunicación e non atopan suficientes persoas formadas no territorio nacional e, concretamente en Galicia. “De feito, e como mostra do interese do tecido empresarial,  temos catro empresas con unha relación moi estreita coa EET que patrocinan a competición local/rexional: INDRA, QUOBIS, BorgWarner e Televés, que financiarán parte dos costes para fomentar vocacións entre o estudantado”, detalla.

Ata o 5 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición na I Olimpíada Nacional de Teleco, para que o profesorado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e ciclos de FP poida inscribir ao seu equipo, que terá que deseña e desenvolver un proxecto aliñado coa enxeñaría de telecomunicación e o ODS 11, Cidades e comunidades sostibles, para o que utilizará o material que lle proporcionará a EET, formado por kits de placas programables compatibles co IDE e Arduino. Pola súa banda, o estudantado de Bacharelato tamén poderá participar de xeito individual, para o que terá que resolver un conxunto de problemas relacionados coa enxeñaría de telecomunicación, utilizando de xeito enxeñoso as ferramentas físico-matemáticas coñecidas polo alumnado dese nivel. “Para a EET é un orgullo formar parte do equipo coordinador destas olimpíadas que son as primeiras que se celebran no ámbito nacional e que supuxeron un grande esforzo de traballo entre os colexios profesionais e máis as Escolas de Enxeñaría”, explica Rebeca Díaz, que agarda que a iniciativa sexa ben acollida entre os centros de ESO, Bacharelato e FP aos que anima a participar, especialmente ás e aos docentes do ámbito de tecnoloxías. “Non estarán sos, dado que terán axuda dende o centro para formación, equipos e asesoría individualizada durante a realización dos proxectos”, explica a directora da EET, que confirma que están en proceso de enviar información aos centros.

Unha competición con dúas fases

A I Olimpíada Nacional de Teleco desenvolverase en dúas fases: unha local, xestionada pola EET da UVigo, e outra nacional, na que competirán os mellores proxectos (gañadores) das competicións locais. “Os premios que daremos na EET serán de 400 euros para o equipo coa mellor solución técnica e máis 400 euros para o instituto ao que pertenza, 300 euros para o equipo que teña a proposta máis orixinal e 200 euros para o equipo coa proposta máis aliñada co ODS 11”, explica Rebeca Díaz.

A fase clasificatoria desenvolverase entre o 15 e o 26 de maio e a fase nacional en xuño de 2023. Nesta última outorgaranse catro premios: á mellor proposta técnica, a proposta máis orixinal, á máis aliñada co ODS 11 e á mellor comunicación e exposición de proxecto.