DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Carlos Lago é coautor de ‘El jugador número 12’

En tempos de gradas baleiras, un libro analiza os efectos no fútbol de xogar como local

A vantaxe que implicaba competir diante da afección reduciuse un 10% nos últimos 25 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/01/2021

A crise sanitaria xerada pola covid-19 tivo como efecto unha imaxe practicamente inédita no fútbol de alto nivel, que os partidos se disputen coas gradas dos estadios baleiras. Afondar na incidencia que neste deporte ten xogar como local, o efecto do chamado “xogador número 12”, é o obxectivo do libro que o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago elaborou xunto co investigador da Universidad Politécnica de Madrid Miguel Gómez Ruano. “A idea era comprobar o efecto de xogar sen público nos resultados dos equipos, porque unha das ideas máis estendidas no ámbito do deporte é que xogar no teu campo, arroupado polos afeccionados, aumenta as túas probabilidades de gañar”, salienta Lago. Con ese propósito, a publicación El jugador número 12. La ventaja de jugar en casa en el fútbol aborda diferentes aspectos relacionados con efectos de competir como local, desde a evolución histórica da “vantaxe de xogar en casa”, que como apunta Lago, reduciuse un 10% nos últimos 25 anos, á incidencia do VAR ou se existen ou non os chamados “goles psicolóxicos”.

Partindo de diferentes investigacións previas, parte delas dos propios autores, Lago Peñas e Gómez Rúano deron forma a un “libro de divulgación científica, dirixido a adestradores, afeccionados ou directivos", que abordase desde un “enfoque moi amplo” a vantaxe que supón competir como local. Actualmente, explica o investigador do campus pontevedrés, os equipos de fútbol suman aproximadamente o 60% dos seus puntos no seu campo e o 40% restante como visitantes, pero “este é un valor que foi baixando” co paso do tempo e que concretamente reduciu a súa incidencia nun 10% nos últimos 25 anos. Isto, sinala o investigador, pode deberse a “multitude de factores”, desde que na actualidade “fíchanse mellores xogadores, a diferencia entre os equipos é cada vez menor e as plantillas son máis amplas”, ás melloras no eido da preparación física e a recuperación, pasando porque as viaxes son hoxe “máis rápidas e confortables” ou polo feito de que “os árbitros están máis profesionalizados e déixanse influír menos polo público”. 

Un libro nacido dos efectos da pandemia

Tanto Lago como Gómez Rúano desenvolveron nos últimos anos diferentes investigacións relacionadas cos efectos de xogar como local, e de feito traballan actualmente, xunto co investigador estadounidense Richard Pollard, na elaboración dun handbook sobre esta temática, que será publicado pola editorial Routledge. Mais esta publicación divulgativa xurdiu do “efecto colateral” que a covid-19 deixou nas competicións deportivas. “Produciu algo moi novo, xa que ata agora xogáranse uns poucos partidos a porta pechada por sancións, polo que tamén é como un gran experimento para ser capaz de medir os efectos do público nas gradas”, recoñece Lago. Segundo estiman, os estadios baleiros van provocar que a maior porcentaxe de puntos logrados como locais se reduza “entre un 2% e un 5%”, explica Lago, que incide, non obstante, que esa vantaxe de xogar na casa “é moito máis importante no caso de equipos pequenos, de cidades non moi grandes, que teñen un forte sentimento identitario”. Deste xeito, conclúe, o efecto que terá ter que competir sen público vai ser “máis importante” no caso de clubs como o Eibar ou o Alavés que no Real Madrid ou no Barcelona.

Os goles psicolóxicos non existen

A partires desa análise, explica Lago, “decidimos ir ampliando temáticas”, ata dar forma a un libro, que co “xogador número 12” como fío, aborda nos seus 20 capítulos cuestións como a importancia de marcar o primeiro gol nos partidos, cal sería un bo resultado no primeiro encontro dunha eliminatoria ou a influencia que ten a separación entre o céspede e a grada que nalgúns campos supoñen as pistas de atletismo. A publicación detense tamén na incidencia do VAR, o asistente de vídeo nas arbitraxes, que, explica Lago, “reduciu nun 2% ou 3% a vantaxe de xogar en casa”, ao mitigar o “efecto do público en pequenas decisións” dos colexiados.

A través dos datos, Lago Peñas e Gómez Ruano rebaten tamén neste libro ideas estendidas entre os afeccionados, como o efecto dos chamados “goles psicolóxicos”, aqueles que se anotan no minuto previo ao remate do primeiro tempo. “Non existen”, afirma o catedrático, que explica que cando o equipo local anota xusto antes do descanso, “o máis probable é que na segunda parte reciba un gol”, debido a aspectos como “que soe cambiar a súa forma de xogar na segunda metade”. Do mesmo xeito, outro dos capítulos amosa que, a diferencia das competicións de liga, xogar unha final en campo propio non supón unha vantaxe. “Pode ter un efecto positivo ou negativo, é unha variable que non ten moita incidencia no resultado”, sostén Lago, que explica que, ademais dos factores psicolóxicos, unha final implica que “o público nas gradas se distribúa máis ou menos ao 50%” entre as dúas afeccións.