DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración do ciclo “Os Xoves de Moda”

A tenacidade e o esforzo, os consellos de Masscob para saír adiante no mundo do deseño

Os profesionais Marga Massanet e Jacobo Cobián impartiron a primeira charla

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 28/03/2008

Cun aforo completo, a firma Masscob inaugurou onte a terceira edición do ciclo Os Xoves de Moda que se celebrarán cada semana na Casa das Campás ata o vindeiro 29 de maio. “A nosa intención é que haxa un contacto con profesionais para que nos conten a súa experiencia e o seu traballo, algo moi importante para a formación dos nosos alumnos”, comentou Lola Dopico, a directora da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia na inauguración do programa. Da man de Marga Massanet e Jacobo Cobián, os deseñadores dunha das marcas galegas máis recoñecidas a nivel internacional, os asistentes escoitaron as circunstancias que levaron aos dous emprendedores a montar a súa propia empresa de deseño e como, grazas ao esforzo e a tenacidade, lograron saír adiante. Sendo ambos licenciados en Dereito, xuntáronse polo seu entusiasmo polo mundo da moda e, a partir de aí, unha serie de feitos leváronos a crear a firma Masscob. “Na nosa primeira colección vendemos 50 prendas e non o podíamos crer”, comentou Cobián na súa intervención, ao que engadiu que “non te podes despistar, o que se consegue hoxe, mañá pódese vir abaixo”, subliñou o deseñador.
Na inauguración tamén estiveron presentes o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia, e a subdirectora de Esdemga, Cristina Varela.

Masscob

Masscob nace no ano 2003, creado por Marga Massanet e Jacobo Cobián, unha nova parella de deseñadores procedentes da Coruña. No mesmo ano que comezan, presentan a súa primeira colección e deciden abrir unha tenda na súa cidade. Tras levar anos traballando no sector da moda e formándose profesionalmente entre España, Londres e EEUU, a súa primeira colección tivo un grande impacto, espertando o interese de estilistas, da prensa e dando lugar a moitas publicacións en recoñecidas revistas do sector. Masscob ten un carácter propio, deseñan o que senten no momento, déixanse levar polos tecidos e as cores que meticulosamente estudan en profundidade, buscando sempre as mellores calidades. No seu proceso creativo atópase una constante evolución na que o patronaxe ten unha especial importancia a nivel de inspiración e na que a perfección do corte é fundamental. Hoxe en día as súas colección atópanse en tendas por todo o mundo.

A próxima cita: Arturo Elena

O ciclo Os Xoves de Moda continuarán o vindeiro 3 de abril coa presenza do ilustrador Arturo Elena, quen realiza colaboracións periódicas con importantes publicacións como Cosmopolitan, Elle ou Telva. O trazo deste profesional turolense é ben coñecido no mundo da moda polas súas figuras estilizadas e elegantes que acompañan seccións de revistas e polos seus debuxos, que serviron para ilustrar a presentación de deseños de Chanel, Loewe, Victorio e Luchino ou Roberto Verino.