DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Educación achégase á experiencia de Ponte... nas Ondas!

Tendendo pontes entre o futuro profesorado, os escolares e o patrimonio cultural

A través de actividades coa radio do IES Terra de Turonio de Gondomar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 20/01/2022

Ponte... nas Ondas!, explica Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, “figurará na historia como un dos grandes movementos de renovación pedagóxica que houbo”. Deste xeito, engade, a súa experiencia “serve de modelo de cousas vangardistas pedagoxicamente falando que se poden facer nos centros educativos tanto de Primaria como de Secundaria”. Por este motivo, un curso académico máis, alumnado dos graos de Infantil e Primaria do campus de Ourense e do Máster Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas do campus de Vigo, realizaron unha serie de actividades relacionadas con este proxecto.

Así, ao longo do desenvolvemento da iniciativa este curso académico, Santiago Veloso, presidente e un dos fundadores Ponte... nas Ondas!, visitou o campus de Vigo para contar ao alumnado de mestrado a historia deste movemento e escolares do IES Terra de Turonio de Gondomar, centro que participa en Ponte...nas Ondas!, presentaron o traballo que realizan na súa Radio Turonio, facendo fincapé nas habilidades desenvolvidas ao seu abeiro. Igualmente, alumnado dos graos de Infantil e Primaria do campus de Ourense achegáronse ao centro educativo de Gondomar para coñecer de primeira man esa experiencia de radio, participando co profesorado e escolares do centro na gravación dun programa radiofónico no que non faltaron a música, as entrevistas e o bo humor. “Uns e outros participaron na iniciativa con moito entusiasmo e interese. Tanto no alumnado de grao como de mestrado quedou a idea de que non debe pasar desapercibida unha experiencia que ao longo destes 25 anos foi capaz de xerar tanta ilusión como é Ponte... nas Ondas!”, comenta Xosé Manuel Cid. No marco da iniciativa, as e os escolares de Radio Turonio gravaron dous audiovisuais que recollen a experiencia desenvolvida coa Universidade de Vigo, incluíndo entrevistas cas e cos participantes.