DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A terceira cadea hoteleira do mundo oferta prácticas aos estudantes de Ourense

Da diplomatura de Turismo e do POP de Dirección e Planificación do Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
María Boullosa DUVI 16/10/2007

Unha das principais empresas de aloxamento e ocio do mundo, con 888 hoteis repartidos por máis de 100 países, 266.000 habitacións e 145.000 colaboradores, a cadea Starwood, acudiu hoxe por primeira vez ao Campus de Ourense para ofertar dous atractivos programas de prácticas aos estudantes do terceiro ano de Turismo e aos do último ano do POP de Dirección e Planificación do Turismo.
Todo grazas a un convenio asinado entre a multinacional e a Universidade de Vigo, que foi presentado hoxe ás 11:00 horas na Aula Magna do Edifico Xurídico Empresarial da man do director de Relacións Públicas da cadea, Francisco Nogueira, e a directora de Recursos Humanos, Isabel Justicia. “O alumnado recibirá unha formación superior e unha remuneración por parte da terceira cadea mundial, por iso é todo un logro”, expresou o decano de Empresariais e Turismo, Jesús Vázquez.
Por unha banda, calquera dos interesados poderán realizar prácticas remuneradas nos aloxamentos que a cadea dispón por todo o mundo; e, por outra, acceder ao programa propio da empresa, denominado “Vita Futura”. “É un programa de prácticas cunha formación moi determinada e unha duración de 18 meses onde esa persoa xa forma parte do persoal da compañía”, esclareceu Isabel.
No caso de que o alumno se decante por esta última vía, deberá pasar por tres fases de seis meses cada unha co obxectivo de coñecer o funcionamento, elixir unha área e especializarse na última fase, é dicir, durante os últimos 6 meses.
“Asemade, si que é certo que, nun prazo de dous anos, poden converterse en comité executivo dun hotel, e nun prazo próximo de dous ou tres anos máis nun director de hotel”, afirmou Isabel.

Requisitos

Con todo, a vontade non é o único necesario para acceder a estas prácticas, senón que os alumnos deberán demostrar as súas capacidades, especialmente no caso do programa Vita Futura. “Teñen que ter unha diplomatura, un ano de experiencia profesional (que poden ser prácticas), dominar o inglés a moi alto nivel e un idioma adicional, que neste caso sería o castelán”, explicou Isabel. A estes requisitos súmase unha ardua proba de selección onde determinan durante dous días o perfil profesional; inda que para os alumnos de Ourense, haberá unha gran vantaxe: “imos anular a primeira proba de selección a aqueles que nos recomenden dende esta facultade”, adiantou Isabel.
Outras das condición é a obrigatoriedade de abandonar o país a prol dun dos establecementos abertos nalgunha das catro divisións: Europa, América do Norte, América do Sur e Asia-Pacífico. Unha necesidade aplaudida polo coordinador do POP, Fraiz Brea: “Si se lles dá a oportunidade de realizar as prácticas fóra do seu ámbito local, os alumnos agradéceno moito máis”.

Prazas

Creado na división da compañía pertencente a España, o Vita Futura cumple este ano a súa cuarta edición. “xa temos xente que remataron estes 18 meses e que xa están a exercer como directores de departamentos e outros postos”, afirmou Francisco.
Con todo, nun primeiro momento, só podían acceder a el arredor de 30 persoas, pero coa inclusión das áreas de Lationamérica e Asia-Pacífico, “os candidatos deste ano terán as oportunidades multiplicadas por tres”, afirmou Isabel, ao que engadiu: “O mundo está aí fóra se o queredes”.