DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar entre o 11 e o 16 de decembro

A terceira edición do Festival Novos Cinemas estreará 13 películas inéditas en Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
DUVI 05/12/2018

Este mércores presentouse a Edición 03 de Novos Cinemas no Museo de Pontevedra, unha proposta audiovisual que se desenvolverá na cidade dende o próximo martes 11 ata o domingo 16 de decembro. O acto contou coa presenza de Carmen Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra, Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra,Jacobo Sutil, director da Agadic e Ángel Santos e Daniel Froiz, membros da dirección de Novos Cinemas.

Jacobo Sutil destacou a “importancia dos festivais dentro do sector audiovisual en Galicia e a presenza de cineastas galegos dentro da programación de Novos Cinemas”. Ademais, o director da Agadic anunciou que proximamente os filmes do CGAI poderán verse tamén programados en Pontevedra, tal e como xa sucede en cidades como Lugo, Vigo e Ourense. Jorge Soto, apuntou que a súa intención é “contribuír dende a Universidade de Vigo a facer de Novos Cinemas un festival cada vez máis grande, máis de Pontevedra e máis internacional ao mesmo tempo” e Xosé Leal quixo destacar o labor formativo dos festivais, especialmente o de Novos Cinemas xa que “o carácter internacional deste evento permite que nos nutramos do que se fai fóra e que a xente de fóra vexa tamén o que se fai no país”. Con esta idea concordou Carmen Fouces, ao calificar a Pontevedra como o lugar idóneo para a celebración do evento e a “Novos Cinemas como referente do que se fai no cinema contemporáneo”.

Novos Cinemas 03: programación

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra cambia nesta ocasión de datas pensando no público. Así o contou Daniel Froiz, director executivo do certame, ao apuntar que “Novos Cinemas vai máis alá das datas do festival e o seu traballo se desenvolve ao longo de todo o ano a través de #AULA, o programa formativo do festival que coordina Suso Novás”. Estas actividades realízanse artellando diversas proxeccións  en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe - CGAI, a Sala Ingávida do Porriño ou Numax e tamén da man de proxectos internacionais como CinEd e Cinema en curs.

Ángel Santos, director artístico de Novos Cinemas, quixo debullar a programación que a organización ten preparada para o público pontevedrés nunha semana na que “contaremos con case 15 filmes na competición oficial dos que 13 son estreas en Galicia”. 

O festival dará comezo o próximo martes coa proxección de a proxección de Apuntes para una película de atracos, o último filme do cineasta Elías León Siminiani, como antesala da súa chegada ás salas de cine galegas. Ademais, o festival continuará xirando arredor do seu eixo principal: os primeiros e segundos filmes de cineastas procedentes de todo o mundo, pero tamén cun oco especial para o noso audiovisual. Cineastas como Jaione Camborda, Eloy Domínguez, Eloy Enciso, Diana Toucedo formarán parte da programación e visitarán a cidade para proxectar ou conversar arredor das súas últimas obras.

O festival porá esta vez o foco sobre o traballo dunha das cineastas máis carismáticas e case descoñecidas do cinema europeo contemporáneo dedicándolle unha retrospectiva á lisboeta Teresa Villaverde. Ademais, tamén haberá espazo para o asesoramento e desenvolvemento de proxectos, nesta edición cun #LAB protagonizado polos últimos traballos de Ángel Filgueira, Alberto Martín Menacho, Andrés Sanjurjo, Malena Solarz. Ademais disto, tres cineastas galegos que se atopan en proceso de desenvolvemento dos seus novos proxectos –Luis Bértolo, Toño Chouza e Anxos Fazáns–, participarán nas Consultas Abertas e outras actividades do #LAB e#Encontros do festival en calidade de convidados especiais. Como broche final e para as #Noites desta terceira edición, o festival artellará en colaboración coa Sala Karma unha programación musical que aglutinará propostas moi variadas: pinchada do Galician Bizarre, concertos de bandas como Selvática, Pantano, Trompas de Farlopio, Glitter & Litter, Esposa, Disco Las Palmeras! ou Rayotaser.

O público interesado en adquirir as súas entradas para asistir ao festival  xa pode facelo a través de Ticketea a un prezo de 15 euros bono e 3 euros as entradas para unha soa sesión.