DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Das 70 empresas implicadas, Pescanova e Finsa foron as que máis CV recibiron

A terceira edición da Finde.U pechouse con máis de 1000 participantes

Xestionáronse un total de 3500 currículos, que sumados os de Porto, acadan os 8000

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 26/10/2018

Tras dous días de contactos, entrega de currículos, ponencias e obradoiros, a Finde.U baixou o pano con cifras que confirman que se está a consolidar como un referente en Galicia en canto a eventos de intermediación laboral universitaria. A Feira Internacional de Emprego desenvolveuse entre os días 23 e 24 no Ifevi de Vigo e, ao longo das dúas xornadas, pasaron polo recinto feiral máis de 1000 estudantes e persoas egresadas do sur de Galicia e o norte de Portugal que tiveron a oportunidade de ter un primeiro contacto co mundo empresarial a través das 70 empresas presentes no evento.

A Finde.U está organizada polas universidades de Vigo, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa que celebran unha edición anual virtual e outras dúas presenciais, unha en Vigo e outra en Porto. Entre estas dúas últimas participaron arredor de 3000 persoas neste 2018, polo que  Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, fai unha valoración moi positiva do evento. “As cifras son mellores cas do ano pasado, tanto en participantes como en empresas e iso é moi importante” porque amosa que, tras tres anos, a feira vaise asentando en Vigo ofrecendo ao alumnado a oportunidade de contactar con responsables de recursos humanos de empresas de diferentes sectores que se atopan na procura de persoal cualificado. A cifra total de currículos que se xestionaron en Vigo é de máis de 3500 que, sumados cos de Porto, superan os 8000. Ademais, engade Martínez, a Universidade ten constancia “de xente que xa comezou a traballar estes días grazas á súa participación na feira”, o que demostra súa efectividade poñendo en contacto as capacidades do estudantado coas demandas do tecido empresarial.

“A falta de facer o balance das cifras de currículos off-line entregados, as empresas que máis propostas recibiron foron Pescanova (131 cv), Finsa (102) ou Carrefour (92)”, ás que se suman tamén Cortizo, Borgwarner, Ence Energía y Celulosa, Maviva, Altia e Hotusa. En xeral, nesta edición houbo  unha presenza destaca de empresas do sector TIC interesadas en perfís relacionados coas enxeñarías, a industria 4.0 ou a intelixencia artificial. 

57 contratos no Job Day da eurorrexión centrado no sector das TIC 

O programa da Finde.U incluía, entre outros eventos, a celebración do Job Day Tic, coa participación de 12 empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia e Portugal, así como os clústeres TIC de ambos lados da fronteira. Impulsado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia norte de Portugal a finalidade era a promoción da mobilidade e a contratación de traballadores na Eurorrexión, comezando por escoitar as empresas dun sector, para comprender as súas necesidades e, a continuación, darlles a oportunidade de entrevistar a persoas con perfís adecuados aos requisitos de cada empresa. Así, as 12 empresas do sector TIC presentes no evento tiveron a oportunidade de facer unha media de 40 entrevistas a candidatos galegos e portugueses, recibir un total de 478 currículos e cubrir os postos de traballo que estaban dispoñibles. En total acordáronse nestes dous días 57 contratos de traballo, como explican dende a Agrupación Europea de Cooperación Territorial. 

Con todo, as oportunidades quedan abertas para as e os candidatos, xa que a finalidade da feira é establecer relacións e contactos para futuras oportunidades e, sobre todo, coñecer as necesidades do mercado laboral para adaptar os perfís a esas demandas.