DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina terá lugar o sábado 29 de novembro

A terceira ruta cultural deste curso discorrerá por Rianxo e o río Té

Aberta á inscrición da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 26/11/2025

Unha ruta por Rianxo e polo río Té é a proposta da terceira ruta cultural que este curso académico organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A andaina terá lugar o sábado 29 de novembro e coma sempre, a inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía en xeral.

O roteiro é circular, con 19 quilómetros de percorrido e dificultade media. Partirá en Rianxo, da praza de Castelao, para continuar polo paseo marítimo á beira da ría. Tras deixar atrás o centro, “ese Rianxo literario ligado a Castelao e a tantos escritores e poetas que cantaron a ría”, tal e como indican desde a organización, as persoas participantes realizarán a ruta ambiental do río Té, “onde o mar lle cede o protagonismo ao bosque de ribeira, co son da auga e a sombra dos carballos e ameneiros acompañando o camiño”. O regreso será pola zona da Ermida de San Pedro e polos petróglifos dos Mouchos, que engaden o valor arqueolóxico e simbólico ao percorrido. 

Esta será a terceira das rutas culturais da UVigo deste curso, que arrancaron o pasado 25 de outubro cunha andaina polos muíños do río Loña (en Pereiro de Aguiar-Ourense) en lembranza de José García-Calvo Willy, falecido promotor e coordinador durante décadas dos roteiros universitarios. A programación deste cuadrimestre rematará o 13 de decembro coa Ruta de Marquino Largano (Nogueira de Ramuín).

Inscrición a través de Internet

A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer a contorna, senón “polo bo ambiente que teñen e que fai sentir moi cómodas a todas as persoas que veñen con nós ”.