DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para alumnado de grao de 1ºcurso ou que se atope en momentos académicos críticos

Se tes dificultades derivadas da túa actividade académica a UVigo ofréceche acompañamento psicolóxico

O prazo de solicitude para algunha das 55 prazas remata o 26 de febreiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/02/2026

Máis do 50% do estudantado universitario, segundo datos do ano 2023 do Ministerio de Universidades, consultou algunha vez cun profesional sanitario por un problema de saúde mental, o que evidencia a elevada demanda de apoio psicolóxico existente neste colectivo. Unha realidade confirmada por estudos e informes institucionais que sinalan á etapa universitaria como un período de especial vulnerabilidade psicolóxica, por mor da confluencia de esixencias académicas, procesos de transición vital, incerteza vocacional, presión polo rendemento e cambios nas redes de apoio.

Neste escenario, e dándolle continuidade ao programa piloto desenvolvido o pasado curso, a Universidade de Vigo lanza a convocatoria de participación no Programa de Acompañamento Psicolóxico ao estudantado de grao (PAP), no que poderán participar 55 estudantes dos campus de Pontevedra, Ourense e Vigo. “Parte dun convenio coa Subdirección de Saúde Mental da Xunta de Galicia e no noso caso trata de traspasar o Programa de integración de universitarios/as con necesidades específicas de apoio educativo (PIUNE) e prestar apoio a alumnado que teña problemas derivados da actividade académica”, explica Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, que engade que o programa fundaméntase en criterios de prevención, eficiencia e responsabilidade institucional, en liña coas recomendacións do Ministerio.

Acompañamento puntual para estudantado de primeiro curso ou en momentos críticos

Cunha intervención limitada no tempo e un número de sesións fixada en tres, que pode chegar a cinco en casos excepcionais, se así os determinan os e as profesionais, o programa formúlase como un acompañamento psicolóxico breve, non dun servizo prolongado de asistencia, nin un recurso de psicoterapia especializada.

Ser estudante de primeiro curso dun grao da UVigo ou atoparse en momentos académicos críticos como a realización do TFG ou das prácticas e precisar a apoio psicolóxico por problemáticas derivadas directa e estritamente da actividade académica son os requisitos que deberán cumprir as persoas que soliciten participar no programa. “Outro cambio que se introduce este curso é que imos contar con persoal propio da UVigo, concretamente con Ricardo Fandiño Pascual, profesor asociado que desenvolve o seu labor no campus de Ourense na Facultade de Educación e Traballo Social e colaborador do Grupo de Investigación PS1 Psicoloxía Xurídica e Saúde: Convivencia e Benestar. El será quen coordine o proxecto”, avanza Susana Reboreda.

Solicitudes ata o 26 de febreiro

O alumando que cumpra os requisitos do programa poderá solicitar a súa participación ata o vindeiro 26 de febreiro, cumprimentando un formulario, que non constitúe unha avaliación clínica. 

As solicitudes recibidas serán revisadas polo equipo do programa e as persoas solicitantes que sexan aceptadas participarán nunha primeira sesión de cribado clínico e valoración inicial que permitirá confirmar a adecuación ao programa, valorar a intensidade do malestar, detectar sinais de alerta e deducir a modalidade de atención máis axeitada, que poderá ser en liña, presencial ou grupal. Cando as necesidades do ou da estudante excedan o marco do acompañamento breve, procederase á derivación a recursos externos axeitados.

Unha liña preventiva de carácter formativo e psicoeducativo

Cunha primeira fase centrada na convocatoria para a asistencia, o programa, segundo avanza a vicerreitora Susana Reboreda, contempla ademais unha liña preventiva de carácter formativo e psicoeducativo con actividades en cada campus. 

As accións previstas estarán enfocadas ao estudantado, centrándose, no caso deste colectivo, na xestión da ansiedade académica, o afrontamento do estrés e a adaptación á vida universitaria; e tamén ao profesorado, orientadas á detección temperá de sinais de malestar no alumnado, pautas básicas de acompañamento e derivación e delimitación do rol docente.