DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigación de Marta López parte das entrevistas realizadas a 50 axentes do sector

Unha tese aborda o impacto das redes sociais no artista contemporáneo

Trátase dun espazo no que emerxeu outra forma de “construír e narrar a mensaxe”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/12/2018

A irrupción “doutra forma de construír e narrar a mensaxe”, cun maior protagonismo da ou do artista, ademais dun novo soporte para a creación e exhibición de prácticas artísticas, así como a posibilidade de chegar a “audiencias maiores e diversas”. Estas son tres das múltiples achegas ou cambios que as redes sociais supuxeron para o mundo da arte, segundo conclúe a investigadora e artista Marta López López na súa tese de doutoramento, que defendeu na Facultade de Belas Artes. Nela, inclúe “perspectivas inéditas” respecto do impacto que estas plataformas tiveron, tanto na creación artística como no sector no seu conxunto, partindo das entrevistas realizadas a 50 artistas, docentes, directores de museos, galeristas, críticos, comisarios ou coleccionistas, entre outros profesionais do mundo da arte, que fan desta tese “o único documento desta temática cunha visión poliédrica tan ampla”.

Nun contexto no que a presenza da arte “crece cada vez máis” en plataformas como Instagram ou Facebook, as redes sociais supuxeron para o mundo da arte “unha nova forma de creación, exhibición, comunicación e constitución de novos relatos e narrativas na actualidade da arte contemporánea”, sostén López na súa tese Arte vida y redes sociales de Internet: El artista en los inicios del siglo XXI. Nuevos paradigmas, que dirixiu o profesor e artista Juan Luis Moraza e que foi unha das investigacións recoñecidas cos Premios Extraordinarios de Doutoramento que a Universidade entregará no mes de xaneiro. Ao mesmo tempo, a investigadora, que desenvolve a súa traxectoria artística co pseudónimo de Marta Bran, salienta que estas plataformas supuxeron unha oportunidade para os e as artistas na maneira de “acceder a información especializada en permanente actualización”, así como á hora de establecer “unha rede de contactos profesional a nivel internacional, favorecendo unha comunicación e colaboración máis directa e inmediata”; contribuíndo deste xeito “á apertura dunha contorna tradicionalmente hermética”, aínda que en termos xerais sexan só un “soporte parcial” para a exhibición de proxectos artísticos. Pola contra, estas plataformas implicaron unha “revolución” á hora de visibilizar os procesos de creación, facendo posible que “calquera persoa, desde calquera parte do mundo, poida coñecer o que acontece no estudio ou taller”, contribuíndo igualmente a articular un diálogo entre a ou o artista e o seu público, permitindo aos creadores e creadoras “tomar o control na comunicación da súa mensaxe sen depender da intervención doutros intérpretes”. 

López tamén aborda na tese o papel que estas plataformas poden xogar como un “soporte de creación” en si mesmo, deténdose en casos como os de Intimidad Romero, “cuxo espazo de creación existe unicamente en Facebook”, ou nos de creadores que empregan “o imaxinario das redes sociais” para as súas obras, como Ana Riaño ou Anthony Antonellis. 

Investigación cualitativa

Froito de cinco anos de traballo, como parte do grupo de investigación Modo (Modos de Coñecemento Artístico) da Facultade de Belas Artes e no Instituto de Investigação em Arte, Design e Sociedade da Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto, así como a través da participación en diferentes eventos e foros artísticos internacionais, a tese de Marta López articúlase en torno a tres eixos; os antecedentes da arte na rede e a súa evolución do “net art da web 1.0 á web 2.0”, a análise das circunstancias que afectan na actualidade ao artista usuario de redes sociais e, para rematar, a definición dunha serie de “roles ou posicionamentos dos artistas que habitan as redes”.

Este último punto baséase na investigación cualitativa realizada a partires das entrevistas a axentes do sector de 14 países de Europa e América, entre os que se atopan artistas como Eulàlia Valldosera, Laís Pontes ou Baltazar Torres; profesores como Sean Cubitt ou Rita L. Irwin; críticas como Rosa Olivares, editora da revista Exit; comisarios como Michal Novotný, galeristas como a austríaca Rosemarie Schwarzwälder ou coleccionistas como Alicia Aza Campos.

Un novo modelo de artista

A “visión poliédrica” que achegan os 50 entrevistados e entrevistadas permite á investigadora falar na súa tese de novos “modelos de artista” en relación ao uso das redes sociais, xa que, por unha banda, este pode “afectar en maior ou menor medida á creación en si mesma, é dicir, ou ben aos procesos de traballo ou ben á proxección destes proxectos artísticos". Por outro lado, sinala a creadores e creadoras alleos ou opostos a estas plataformas, aínda que na actualidade o perfil maioritario é o de artistas usuarios e usuarias. Neste sentido, na tese englóbanse tanto artistas que empregan estes espazos para presentar os seus proxectos a través de achegas “de corte formalista” ou autobiográficas como quen as usa para abordar “cuestións de reivindicación social” ou para “interactuar cos diferentes axentes do mundo da arte” e, tamén artistas “que crean online de forma total ou parcial”. De aí que unha das conclusións da investigación sexa que “estas plataformas favoreceron a existencia dunha maior hibridación entre a creación offline e o espazo online”, permitindo falar dun novo modelo de artista, “que vive de forma simultánea en ambos territorios”, e ao que, nunha das entrevistas, o profesor brasileiro Gilbertto Prado outorga o nome de “artista híbrido”.