DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A autora, a investigadora Mariana Toussaint, é experta de pesca na FAO

Unha tese aborda a importancia da sostibilidade social na industria alimentaria

Amplía o concepto de RSC incluíndo aspectos como o respecto polos dereitos humanos e laborais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/02/2021

O concepto de desenvolvemento sostible está amplamente implantado na economía occidental e aséntase, segundo o informe Brundtland (1987), en tres piares da sostibilidade: económica, medioambiental e social. Porén, esta última pata é a menos explorada das tres e na que se centra a tese de doutoramento de Mariana Toussaint titulada Sostenibilidad social en la cadena de valor alimentaria e dirixida polo profesor Pablo Cabanelas. A investigadora traballa dende 2016 como experta de pesca na Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), con sede en Roma. A súa carreira profesional céntrase nas áreas de comercio internacional e sostibilidade social na cadea de valor do peixe e forma parte do equipo de Globefish da FAO, un proxecto fundado por múltiples donantes que promove e facilita información actualizada sobre o comercio, as tendencias e os mercados de pescado e produtos pesqueiros entre os gobernos, a industria, o mundo académico e outros actores de todo o mundo. 

Segundo explica a investigadora, na literatura sobre sostibilidade da cadea de subministro abunda a perspectiva ambiental e económica mentres que “os aspectos sociais tiveron unha escasa presenza debido á dificultade á hora de cuantificalos”. No que se refire á industria alimentaria, a Responsabilidade Social Corporativa (RSC) está a cobrar cada vez máis importancia debido ao interese das partes interesadas na produción de alimentos e as súas repercusións no medio ambiente e a sociedade, por exemplo no que atinxe ao uso de materiais e envases reciclados ou o impacto da produción de alimentos. Pola contra, os problemas sociais e éticos na industria alimentaria “rara vez se abordan”, destaca Toussaint. Isto confronta coa actitude das e dos consumidores, que van adquirindo unha “conciencia crecente sobre as consecuencias das súas decisións de compra”, por exemplo nas condicións de traballo ou no benestar animal. 

A pesar disto, remarca a investigadora, “non existe ningún estudo que analice a relación entre as marcas de alimentos e consumidor per se nin que analice a decisión de compra dos consumidores en relación coa RSC e o valor da marca, abordando las implicacións sociais na industria alimentaria máis aló das ambientais”. Para tratar de encher este baleiro, Mariana Toussaint quixo centrar a súa tese na sostibilidade social ao longo da cadea de valor alimentaria. Dada a natureza exploratoria do traballo, optou por unha investigación cualitativa, realizando entrevistas en profundidade con decisores públicos e privados de alto nivel, con experiencia en sostibilidade social na cadea de valor e na industria alimentaria. 

Unha tese tres. Tres traballos

A tese de Mariana Toussaint divídese en tres traballos. Un primeiro documento explora e estuda o concepto de sostibilidade, abarcando os seus tres piares, o económico, o ambiental e o social, e inclúe unha revisión da literatura existente sobre a sostibilidade social para conceptualizar este termo, ademais de identificar os principais retos e problemas para comprender mellor o alcance e os actores clave. Así, este parte do estudo “pretende mellorar a conceptualización da sostibilidade social integrando todas as partes interesadas como paso previo á definición do seu alcance, medición e transparencia a nivel mundial, nacional e local, onde as empresas son os actores centrais, pero que tamén require da participación e contribución directa dos gobernos, asociacións, organizacións non gubernamentais e medios de comunicación”.

O segundo artigo que conforma a tese analiza a relación entre a sostibilidade social e a Responsabilidade Social Corporativa para identificar posibles formas de medilos e destacar o papel fundamental das empresas privadas. “Engade novas perspectivas a unha literatura escasa ao sinalar as diferencias entre a sostibilidade social e  responsabilidade social nas cadeas de valor alimentarias, onde a responsabilidade social forma parte da sostibilidade social”. Ademais, segundo a investigadora, “proporciona un marco para as prácticas de RSC na cadea de valor alimentaria e ofrece unha serie de recomendacións para garantir boas prácticas sociais ao longo dela”. 

Finalmente, o terceiro documento explora o comportamento dos consumidores ao comprar produtos alimenticios e trata de explicar a influenza das boas prácticas sociais das empresas na RSC e o seu efecto nos consumidores finais. “Este estudo amplía o concepto de RSC incluíndo aspectos sociais, como a importancia de respectar os dereitos humanos e laborais, as condicións de traballo decentes, a consideración das comunidades nas que se atopan as empresas e a relación destas cos seus actores comerciais nas súas cadeas de subministro. Tamén proporciona máis información sobre a percepción dos consumidores ao incluír este concepto como a concepción dos consumidores en relación coas prácticas sociais das empresas na industria alimentaria”.

Comprender a diferencia entre a RSC e a sostibilidade social

As conclusións engaden novas perspectivas á literatura existente sobre o desenvolvemento sostible ao explorar as cuestións de sostibilidade social dende diferentes ángulos vinculados ás cadeas de valor alimentarias. “Dende un punto de vista teórico, a investigación proporciona unha perspectiva completa das cadeas de valor alimentarias, algo que dificilmente se atopa na investigación actual e nun concepto tan amplo como é a sostibilidade social”. Ademais, segundo a investigadora, axuda ao lector a comprender a diferencia entre a RSC e a sostibilidade social, e destaca a importancia de que os responsables de formular políticas sexan conscientes, en particular para a súa medición. Dende un punto de vista práctico, propón unha serie de recomendacións sobre a cadea de valor alimentaria onde, non só o goberno e as organizacións non gubernamentais, senón tamén as empresas privadas, deben tratar de implementar e asegurar bos estándares sociais dentro da RSC”.