DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Vázquez investigou os fundamentos históricos e xurídicos da liberdade de testar 

Unha tese achega novos argumentos para un posible cambio lexislativo en materia de dereito sucesorio español 

A investigadora é a doutoranda máis nova no ámbito xurídico-social na historia da Universidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/01/2019

O cuestionamento que cada vez máis xuristas e sobre todo notarias e notarios fan da viabilidade e a xustiza do sistema de lexítimas do Código Civil e da lei de Dereito civil de Galicia, levou a Ana Vázquez Lemos a investigar na súa tese de doutoramento os fundamentos históricos e xurídicos da liberdade de testar, é dicir, a capacidade das persoas de dispoñer dos seus bens para despois da súa morte. “O que defendo na miña tese é máis propiamente a liberdade de instituír herdeiro no testamento”, explica a doutora en Dereito pola Universidade de Vigo, que lembra que os fundamentos históricos e xurídicos desta liberdade afondan as súas raíces no Dereito Romano, “de xeito que na primeira época das XII Táboas a liberdade de testar era absoluta, pasando a un sistema de proporcións mínimas para o herdeiro estraño, que sempre tería dereito a percibir a cuarta parte da herdanza (cuarta falcidia), e os fillos, que se eran instituídos herdeiros recibirían unha terceira parte ou a metade da herdanza en función do seu número”, explica a investigadora.

A tese de Ana Vázquez, Fundamentos históricos y jurídicos de la libertad de testar, realizada baixo a dirección da catedrática de Dereito romano da Universidade de Vigo Margarita Fuenteseca, proba que a aparición das e dos herdeiros forzosos no dereito español ten lugar a partir da promulgación do Código civil e non existiron nin son herdanza directa do Dereito romano, como se sostiña ata agora. “A principal conclusión a que cheguei nesta investigación é que a lexítima entendida como parte que necesariamente debía reservarse aos fillos no testamento apareceu no Código civil español coa incorporación da figura dos herdeiros forzosos tal e como se entende hoxe en día”, explica Ana Vázquez, que lembra que na antigüidade, dende o Dereito Romano, pasando polo visigótico, o castelán e ata os séculos XVI ao XIX, o que existiu foi a liberdade de instituír herdeira ou herdeiro no testamento, podendo ser este unha filla ou fillo ou un estraño, e incluso podendo deixar a unha filla ou fillo a maior parte dos bens, apartando aos demais cunha cantidade en rendas, cartos ou en froitos, como estimase a testadora ou testador. 

Para a realización da súa investigación, Ana Vázquez empregou unha metodoloxía na que analizou todas as fontes xurídicas dos períodos que conforman o dereito histórico español. “Partindo dunha análise crítica das fontes, no seu contexto histórico, comprobei todas as pasaxes e os textos histórico-lexislativos, nun intento por atopar a orixe dos herdeiros forzosos do actual Código Civil”, explica a investigadora.

A doutoranda máis nova da Universidade no ámbito xurídico-social 

Nacida en Santiago en decembro de 1992, Ana Vázquez Lemos cursou o Grao en Dereito entre os anos 2010 e 2014 e o Máster en Avogacía na Universidade de Vigo, onde obtivo o título de doutora con 25 anos, o que a converte na doutoranda máis nova no ámbito xurídico-social na historia da institución académica viguesa. “Ser a doutoranda máis nova no meu ámbito non pode ser outra cousa para min que un motivo de satisfacción e unha recompensa ao traballo e ás horas de dedicación que tanto a miña directora de tese, Margarita Fuenteseca ,coma eu, puxemos para que o labor de investigación saíse adiante con tan bos resultados”, explica Ana Vázquez, que asegura que non houbo nada de premeditación nesta circunstancia. 

A autora da tese sobre os fundamentos históricos e xurídicos da liberdade de testar destaca que o proceso foi moi duro, sobre todo ao inicio, e precisou dun grande esforzo e moitas horas de biblioteca e busca documental. “Nin lembro as horas que dediquei a recompilar información e algúns capítulos cheguei a corrixilos ata seis e sete veces”, sinala Ana Vázquez, que responsabiliza do rápido avance na elaboración da súa tese “ao incentivo e impulso da miña directora e por ter as ideas moi claras”. Rematada a súa tese, Ana Vázquez asegura que lle gustaría dedicarse á investigación no eido xurídico, “ademais coido fundamental afondar na orixe das institucións xurídicas actuais para face propostas innovadoras e adaptalas á realidade social”, sinala.