DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Myriam Santos buscou avaliar as características destas manobras en diferentes situacións

Unha tese achega novos datos sobre a reanimación cardiopulmonar a bebés

Nela confírmase que é viable realizar a RCP durante unha evacuación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/02/2023

A parada cardíaca “extrahospitalaria”, aquela que se produce fóra dunha contorna sanitaria, “é unha das principais causas de morte nos países industrializados”, o que fai desta un “importante problema sanitario” que non se limita á poboación adulta, senón que afecta tamén a “vítimas pediátricas”, dentro das que as e os lactantes “supoñen case a metade dos casos”, como explica a profesora da Escola Universitaria de Enfermaría Myriam Santos. Pese a isto, as investigacións sobre parada cardíaca e a realización da manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) centráranse ata o de agora na poboación adulta, o que provoca que “diversas recomendacións de actuación a vítimas pediátricas son extrapoladas de investigacións con vítimas adultas”, sinala. Partindo deste escenario, Santos Folgar centrou a súa tese de doutoramento en avaliar as características das manobras de reanimación a nenos e nenas en diferentes situacións, achegando novos datos sobre aspectos que non foran previamente analizados. Entre eles, a viabilidade de iniciar a RCP mentres se camiña cun bebé en brazos, nun contexto no que sexa preciso evacuar a un lactante que sufriu unha parada cardíaca.

Profesora na Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, Santos desenvolveu a súa tese Evaluación de las habilidades en el manejo de la vía aérea y ventilación en soporte vital básico e instrumental no programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable, baixo a dirección do profesor Roberto Barcala. Integrante do grupo de investigación Remoss, a tamén doutora pola Universidade da Coruña reuniu nesta tese catro estudos, recollidos nas publicacións científicas Pediatric Emergency Care, Anales de Pediatría e Signa Vitae. Dúas destas investigacións, explica, achegan “datos novidosos” sobre a realización de ventilacións con diferentes técnicas, mentres que outro dos estudos, todos eles simulacións realizadas con manequíns, constitúe “o primeiro que avalía a calidade da RCP durante un tempo prolongado en vítimas lactantes”. A estes súmase á súa vez o dirixido a “avaliar a viabilidade das manobras de resucitación durante o traslado da vítima pediátrica en brazos”. 

Unha recomendación nunca contrastada

Como lembra Santos Folgar, “a supervivencia tras unha parada cardíaca extrahospitalaria depende do inicio precoz das manobras de reanimación e da súa calidade”. Mais, no caso dunha emerxencia, a RCP debe combinarse co traslado da vítima a unha zona segura. Neste punto, tanto a American Heart Association (AHA) como o European Resucitation Council (ERC) incluíron durante anos nas súas guías a recomendación de transportar ao bebé en brazos á vez que se lle realiza a RCP, ata trasladalo a un lugar seguro para “activar os sistemas de emerxencia”. Mais estas recomendacións, explica a docente e investigadora, baseábanse no “consenso de expertos”, xa que ata agora non se levara a cabo ningunha investigación específica sobre esta cuestión.

Ese foi o propósito do estudo levado a cabo con 21 estudantes do Grao en Educación Infantil, que previamente recibiran unha hora de formación en soporte vital básico, ademais de realizar un “breve adestramento de dez minutos” sobre a posición na que deberían transportar as vítimas. Dúas semanas despois, as e os participantes realizaron dúas probas de RCP de dous minutos mentres camiñaban con rapidez co manequín en brazos. Os resultados deste estudo amosan  “que aínda que haxa un lixeiro descenso da calidade das compresións”, que non das ventilacións, “é posible realizar a RPC camiñando rápido coa vítima lactante no antebrazo, polo que esta opción parece ser unha alternativa tanto en termos de seguridade como de calidade da RCP”, sinala Santos.

Duración das manobras e técnicas de ventilación

Outro dos propósitos desta tese era avaliar as características da RCP con diferentes colectivos. Deste xeito, á vez que o estudo sobre a evacuación dos lactantes foi realizado con estudantes que no futuro representarán “a primeira resposta ante emerxencias na contorna escolar”, os restantes leváronse a cabo con futuros enfermeiros e enfermeiras, que “xeralmente son os primeiros en responder ás paradas cardíacas nos centros sanitarios”, como lembra a autora desta tese.

Un destes traballos, “un estudo piloto de simulación” levado a cabo con once estudantes, buscaba afondar nos efectos da fatiga que podería supor unha reanimación prolongada de vítimas infantís. “A RCP é un procedemento fisicamente esixente”, lembra Santos, que incide en que, no caso de adultos, a calidade destas manobras “descende a partir do segundo minuto”, fundamentalmente por mor “da diminución da profundidade das comprensións”, o que leva a que as recomendacións do ERC e da AHA sexan “realizar un cambio de reanimador” transcorrido este tempo. Non obstante, explica, esta substitución supón unha interrupción na realización das manobras, o que sumado ao “menor esforzo” físico que implica a súa realización a vítimas pediátricas, motivaron un estudo que buscaba coñecer a calidade da reanimación realizada durante dez minutos por unha mesma persoa. Os resultados, sinala Santos, mostran que o alumnado de Enfermaría é capaz de “realizar manobras de RCP pediátrica de calidade durante un tempo prolongado, sen substituír ao reanimador”.

Por outra banda, os outros dous estudos centráronse en avaliar a calidade das ventilacións, tanto coa técnica do boca a boca como cunha bolsa autoinflable e mascarilla facial. Concretamente, leváronse a cabo dúas simulacións con manequíns, nas que participaron 46 e 44 alumnos e alumnas, que previamente recibiran formación teórica e práctica sobre estas cuestións. Os resultados desta análise, explica Santos, mostran “un manexo máis eficiente da ventilación boca a boca” con respecto á realizada coa bolsa autoinflable, un equipamento habitual na contorna sanitaria e que permite unha maior achega de osíxeno á vítima que o boca a boca.