DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para a súa investigación, Rebeca Santiago reuniu as opinións de 235 estudantes e 594 titores

Unha tese achega propostas de mellora para a formación práctica do futuro profesorado de secundaria

O estudo constata diferencias na valoración deste período formativo, máis elevada entre os docentes 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/01/2021

Na formación do futuro profesorado, as prácticas externas que desenvolven en centros educativos achegan unha “aprendizaxe experiencial, na que os coñecementos e habilidades son máis fáciles de interiorizar, logrando así unha aprendizaxe realmente significativa”, salienta a investigadora Rebeca Santiago, que centrou a súa tese de doutoramento na análise das competencias desenvolvidas neste período formativo polo alumnado do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas da Universidade de Vigo. A través dos cuestionarios que, ao longo de cinco cursos, responderon 235 alumnos e alumnas do mestrado e 594 titores e titoras, a investigación permitiu detectar diferencias na “percepción global” que ambos grupos teñen acerca das competencias desenvolvidas neste período, que recibe valoracións “sempre moi elevadas” por parte de titores e titoras e “máis heteroxéneas” por parte do alumnado. A análise de resultados levou así mesmo á investigadora a formular na súa tese unha serie de propostas de mellora para este período formativo, que o alumnado afronta cunha “actitude entusiasta”, como aumentar a súa duración.

Dirixida pola catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Antonia Blanco, a tese Estudio de las competencias de las prácticas externas en la formación inicial del profesorado de educación secundaria tiña por obxecto comprobar “cales son as competencias que desenvolven” os futuros e futuras docentes durante un período que xoga un “papel fundamental na formación inicial do docente”, como sinala a investigadora. Graduada en Educación Infantil e licenciada en Psicopedagoxía, Santiago participou durante seis anos na coordinación deste mestrado, despois de ter colaborado tamén na organización da última edición do Curso de Adaptación Pedagóxica (CAP). Para esta análise empregou a información proporcionada tanto polo alumnado como polos seus titores e titoras nunha serie de cuestionarios que foron realizados entre o curso 2009-2010, no que este mestrado se impartiu por primeira vez, e o 2017-2018.

Unha aprendizaxe que se afronta con entusiasmo 

No referido ás competencias mellor valoradas, o profesorado de institutos, centros de formación profesional, escolas oficiais de idiomas ou escolas superiores que exerceron como titores e titoras destacou “a predisposición e o interese mostrado polo alumnado”, así como a súa “actitude entusiasta” e a súa “relación favorable co alumnado ao que imparten clase”. No caso do estudantado, as competencias con maior valoración foron “a reflexión realizada co titor sobre a actuación dos futuros docentes na aula”, así como “o acceso ao material didáctico da aula e do centro" e a “predisposición e o interese e actitude entusiasta”. Nese senso, Santiago incide en que o feito de que as competencias máis valoradas fosen as “relacionadas con aspectos intrínsecos aos estudantes” permite constatar a súa “clara predisposición cara a aprendizaxe”.

Diferente percepción

Non obstante, a comparación dos resultados dos cuestionarios realizados a ambos grupos amosou diferencias na “percepción global”. Coa excepción do profesorado de formación profesional, que considera que o alumnado en prácticas desenvolve en menor medida esta serie de competencias, as valoracións dos titores e titoras foron “sempre moi elevadas”. No referido ao alumnado, as súas respostas “son máis diversas e heteroxéneas e non en todos os casos resultan favorables”, sen que existan variacións en función do sexo ou do itinerario do mestrado cursado, explica Santiago. En concreto, o alumnado resalta tres competencias que consideran “non foron traballadas adecuadamente”. Por unha banda, sinala a investigadora, “considera que non puido desenvolver actividades de titoría” e que tampouco “puido participar activamente nas tarefas de organización encomendadas desde o centro”, aspectos que atribúen principalmente ao “limitado tempo de duración das prácticas”. Por outra banda, as e os estudantes tamén incidiron en que “non foi posible ter en conta os diferentes contextos multiculturais”, sinalando neste caso como principal motivo que “os grupos aos que impartiron docencia eran homoxéneos”.

Propostas de mellora

A raíz dos resultados, Santiago formula na súa tese dunha serie de propostas, entre as que figura “mellorar a comunicación entre o profesorado titor e o equipo coordinador de prácticas do máster”, incidir nas competencias “relacionadas coa xestión e organización do proceso de ensinanza”, revisar os contidos impartidos nas diferentes materias e “reorganizar o período de realización” destas prácticas externas. A investigadora tamén propón aumentar o tempo de duración das prácticas externas, que actualmente supoñen 150 horas presenciais, xa que tanto o alumnado como o profesorado que participou neste estudo consideran que deberían ter unha maior extensión. Non obstante, aqueles e aquelas titores que xa desenvolvían este labor no antigo CAP sinalan tamén que o actual modelo de prácticas externas “é mais completo e apropiado, o que sen dúbida é unha indicación de evolución e avance”, engade.