DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dados os elevados intereses económicos que move o deporte (patrocinios, dereitos audiovisuais...)

Unha tese advirte da multiplicación de conflitos polo “inevitable choque” entre as federacións deportivas e os novos operadores privados

É a primeira vez que un estudo afronta de forma global esta problemática xurídico-deportiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/02/2023

Campionatos de Europa, do mundo, nacionais… foron  historicamente xestionados polas federacións deportivas, pero cada vez é máis habitual a aparición de operadores privados que lle disputan ese monopolio, sobre todo no ámbito da organización das competicións deportivas profesionais, nas que conflúen a maioría dos intereses económicos do deporte, sobre todo en forma de patrocinios  e dereitos audiovisuais. Así se expón na tese de doutoramento do avogado Ignacio López, un estudo no que se analizan en profundidade as relacións entre o dereito da competencia europeo e o deporte e no que se advirte de xeito claro e contundente do “inevitable choque” entre ese histórico monopolio das federacións e os novos operadores privados, que organizan competicións ao marxe desas federacións.

“Temos o caso da euroliga de baloncesto, o recente e coñecido caso da superliga de fútbol e outros que van xurdindo en deportes como o pádel ou o golf, pero realmente hai moita máis problemática baixo estes asuntos mediáticos e non había ningún estudo que abordara de forma completa todas as cuestións que poden ser obxecto de conflito no ámbito do dereito da competencia”, subliña o autor da tese, quen explica que este tipo dereito busca, “basicamente”, que os distintos operadores económicos dun determinado ámbito poidan actuar nel en igualdade de condicións, evitando que os que teñen maior poder se aproveiten del para limitar que outros poidan entrar a competir nese mercado. “E no deporte está a pasar iso”, recalca López, avogado especializado en dereito deportivo, quen aclara que, se ben e é un fenómeno moi recente que comeza de forma moi discreta nos anos 70 do século XXI, nos últimos anos colleu forza e actualmente os conflitos estanse a multiplicar coa aparición deses operadores privados.

“Crecente interese” da Comisión Europea por fiscalizar e controlar a actividade deportiva

A tese, dirixida polo catedrático Julio Costas e defendida na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, consta de cinco capítulos. A modo de introdución, o primeiro presenta o marco territorial no que se centra a análise, facendo un pequeno acercamento ao mercado único europeo e ao tratamento que a Unión Europea veu facendo do deporte nos seus diferentes tratados e documentos.

Dos capítulos segundo ao quinto xa se pasa a analizar de forma concreta as relacións que se foron atopando entre competencia e deporte, agrupándoas nos diferentes grupos nos que se poden xerar conflitos. O último capítulo está dedicado ás conclusións e nel póñense de manifesto as problemáticas encontradas ao longo de toda a análise e que pretenden servir de base tanto para o estudo como para a solución dos conflitos xurídicos que xurdan no futuro nun ámbito tan específico.

“Sen ánimo de afondar en exceso, as problemáticas máis habituais xorden, e no futuro inmediato serán as de maior transcendencia, dese choque entre as federacións e os novos operadores privados”, recalca o autor, quen explica que é “precisamente” nas competicións profesionais, que historicamente foron xestionadas polas federacións, nas que conflúen a maioría dos intereses económicos do deporte, e nas que, polo tanto, xorden e seguirán xurdindo, un maior número de conflitos. Por outra banda, o autor tamén fai fincapé no “crecente interese” por parte dos organismos europeos, sobre todo da Comisión Europea, en fiscalizar e controlar a actividade deportiva máis aló da súa perspectiva social, tendo en conta que en moitas ocasións desenvolven unha actividade económica capaz de xerar distorsións importantes nos mercados e na competencia.

Privilexios que noutro sectores “serían impensables”

“Na miña opinión hai que empezar a distinguir entre o deporte como actividade física, con esa perspectiva social, integradora e educativa que ten que gozar dunha protección e apoio dos distintos poderes públicos europeos, tal e como se reflite no actual Tratado de Funcionamento da Unión Europea, e o deporte como actividade económica, como espectáculo que debe actuar no mercado en igualdade de condicións que o resto de operadores económicos”, salienta López, quen defende que esa confusión que existe ao analizar o deporte en conxunto desde unha perspectiva socio-económica, “permite que se concedan privilexios que noutros sectores económicos serían impensables”.

Especialista en dereito deportivo

Avogado dende o ano 2007, a actividade profesional de Ignacio López está intimamente ligada ao dereito deportivo, sector no que leva desenvolto boa parte da súa actividade profesional, tanto no ámbito das federacións deportivas, no que ostenta distintos cargos, como en organismos disciplinarios autonómicos e nacionais. A nivel académico, é autor de diversos artigos e publicacións relacionadas con todas estas cuestións.