DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada pola xurista e egresada da UVigo Marta Comesaña

Unha tese analiza o dereito á protección de datos no ámbito laboral

Nela apúntase que o dereito á desconexión dixital está recoñecido pero non regulado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 21/02/2022

No seu artigo 18.4 a Constitución española recolle o dereito fundamental á protección de datos, establecendo que “a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos”. Na súa tese de doutoramento, a xurista Marta Comesaña realizou unha exhaustiva análise deste dereito á protección de datos no ámbito laboral, tanto da súa evolución histórica como da súa situación actual ante retos como o dereito á desconexión dixital.

A tese foi presentada este curso académico baixo a dirección da profesora Ana Garriga na Facultade de Dereito do campus de Ourense, onde Marta Comesaña se titulou en Dereito. “Elixín o ámbito laboral porque paréceme que é un ámbito onde se desenvolve parte da nosa vida diaria e é importante que todos os traballadores coñezan os seus dereitos”, explica a xa doutora pola Universidade de Vigo. A súa tese, indica, centrouse no estudo da lexislación aplicable, da xurisprudencia e da bibliografía máis destacada na materia. O dereito fundamental á protección de datos, sinala a xurista, é un dereito autónomo “se ben, en ocasións, ten o carácter de dereito instrumental en relación con outros dereitos, entre eles o dereito á intimidade e o dereito ao segredo das comunicacións”. Este dereito, engade, tamén denominado dereito á “autodeterminación informativa”, consiste “no poder que cada persoa ten de coñecer quen ten os seus datos, para que, con que propósito, e de ser o caso, a quen llos cedeu”.

Repaso normativo

Como dereito autónomo, sinala a investigadora, este dereito foi recoñecido pola xurisprudencia do Tribunal Constitucional na súa sentenza 292/2000, que di que: “confire ao seu titular un feixe de facultades que son elementos esenciais do dereito fundamental á protección de datos persoais, integrado polos dereitos que corresponden ao afectado a consentir a recollida e o uso dos seus datos persoais e a coñecer os mesmos. E para facer efectivo ese contido, o dereito a ser informado de quen posúe os seus datos persoais e con que finalidade, así como o dereito a oporse a esa posesión e uso esixindo a quen corresponda que poña fin á posesión e emprego de tales datos”. Á súa vez, para prohibir posibles abusos provintes dos poderes públicos, o texto recolle que “para os poderes públicos o dereito fundamental á protección de datos persoais impón a prohibición de que se convertan en fontes de información sen as debidas garantías”. Isto, engade Marta Comesaña, queda ademais referendado pola sentenza do Tribunal Constitucional 17/2013 ao recoller que “non [se] permite a comunicación indiscriminada de datos persoais entre administracións públicas dado que, ademais estes datos están, en principio, afectos a finalidades concretas e predeterminadas que son as que motivaron a súa recollida e tratamento.”

En moitas ocasións, detalla a xa doutora na súa tese, “o dereito á protección de datos tamén se confunde co chamado dereito á privacidade, aínda que o seu contido distinto”. Así, aclara, o dereito á privacidade en dereito español non existe como tal, sendo “un termo derivado do dereito anglosaxón que fai referencia ao dereito á protección de datos nun ámbito máis amplo, tendo en conta que comprende a esfera da intimidade familiar”. A conexión que ten o dereito á intimidade co dereito á autodeterminación informativa, sinala a xurista, “fainos practicamente inseparables”, apuntando como “na gran maioría das ocasións os nosos datos, aqueles que queremos protexer, teñen un núcleo íntimo”.

Con respecto á regulación do dereito nesta temática, a tese recolle que a primeira lexislación que se promulgou en España foi a Lei Orgánica 5/1992, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal. Despois desa primeira lei orgánica promulgouse máis lexislación a nivel europeo e nacional, sendo a última lei en España sobre esta materia a Lei Orgánica 3/2018. “Con esta última, a nosa sociedade, e o ámbito laboral en particular, totalmente dependente da rede, non se viu todo o arroupada que necesitaría, pois esta lei obviou a grande oportunidade de regular e reforzar a normativa sobre estas materias, que é de urxente necesidade”, sinala a xurista.

Videovixilancia e dereitos dixitais

Ademais de achegarse a documentos como o Regulamento Xeral de Protección de datos 679/2016 (que trata de unificar a lexislación en todos os países da Unión Europea) e o Real Decreto-Lei 8/2019 (de Medidas Urxentes de Protección Social e da Loita Contra a Precariedade Laboral na xornada de traballo), a tese aborda a problemática asociada a temas como a videovixilancia. “Polo que respecta aos tratamentos de datos específicos de vídeovixilancia no ámbito laboral, a pesar de que estes sistemas foron implantados desde fai xa moito tempo, carecían de regulación específica neste ámbito”, apunta Marta Comesaña. En consecuencia, engade, “foi a xurisprudencia a que tivo que ir interpretando os diferentes supostos que se lle foron expondo, creando distintas resolucións, moitas delas totalmente contrapostas sobre a materia. Aínda así, case en todos os supostos, decántase a balanza cara a parte máis forte, o empresario”.

Polo que respecta aos dereitos dixitais en xeral e os dereitos dixitais dos traballadores en particular, a tese apunta que “non melloraron coa entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2018, que non soubo regular estes dunha maneira clara”. Estes dereitos, sinala, “outorgan no ámbito laboral de maneira explícita máis poder ao empresario, restándollo ao traballador”. E en canto aos posibles dereitos que outorga ao traballador, a xurista indica que estes constitúen unha norma en branco no caso dos dereitos á desconexión dixital, xa que non están regulados, especificamente delimitados. Así, subliña, “recoñécese o dereito á desconexión dixital pero non se regula, co que non pode ser reclamado xudicialmente aplicando esta norma xa que esta non define as condicións da desconexión”.