DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Crasto estudou os efectos do test ASLR en pacientes con e sen dor lumbar

Unha tese analiza a efectividade dunha proba clínica para detectar alteracións no control motor do corpo

Trátase dunha proba “moi común” no ámbito clínico, pero que precisa de “maior evidencia científica”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/11/2020

A dor lumbar crónica de orixe non específica, “un problema de saúde a nivel mundial, que xera altos custos directos e indirectos”, asóciase frecuentemente, como sinala o investigador Carlos Crasto, a “cambios no control motor, que a súa vez poden ter repercusións no sistema de estabilidade” da rexión lumbar. Na súa tese de doutoramento, que defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, analizou a efectividade dunha proba “moi común” no ámbito clínico, pero que aínda precisa de “maior evidencia científica”. Trátase da ASLR (Active Straight Leg Raise), un exercicio no que o paciente debe levantar, deitado, unha perna preto de 20 centímetros e que a raíz dos resultados dos estudos realizados, explica, “parece ser capaz de detectar alteracións no control motor” en persoas con e sen manifestacións de dor lumbar.

Dirixida polo profesor José María Cancela, a tese Controlo motor em indivíduos com e sem dor lombopélvica tiña entre os seus obxectivos comprobar se a ASLR, que constitúe “un desafío á rexión lumbar, que debe estar estable para permitir o movemento da perna”, facía posible ou non “diferenciar as persoas con trastornos do control motor”. Nestes englobaríanse alteracións “a nivel estrutural dalgúns músculos”, por ter estes maior infiltración de graxa e menor volume, ou funcionais, nos “patróns de activación muscular”; pero tamén alteracións do movemento ou da activación cerebral. Nese senso, un dos obxectivos da investigación que desenvolveu no marco do programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde era comprobar se esta proba permitía detectar esas alteracións independentemente” da presenza ou non de dor lumbar, algo que “parece ser capaz” de facer, aínda que, subliña, o estudo realizado “non permite aínda” dar por probado ese efecto. 

Tres estudos con pacientes con e sen dor lumbar

Fisioterapeuta e profesor na Escola Superior de Saúde de Santa María e na Escola Superior de Saúde do Instituto Politécnico do Porto desenvolveu para a súa tese tres estudos con pacientes con e sen dor lumbar. Neles avaliou a actividade electromiográfica dos músculos recto abdominal, oblicuo externo e transverso abdominal oblicuo interno, así como o desprazamento do centro de presión.

O primeiro deles foi un “estudo transversal” con 18 individuos que presentaban “dor lumbar crónica de orixe non específica”. Con el buscaba “estudar as propiedades” da UBP (Unidade de Biofeedback de Presión), unha bolsa con aire que se coloca na zona lumbar para “verificar se hai movemento”, cuxa “relación cos indicadores de estabilidade fora cuestionada” en investigacións previas. Neste estudo, Crasto puido constatar que a UBP “non parece ser un indicador da actividade muscular abdominal, nin da transferencia da carga media lateral nesta posición”. Pola contra o uso desta bolsa como “estratexia de biofeedback”, que permite aos pacientes percibir se están ou non a mover a columna, si “provocou un aumento significativo na actividade de practicamente todos os músculos abdominais”.

Nun segundo estudo dirixido a analizar os efectos da proba ASLR, Crasto avaliou tanto a súa aplicación cun grupo de 19 persoas con dor como con dous grupos de “individuos asintomáticos”. Un deles, explica estaba conformado por doce persoas que non manifestaban dificultades para realizar a proba e o outro por sete individuos que si referían dor ou dificultades para realizar o exercicio. 

Análise de diferentes estratexias

Deste segundo estudo derivou á súa vez un terceiro, que buscaba realizar unha “comparación de estratexias de estabilización”, unha serie de prácticas dirixidas a “aumentar a estabilidade na rexión lumbar” e coñecer os seus efectos en combinación coa ASLR. Concretamente, Crasto traballou, con individuos con e sen dor lumbar crónica, tanto cunha estratexia pasiva, a “compresión pélvica manual”, como con dúas “estratexias de activación muscular”, que contribúen a estabilizar a rexión e que son utilizadas no tratamento deste tipo de pacientes. Trátase do bracing, a “contracción global dos músculos do tronco”, e do draw-in abdominal, que “céntrase en músculos máis profundos, tipicamente máis relacionados coa estabilidade”.  

O estudo amosou como a aplicación destas dúas últimas estratexias permitiu “aumentar a actividade dos músculos transverso abdominal e oblicuo interno, así como facer que a actividade sexa máis simétrica entre os dous lados”. O bracing abdominal, así mesmo, “contribúe a unha maior estabilización cinemática”, mentres que a compresión pélvica, a pesares de “crear unha boa estabilización, non inflúe na actividade muscular”. Deste xeito, a investigación, conclúe Crasto, contribúe “a unha mellor aclaración do efecto inmediato” destas estratexias durante a ASLR, “pero non pode responder directamente cal é a mellor para aplicar no contexto clínico”.