DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bruno Silva realizou o estudo con estudantes da Escola Superior de Desporto e Lazer de Melgaço

Unha tese analiza a evolución física do alumnado dunha titulación centrada no deporte

Tralo primeiro ano, só as alumnas mantiñan os niveis previos de actividade física

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 04/12/2020

O inicio dos estudos superiores constitúe unha etapa de cambios que, en ocasións, pode traducirse nunha diminución dos niveis de práctica de actividade física, mesmo nunha titulación vinculada co deporte. Co obxectivo de analizar as relacións entre a competencia motora, o dominio dunha serie de habilitades vinculadas ao propio desenvolvemento humano, e a capacidade funcional, o investigador Bruno Silva levou a cabo para a súa tese de doutoramento un estudo con preto dun centenar de estudantes da Escola de Desporto e Lazer de Melgaço, pertencente ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC). Esta investigación permitiulle detectar, entre outras cuestións, unha “traxectoria diferente” nas variacións da composición corporal que presentaban as e os estudantes tralo seu primeiro ano na licenciatura en Desporto e Lazer. No caso dos estudantes, rexistrábase unha diminución nos niveis de actividade física, mentres que as alumnas mantíñanos “aproximadamente iguais”, o que derivou en que, transcorrido ese primeiro ano, reduciran a súa porcentaxe de masa graxa e presentasen melloras na súa competencia motora. 

Os resultados desta investigación recóllese na tese Aptitude física, función física e actividade física nos estudantes universitarios: estudo de caso de estudantes de Deportes, que este investigador e adestrador desenvolveu na Universidade de Vigo baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e o docente do IPVC Pedro Bezerra. A investigación, explica Silva, tiña como obxectivo en primeiro termo analizar a asociación entre a competencia motora e a capacidade funcional, que fai referencia ao manexo do corpo que esixen a maior parte das actividades da vida diaria, así como a propia actividade deportiva. Coordinador do Sports for Development Center da Escola Superior de Desporto e Lazer, da que é tamén profesor convidado, e responsable do Surfing Viana Performance and Research Hub, Silva contou neste estudo coa participación de 92 estudantes, 68 alumnos e 24 alumnas, o que lle permitiu tamén tratar de coñecer as variacións que experimentaron nestes dous aspectos, así como na composición corporal e nos niveis de actividade física, como consecuencia da súa entrada ao ensino superior. 

A competencia motora e o Functional Movement Screen 

A primeira parte da investigación buscaba así mesmo analizar a correspondencia entre as categorías da competencia motora, a manipulativa, a estabilizadora e a locomotora, co Functional Movement Screen (FMS), un sistema de detección de limitacións nos patróns de movemento fundamentais a través “de sete probas que requiren un equilibro entre mobilidade e estabilidade”. O obxectivo deste estudo era coñecer se o FMS permitiría analizar ou non as tres categorías da competencia motora, algo non abordado previamente. Mais os resultados desta análise, explica, levárono a concluír que a capacidade funcional, avaliada a través desta serie de tests, “non está conectada cos construtos da competencia motora”, coa excepción da estabilidade. Permanecen deste xeito as dúbidas, sinala, respecto da relación entre “unha mellor competencia motora e unha mellor capacidade funcional”. 

Os cambios tras un ano na titulación

Tras esta primeira análise, a investigación tivo como obxectivo analizar, coa mesma mostra, o “perfil de variacións de competencia motora, capacidade funcional, composición corporal e niveis de actividade física” no transcurso do seu primeiro ano nesta titulación. Este estudo permitiu a Silva constatar que as “rutinas propias de entrada no ensino superior”, sumadas á práctica deportiva inherente a varias das materias, “poden levar a alteracións na composición corporal”, que presentan unha “traxectoria diferente entre homes e mulleres”. Concretamente os mozos participantes no estudo “reduciran significativamente os niveis de actividade física habitual, mentres que as mulleres mantiveran os niveis aproximadamente iguais”, apunta Silva, que lembra que se trata de estudantes que “xeralmente xa presentan uns niveis altos” de práctica de exercicio físico.

“O que aconteceu foi que as mulleres mantiveron niveis idénticos de actividade, mais reduciron singificativamente” a súa porcentaxe de masa graxa “e melloraron a competencia motora”, engade Silva, que sinala como o “único factor” que pode provocar estes resultados os “novos estímulos motores inherentes á practica de actividades deportivas vinculadas ao currículo académico”.  

De feito, o estudo buscaba tamén coñecer a relación entre a selección de actividades deportivas dentro da propia formación na licenciatura e a competencia motora que, conclúe o investigador, “parece non ser determinante nas escollas das opcións deportivas inherentes ao currículo”. Así mesmo, Silva buscou tamén analizar a correlación entre competencia motora, adiposidade e densidade mineral ósea en persoas fisicamente activas. Neste aspecto, a súa tese amosou como “mesmo en alumnos con niveis altos de actividade física”, como é o caso das e os participantes, maiores niveis de masa graxa son tamén indicadores dunha “menor competencia motora”, ao igual que acontece, explica, con nenos e adolescentes, nos que a masa graxa é tamén indicativa de “menor participación en actividade física”.  Así, engade Silva, “queda claramente demostrada a influencia que as barreiras da competencia motora desempeñan na inactividade física e a importancia do desenvolvemento da competencia motora como factor de saúde pública, na redución dos niveis de sedentarismo”.