DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada polo economista serbio Marko Crnogorac

Unha tese analiza a fiscalidade nos países da ex-Iugoslavia

O estudo foi presentado na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 21/03/2019

A política fiscal, a evasión fiscal e a moral tributaria nos países da ex-Iugoslavia. A análise destas tres cuestións centrou a tese de doutoramento de Marko Crnogorac, egresado en Economía da Universidade de Novi Sad, en Serbia. O traballo foi presentado recentemente na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

A tese, titulada Fiscal issues in former iugoslavian countries, estivo dirixida polo catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago. “A análise das cuestións fiscais nos países de antiga Iugoslavia permitiume cumprir dous obxectivos persoais: dedicarme a un tema que me interesaba e á vez axudar á miña rexión, ao meu país”, apunta o investigador, que fai fincapé na importancia da motivación no proceso formativo “largo e duro” que supón a elaboración dunha tese de doutoramento. A elección da Universidade de Vigo para a súa elaboración, apunta, foi pola boa experiencia que tivo na institución académica cando no curso 2015/2016 estivo cunha bolsa do Programa Erasmus.

Tres eixes

Segundo explica o seu autor, a tese está estruturada en tres eixes. O primeiro deles tivo como obxectivo analizar a política fiscal nos países da ex-Iugoslavia (Bosnia e Herzegovina, Croacia, Eslovenia, Macedonia do Norte, Montenegro e Serbia) durante o período 2001-2014. Neste apartado, Marko Crnogorac elaborou “unha base de datos homoxénea para describir a evolución dos principais agregados fiscais en cada país utilizando unha estrutura analítica idéntica”. Tamén analiza a composición dos ingresos fiscais para determinar se aínda existen patróns comúns ou se evolucionaron de diferentes maneiras ao longo do tempo e afonda na elasticidade do déficit, os impostos e os gastos. “Os resultados amosan que a composición dos ingresos tributarios segue sendo similar e que a fenda de produción, ou de fenda do PIB, é moi importante para explicar a evolución tanto do déficit como dos gastos sobre o PIB en todos os países pero non para explicar a evolución dos ingresos sobre o PIB”, comenta o xa doutor.

O segundo eixe da tese de doutoramento céntrase en presentar estimacións da evasión fiscal en todos os países da ex-Iugoslavia durante varios anos e os impostos durante as últimas dúas décadas. “Os datos fiscais e datos de contas nacionais, apenas dispoñibles, só nos permiten proporcionar estimacións aproximadas. Con todo, son unha contribución útil á literatura existente xa que a evasión fiscal estímase por primeira vez nalgúns dos países analizados”, explica Marko Crnogorac. A principal avaliación agregada da evasión fiscal, detalla, baséase en datos sobre a economía somerxida e a carga fiscal.

Por último, no terceiro capítulo o investigador, que conta cun Mestrado en Economía na súa universidade de orixe, realiza unha análise empírica sobre os determinantes da moral tributaria nos países da ex-Iugoslavia, incluídos os atributos dos cidadáns e as variables contextuais, empregando para iso datos de enquisas do estudo europeo de valores de 2008 así como datos macroeconómicos e fiscais. “Os resultados revelan que os resultados para as variables de nivel individual están en liña coa literatura científica anterior. Ademais, os resultados sobre as variables contextuais e as interaccións asociadas coa carga fiscal, a economía mergullada e a liberdade económica brindan novos coñecementos sobre a moral fiscal nestes países”, apunta por último o investigador.