DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen Porteiro estudou as comunidades que se articulan na rede en torno a estas técnicas

Unha tese analiza como a fotografía analóxica foi capaz de sobrevivir na era dixital

A creación de “grupos con sentido de pertenza” en internet contribúe á súa preservación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 30/05/2023

Nunha época marcada pola omnipresencia da imaxe dixital, as técnicas e procesos vinculados á fotografía analóxica conseguiron sobrevivir e mesmo revitalizarse, entre outros factores, grazas ás “comunidades dixitais” articuladas na rede polos seus usuarios e usuarias. “Nun momento de sobrecreación e sobredifusión de imaxes dixitais, esta fotografía máis meditada, máis reflexiva, máis construída, que precisa de tempos de procesado e posterior dixitalización, logra facerse un oco, manterse e incluso recuperarse”, salienta a fotógrafa Carmen Porteiro, que centrou a súa tese de doutoramento no estudo destes “pequenos ecosistemas” virtuais de afeccionados e afeccionadas. A pesar de non ser o seu espazo “natural”, a imaxe analóxica atopou en internet un lugar no que usuarios e usuarias comparten imaxes e coñecementos, xerando “grupos con sentido de pertenza”, que, sinala a investigadora, “axudan a que os procesos non se perdan”.

Dirixida polo profesor da Facultade de Comunicación Daniel Martí, a tese A fotografía tradicional na era posfotográfica analiza nese senso tanto o funcionamento deste tipo de comunidades como os tipos de fotografías que comparten nestes espazos dixitais. Partindo da súa propia experiencia como fotógrafa e participante neste tipo de grupos virtuais, Porteiro Sánchez levou a cabo un traballo de “etnografía dixital”, no que adoptou “unha técnica de observación non participante” nunha serie de portais ou redes sociais das que foi membro activa durante anos. 

Mudaron as técnicas, pero tamén os usos

Realizada no programa de doutoramento en Comunicación, a tese preséntase como “un estudo da evolución da imaxe e da representación da realidade a través da cámara escura, un instrumento para a captura que se foi transformando na medida na que os avances tecnolóxicos foron mudando as formas, procesos e tempos de produción”. De feito, este estudo parte da concepción do momento actual como unha “era posfotográfica”, na que este medio xa “non só implica representar a realidade, senón que pode crear novas realidades, desprendéndose do uso orixinario”, como recoñece a investigadora. Nunha época, engade, na que “a tecnoloxía dixital está omnipresente”, as imaxes fotográficas multiplicáronse de xeito exponencial e pasaron a difundirse a través da rede dunha forma “case automática e continuada”. Neste punto, Porteiro cita ao artista e ensaísta Joan Foncuberta, quen sostén que “as fotos xa non recollen lembranzas para gardar senón mensaxes para enviar e intercambiar”.

Neste contexto de “sobresaturación de imaxes”, os procesos previos á fotografía dixital “parece que atoparon un oco” na contorna dixital, sinala Porteiro, que, a través dunha serie de casos de estudo, analizou o “comportamento de usuarios, produtores e consumidores de fotografía analóxica” en diferentes portais e espazos na rede, pero tamén o das empresas do sector especializadas en produtos e servizos relacionados coa imaxe analóxica. Esta análise permitiulle constatar como internet tense erixido como novo espazo no que “discutir o sentido da imaxe” e no que atopar e intercambiar información, desde “o primeiro contacto” ata o “consello profesional”, como sinala a autora desta tese, que combina o seu traballo como fotógrafa e realizadora de vídeos co seu labor como docente en obradoiros ligados á dixitalización de imaxes ou documentos analóxicos.

Nese senso, un dos casos de estudo que lle permiten exemplificar como estes espazos virtuais contribúen a “crear un sentido de comunidade” é o que rodea a celebración do Día Internacional da Fotografía Estenopeica (Worldwide Pinhole Photography Day). Esta conmemoración ten lugar o último domingo de abril, momento no que afeccionados e afeccionadas de todo o mundo saen á rúa a realizar fotografías con esta técnica. Trátase, explica, dunha “comunidade en letargo todo o ano”, que conta cunha “web moi antiga, cunhas redes sociais con poucos usuarios” e nas que apenas hai publicacións, pero que se caracteriza pese a todo por ese “sentido de grupo”, por un vínculo “que rexorde cada ano nestas datas” e que provoca que nas semanas seguintes vaian subíndose á web as fotografías realizadas para logo “adormecer” de novo. De aí que unha das conclusións da tese sexa que é a propia fotografía a que determina” se en torno a ela se articula ou non unha comunidade, alén “do volume de usuarios ou de interacción”. 

Unha fotografía máis meditada 

A coexistencia na actualidade da fotografía analóxica e dixital vén definida tamén polas diferencias no seus usos e concepción, como recoñece Porteiro. “A fotografía dixital sobrevive pola facilidade da toma e pola comodidade no uso das cámaras dos dispositivos móbiles”, sinala, pero tamén pola “necesidade de recoñecemento nas redes sociais usando a imaxe como forma de confirmar a propia existencia do usuario”. Pola contra, a analóxica está ligada á “romantización” do proceso, “ás novas modas retro” e ao propio feito de que “moitos profesionais seguen a usar este tipo de fotografía". Do mesmo xeito, o feito de que este tipo de fotografía requira  “duns tempos específicos” por mor do seu revelado e positivado, nos que un erro pode “botar a perder o negativo”, así como o feito de que require ser “consciente do número de disparos que se poden facer” provocan que esta técnica dea lugar a unha fotografía “máis meditada”, sinala, fronte ao carácter máis instantáneo das imaxes dixitais.