DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Joaquín Vallejo estudou o caso de dúas matanzas que xeraron diferentes narrativas visuais

Unha tese analiza os relatos construídos pola fotografía de dúas décadas de terrorismo no Perú

A investigación afonda na importancia das imaxes na definición da memoria social

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/07/2019

“A fotografía é un elemento imprescindible á hora de crear narrativas visuais sobre un trauma social como foron os vinte anos de violencia política no Perú”, sostén o investigador Joaquín Vallejo. Analizar diferentes “relatos fotográficos” do acontecido neste país durante as preto de dúas décadas na que se viu azoutado polo terrorismo de Sendero Luminoso constituíu o obxectivo central da tese de doutoramento que Vallejo, natural do Perú, defendeu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “O interese deste traballo baséase no legado que deixa a fotografía xornalística á sociedade peruana”, apunta o investigador, que a partires de dúas matanzas acontecidas na década de 1980 afonda na súa tese en como, a través da fotografía, xeráronse diferentes “relatos visuais dunha época violenta e de terror”.

Dirixida pola profesora Mercedes Román, a tese Narrativa fotográfica de la época del terrorismo en el Perú: Comparativa de la exposición fotográfica “Yuyanapaq. Para recordar” con El Diario de Marka y la revista Caretas. Casos Uchuraccay y Lucanamarca (1983 – 1986) xurdiu tanto da “paixón pola fotografía” do investigador como do feito de que, na súa infancia, viviu de preto “os anos máis duros” do terrorismo no Perú.

Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Universidad San Martín de Porres de Lima e doutor en Comunicación pola Universidade de Vigo, Vallejo Moreno buscou na súa investigación analizar eses “relatos fotográficos como parte da construción da memoria social”.  Para iso, tomou como punto de partida o estudo da exposición Yuyanapaq. Para recordar, impulsada pola Comisión para a Verdade e a Reparación (CRV) do Perú. Xunto a esta mostra de carácter permanente, destinada a servir como “ferramenta de recordo sobre o que foi a barbarie terrorista, así como a dura represión do estado”, Vallejo aborda tamén as diferentes “narrativas visuais” que dous medios, a revista Caretas e o Diario de Marka, xeraron dos mesmos acontecementos. Concretamente, do chamado caso Uchuraccay, o asasinato en 1983 de dez persoas, oito xornalistas e dous acompañantes, a mans de habitantes desta poboación, e a masacre de Lucanamarca de 1986, o asasinato de preto de 70 campesiños desta vila por parte de Sendero Luminoso.

Intencionalidade no uso de imaxes

A través destes dous casos, Vallejo centrouse na chamada “fase de militarización do conflito” e en como esta foi abordada por “dous medios antagonistas”. Por unha banda, a revista Caretas, “considerada de centrodereita”, e, por outra, o xornal “de corte esquerdista” Diario de Marka, que, explica, na década de 1980 “radicalizou a súa liña editorial, manipulando tanto as fotografías como o texto e converténdose no voceiro oficial” de Sendero Luminoso, o que o levou a ser ilegalizado e “acusado de apoloxía do terrorismo”.

Esta análise permitiulle constatar “a intencionalidade na maneira en que enfoca cada medio” estes sucesos, con exemplos como a portada na que o Diario de Marka informaba da masacre de Lucanamarca, caracterizada pola ausencia de imaxes sobre unha matanza causada por un grupo terrorista sobre o que o xornal “tiña unha posición ambigua”. Pola contra, este medio si fixo uso da fotografía para informar do acontecido en Uchuraccay, mentres que Caretas constrúe en ambos casos “unha narrativa reveladora moi poderosa” a través de imaxes. A representación fotográfica destas dúas matanzas, ao igual que a exposición Yuyanapaq, constatan, conclúe Valejo, “que existen diferentes formas de narrar graficamente un só feito e que a interpretación desas imaxes vai de acordo á mensaxe que queira dar ao espectador, grazas á polisemia da fotografía”. 

O relato que perdurará no tempo

As fotografías publicadas por Caretas, xunto con outra serie de arquivos xornalísticos e doutra índole, foron empregados para dar forma á Yuyanapaq, a primeira exposición que empregou a fotografía “como fonte de recordo e elemento de reflexión sobre esa época”, explica Vallejo, que entrevistou a varias e varios dos responsables da mostra e da CVR. Nese senso, o investigador analiza na súa tese como a mostra se nutre da fotografía xornalística para “a construción da memoria histórica” sobre o acontecido no Perú durante as dúas últimas décadas do pasado século. “Mediante a fotografía inténtase construír unha memoria única sobre os feitos”, salienta Vallejo, que explica que Yuyanapaq constrúe un relato centrado na “visualización da vítimas e a denuncia aos vitimarios”, que ademais, engade, “será o que perdurará no tempo”.