DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu cancioneiro é un dos vestixios máis antigos que se conservan da poesía medieval castelá

Unha tese analiza por primeira vez a figura de Juan Alfonso de Baena como poeta

A investigadora Ana Caíño chama a atención sobre a calidade da obra poética deste autor

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 11/07/2018

O Cancioneiro de Baena é un dos manuscritos máis antigos que se conservan da literatura medieval feita en castelán. Nesta antoloxía o escritor Juan Alfonso de Baena recompilou a mediados do século XV case seiscentos poemas, moitos deles da súa propia autoría, para ofrecerllos como agasallo ao rei Juan II. Agora, e por primeira vez, parte destes textos, a poesía dialogada, foron analizados grazas ao traballo levado a cabo pola investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución Ana Caíño, autora da tese de doutoramento La poesía dialogada de Juan Alfonso de Baena: edición y estudio, investigación que permitirá abrir novos horizontes no estudo dun autor cuxa obra poética, nunca antes estudada, se revela agora como dunha elevada calidade e tremendamente orixinal.

“Juan Alfonso como poeta nunca fora estudado, só se estudara o seu labor como compilador dese Cancioneiro e a súa obra en prosa (o prólogo que fai para o Cancioneiro e as rúbricas que preceden aos poemas), pero a súa poesía, malia que conta cun corpus moi amplo, nunca fora editada”, apunta Caíño, ao tempo que lembra a súa preocupación cando en 2013 o profesor Antonio Chas, director da tese, lle propuxo centrar nesta temática a súa investigación. “Sentín moita responsabilidade porque Baena é un dos autores máis destacados do século XV e a el debémoslle un dos vestixios máis antigos que se conservan da poesía medieval feita en castelán”, afirma. 

Poesía pensada para divertir á corte e á familia real

“Entre os obxectivos que marquei ao comezo da miña investigación estaba en primeiro lugar establecer o seu corpus poético e logo delimitar cada serie dialogada”, explica a investigadora. Este tipo de poesía estaba pensada para entreter e divertir a corte e máis a familia real. Por iso en moitos casos, como explica a investigadora, todo comezaba a partir dunha pregunta que Baena dirixía a outro poeta, ou viceversa, e noutros casos simplemente son intercambios de insultos ou ofensas, o que se coñece como ‘recuestas’. Ademais de entreter, estes intercambios eran unha gran ocasión para mostrar mestría e habilidade técnica como poeta e gañar prestixio. “Nalgúns casos son diálogos moi extensos, compostos por ata 10 ou máis poemas, por iso era importante delimitar ben cada diálogo e adscribilo a un xénero”, explica a investigadora, quen apunta que case todo o corpus poético dialogado de Baena atópase recollido no seu Cancionero e tan só unha composición súa se atopa no Cancionero General e nun prego impreso.

A día de hoxe só se conserva unha copia do Cancionero orixinal custodiada na Biblioteca Nacional de París, levada a cabo por cinco copistas, e na que a investigadora detectou numerosos fallos, tales como perdas de folios, erros dos copistas ao realizar a copia dos textos orixinais e numerosos cambios con respecto á orde orixinal que Baena lle deu aos poemas. “O índice que figura ao comezo non se corresponde co contido e, despois de todo o traballo levado a cabo, penso que se produciron importantes perdas de material poético”, apunta a investigadora, ao tempo que explica que en primeiro lugar se centrou na transcrición dos textos, partindo da edición facsímile do Cancioneiro, e logo, “chegou a parte máis difícil”, a edición e anotación deses textos.

A calidade poética  deste autor fora ata agora ignorada 

Despois de estudar e editar toda a poesía dialogada de Juan Alfonso de Baena, Caíño afirma que esta faceta do escritor medieval, ignorada ata o de agora, amosa unha calidade equiparable á súa prosa. “Trátase dun poeta inquedo e preocupado pola orixinalidade nos seus versos, cun dominio da técnica moi considerable”, sinala a investigadora. O estudo e a edición da súa poesía permitiulle descubrir á autora da tese a un poeta preocupado pola orixinalidade, feito do que deriva, por exemplo, o emprego de esquemas métricos únicos en toda a poesía medieval castelá do século XV. 

Á marxe destas cuestión a investigación tamén permitiu achegar varios datos biográficos sobre este autor e resolver lecturas ata agora erróneas dalgúns versos. “Penso que o fundamental da tese é que supón unha modesta contribución ao estudo da poesía ‘cancioneril’ e da literatura medieval, pois por primeira vez preséntase unha investigación centrada na figura de Juan Alfonso de Baena como poeta, o que permitirá abrir novos horizontes no estudo da súa obra”, recalca Caiño, docente na Eu de Maxisterio CEU Vigo.