DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sérgio Matos estudou a súa incidencia tanto no rendemento como na aparición de lesións 

Unha tese analiza por primeira vez os efectos do adestramento nos atletas que practican ‘trail running’

Constatou os efectos prexudiciais dunha “carga excesiva” nas sesións preparatorias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/03/2022

Consistente en correr por contornas naturais como bosques, montañas ou mesmo desertos, o trail running converteuse nos últimos anos nunha modalidade deportiva cun crecente número de practicantes, pero, polo de agora, pouco estudada desde o punto de vista científico. Na investigación pioneira que levou a cabo para a súa tese de doutoramento, Sérgio Matos realizou o seguimento de 25 atletas ao longo dunha tempada, co propósito tanto de coñecer os efectos da carga de adestramento sobre o seu rendemento en competición, como de identificar aqueles factores que podían ter incidencia na aparición de lesións. Tras acompañar a este grupo de practicantes de trail running a “cada sesión de adestramento e a cada competición” ao longo dunha tempada deportiva de preto de 52 semanas, Matos puido comprobar como tanto o adestramento de alta intensidade como o de forza, “coidadosamente planificados”, poden implicar melloras no rendemento, mais tamén que unha “carga de adestramento excesiva” pode converterse “no principal motivo de lesións” neste deporte.

Profesor na Escola de Desporto e Lacer de Melgaço, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Matos lembra que o trail running “é un deporte recente con características particulares”, debido aos lugares nos que se practica, ao feito de correr sobre “un terreo irregular”, ao “desnivel acumulado” en carreiras que poden implicar subir e baixar montañas e ao “número de quilómetros e duración” de probas que con frecuencia superan os 40 quilómetros. Trátase ademais dunha modalidade da que existen aínda “poucas evidencias científicas”, explica o xa doutor, que non atopou de feito ningunha tese centrada nesta disciplina previa á que levou a cabo no doutoramento en Educación, Deporte e Saúde da Universidade de Vigo.

Factores que inflúen no rendemento

Dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e o docente da Escola de Desporto e Lacer de Melgaço Filipe Manuel Batista, a tese Characterization of the training load in trail runners and its associations with exposure to injury risk pon o foco no proceso de adestramento, que “gañou un protagonismo crecente no que se refire á mellora do rendemento dos atletas, polo que é fundamental comprender as demandas do deporte e as variables predominantes para o rendemento en trail running”, salienta Matos. Nese senso, un dos obxectivos da súa investigación era “analizar as variacións na carga semanal” de adestramento no mes previo a unha competición, co obxectivo de coñecer os efectos que tanto a carga de traballo como as propias aptitudes físicas dos atletas tiñan no seu ritmo en carreira. Esta análise permitiulle de feito, constatar que a capacidade aeróbica dos corredores constitúe unha “variable decisiva no rendemento” nas competicións de longa distancia.

Nesa mesma liña, a investigación abrangueu tamén o estudo das “variacións dos niveis de condición física nos diferentes momentos da tempada” co propósito de relacionalos co traballo preparatorio que levan a cabo os deportistas. Neste punto, a tese permitiu pór o foco na importancia que ten tanto o adestramento de alta intensidade, que implica traballar por riba do 90% da frecuencia cardíaca máxima, como o adestramento de forza. “Sempre que estean coidadosamente planificados e estruturados”, sostén Matos, ambos “deberán incorporarse ao plan de adestramento dos atletas de trail running para garantir melloras na capacidade aeróbica, economía de carreira e adaptacións musculares”. De feito, este licenciado en Deportes polo Instituto Politécnico de Bragança recoñece que, pese a necesidade de novas evidencias, a investigación permitiu constatar que o adestramento de forza “podería ser importante” tanto para a mellora do rendemento como para previr lesións. 

O adestramento tamén pode ser a orixe das lesións

Alén de que a carga de traballo e como responda a esta o deportista constitúe “sen dúbida” un “factor preponderante, que é a base da evolución do atleta”, o adestramento pode ser tamén “o principal motivo” da aparición de lesións, por mor de cargas de traballo “inadecuadas” e pola súa “aplicación en momentos incorrectos”, subliña. Esta é outra das conclusións dunha investigación na que comparou tamén “as variacións nos índices de carga de traballo” deste grupo de corredores nas tres semanas previas á aparición dunha lesión. O estudo comprendeu tanto a análise da carga externa, que abrangue todo o traballo realizado polo atleta durante cada sesión, como interna, “a resposta biolóxica do atleta cara o adestramento”. Esta análise levou a Matos a pór o foco en tres indicadores “esenciais para reducir o risco de lesións” e que deben terse en conta á hora de determinar os niveis de actividade de cada sesión. Trátase, por unha banda, da “monotonía do adestramento”, que mide a “variabilidade diaria” da preparación, xa que levar a cabo “cargas moi semellantes en sesións de adestramento consecutivas” pode derivar en lesións cando estas son elevadas. Por outro lado atópase a “tensión do adestramento” que, de ser “excesiva ao longo da semana”, pode derivar tamén en problemas; á que se suma un terceiro indicador, a relación aguda-carga de traballo crónica, que vincula a fatiga xerada no adestramento coas aptitudes físicas do atleta, co propósito de “maximizar o desempeño” do deportista á vez que reducir o risco de lesión. 

Neste punto, Matos pon o foco na necesidade de “dominar estes indicadores”, á vez que incide en que “existen outras variables que deben ser consideradas no adestramento de forma individual para cada atleta” e na necesidade de ter en conta as particularidades do trail running. De feito, as características deste deporte inflúen tamén no tipo de lesións máis frecuentes, posto que ademais das músculo-esqueléticas destacan tamén as dermatolóxicas, ao que se suma a influencia que ten na aparición de lesións que as carreiras se levan a cabo en camiños con rochas ou árbores.