DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mar Ramón estudou unha serie de obras realizadas desde o período das vangardas ata a actualidade

Unha tese analiza o uso dos obxectos na arte desde unha perspectiva de xénero 

A investigación constatou que, na súa maioría, os procesos de creación non responden a estereotipos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/12/2022

O uso de obxectos procedentes da vida cotiá como elementos para a creación de pezas escultóricas ou de instalacións constitúe unha constante na arte contemporánea desde o período das vangardas. Mais, nos procesos creativos os obxectos son empregados dun xeito diferente por parte de mulleres e de homes? Esta pregunta constitúe o punto de partida da tese que Mar Ramón desenvolveu no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo. Dirixida a analizar como se ven reflectidos, explica, “os estereotipos vinculados ao masculino e ao feminino nos procederes das e os artistas que empregan o obxecto como material de traballo”, a análise realizada por Ramón Soriano levou a pór de relevo como as “concepcións sociais” ligadas aos xéneros fanse patentes en maior medida no xeito no que as obras son analizadas por público e crítica, en lugar de nos propios procesos de traballo. 

Dirixida pola profesora Chelo Matesanz, a tese El género como proceso en el arte objetual traza un percorrido por esta tipoloxía de obras, “desde as vangardas, que inauguraron o uso dos obxectos como material de traballo, ata as producións máis actuais”, como explica a súa autora. Nese senso, se ben a entrada do obxecto no mundo da arte e as formas de traballar con estes xa foran analizadas con detemento previamente, “percibimos unha fenda no momento no que engadimos a variable de xénero como condicionante”, recoñece Mar Ramón, que actualmente dá continuidade a súa investigación cunha estadía na Parsons School of Design, en Nova York, grazas a unha bolsa outorgada pola Comisión Fulbright e a Xunta de Galicia.

A diferencia está en como se perciben os obxectos, non en como se usan

Partindo da idea de que os obxectos tamén teñen “connotacións de xénero”, Ramón tomou unha serie de “clixés e estereotipos” asociados á idea do masculino e o feminino, co propósito de cuestionar se os procesos de traballo con estes elementos por parte dos artistas homes “son máis agresivos, duros ou asépticos” que os empregados polas artistas mulleres, “que poderían describirse como suaves, brandos ou baseados máis no coidado que na destrución”. A través da análise de máis de 120 obras que tiñan como elemento común o uso de obxectos, Ramón Soriano foi “refutando” ao longo da súa tese que este tipo de connotacións estivesen vinculadas na práctica artística a un determinado xénero. “Adxectivos como pasional ou impulsivo recórdannos ás obras de Pollock ou Picasso en vez de a prácticas femininas; o grotesco, vulgar ou fálico emprégase de forma constante nas esculturas femininas, a pesar de poder constituírse como un ámbito masculino”, apunta a investigadora, que subliña que a maioría das obras analizadas “ou ben desmontan directamente os arquetipos establecidos en torno ao xénero ou se atopan dentro dun espectro central”. 

“A diferencia non está no proceso en si, senón nos discursos ou intereses que levan a el”, conclúe Ramón, que sinala que é no momento de “análise ou lectura das obras” cando se ven plasmadas esas “concepcións sociais vinculadas ao xéneros” e que non formaban parte dos procesos artísticos. “Comprobamos que en moitas ocasións vai intentar construírse un imaxinario en torno ás obras femininas que non ten moito que ver co que elas queren expresar, senón que máis ben aparece como o reflexo dunha proxección ou lectura masculina sobre elas”, sostén Ramón, que atopou no seu percorrido histórico diferentes exemplos de artistas “cansadas de ser encadradas na que parece podería ser unha vangarda máis, a da arte feminina”. Nese senso, a tese incide en como, nos dous primeiros terzos do século XX, prodúcese unha “unificación errónea da práctica das mulleres artistas” por parte de historiadores e críticos. Trátase, recoñece, dalgo que “foi reducíndose” nas últimas décadas, de tal xeito que, na actualidade, na maioría de análises “non se establecen este tipo de argumentacións a non ser que exista unha reivindicación dentro do discurso da propia persoa á hora de traballar”, deixando atrás “outro tipo de estereotipos que se estenderon durante o pasado século”, como que “gran parte das obras” das artistas “eran autobiográficas”.

Un percorrido pola arte contemporánea

O estudo desenvolvido por Mar Ramón posibilitou tamén “unha recuperación de numerosas artistas que utilizaron o obxecto dunha forma similar á dos seus compañeiros masculinos”, mais que “quedaron bastante invisibilizadas”. De feito, un dos principais problemas cos que se atopou para o estudo das primeiras vangardas foi a ausencia de fotografías e o “escaso rexistro” das obras obxectuais femininas recollidas nas follas de sala de múltiples exposicións. Neste punto, Ramón lembra que aínda a día de hoxe “cuestiónase” se un dos “fitos da historia da arte”, a obra realizada cun urinario Fontaine (1917) foi obra de Marcel Duchamp ou de Elsa Von Freytag-Loringhoven.

Por outra banda, este percorrido histórico permite tamén detectar ideas e recursos ligados ao traballo cos obxectos que se repiten ata a actualidade, como o seu uso no “cuestionamento das categorías artísticas do pasado”, que se dá en maior medida nos artistas masculinos. Tamén como a “práctica paseante do flaneur” é asumida polas artistas a través de “prácticas recolectoras de refugalllo ou de observación e análise” ou como artistas de ambos sexos fan un uso artístico de obxectos ligados ás vivencias e á memoria. Porén, a análise permitiu tamén pór o foco en procesos “que practicamente non existen nas prácticas masculinas”, como por exemplo “aqueles que tenden á colectivización ou ao traballo en equipo” ou “prácticas próximas á performance nas que o corpo dialoga cos obxectos ao seu redor”. Así mesmo, un dos capítulos da tese analiza “a importancia que cobra o obxecto na produción feminista” a partir da década de 1970 e 1980, cunha corrente que “vai reivindicar o doméstico como material de produción”, desde unha perspectiva crítica, “cuestionando estes elementos” e creando “un imaxinario propio”.