DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Suporía unha optimización dos recursos en industrias tan importantes como a do mexillón

Unha tese avanza na creación dun sistema de predición de mareas vermellas en tempo real

Na actualidade actúase por observación e análise de mostras, identificando as especies tóxicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/10/2021

Un dos principais problemas ambientais, de saúde e económicos nas Rías Baixas é a aparición de mareas vermellas tóxicas debidas á proliferación masiva (Floracions de Algas Nocivas – FAN – ou  blooms) de microalgas como Pseudo-nitzschia spp., causantes de múltiples problemas de saúde, desde simples diarreas a cuestións máis serias como parálise ou procesos amnésicos. Pese á relevancia desta cuestión, actualmente Galicia segue a carecer dun sistema preditivo destes fenómenos en tempo real, algo que pode mudar, tal e como se adianta na tese de doutoramento do enxeñeiro Francisco Bellas Aláez, cuxos resultados permiten avanzar cara á consecución deste obxectivo a medio prazo. 

“Por primeira vez conseguimos un sistema de predición de blooms de Pseudo-nitzschia spp. nas Rías Baixas, tanto a unha semana vista como no propio día, cun acerto en torno ao 70%”, explica o investigador, ao tempo que fai fincapé en que obter un sistema de predición en tempo real suporía unha importante optimización dos recursos dispoñibles, sobre todo en industrias como a do mexillón, “tan presente nas nosas rías”. 

Cando aparece unha marea vermella procédese ao inmediato peche de bateas e estas non se poden reabrir ata que xa se asegurou que o mexillón das mesmas é apto para o seu consumo. “Si somos capaces de prever a aparición dunha marea vermella podemos levar o mexillón a unha zona limpa, sacalo á depuradora ou, simplemente, inmobilizado en batea”, salienta Bellas, facendo fincapé en que o sistema reduciría tanto as perdas económicas que poden causar estas mareas como os problemas de saúde derivados da inxestión de toxinas.

Próbanse algoritmos que nunca foran aplicados a este campo

Dirixida polos docentes Jesús Torres e Luis González Vilas, do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, a tese proba con éxito algoritmos de machine learning que nunca foran aplicados a este campo debido a que son relativamente recentes, como AdaBoost ou Random Forest. Ademais, e xa de forma específica nas Rías Baixas, aumentouse a variedade de datos en relación cos estudos previos, engadindo novas variables ao sistema de predición como nutrientes, niveis de clorofila e variacións de temperatura, co que se consegue mellorar os resultados. “No departamento xa estamos traballando na incorporación nesta predición de imaxes de satélite Sentinel-3 procesadas con algoritmos específicos para a detección de blooms”, apunta o autor da tese.

Un proxecto parado por “motivos económicos e temporais”

O traballo desenvolveuse no marco do proxecto europeo CoastObs, enfocado no desenvolvemento de produtos innovadores baseados en teledetección e datos ambientais para a monitorización de ecosistemas costeiros en diferentes zonas. Para a súa posta en marcha o investigador baseouse nos datos facilitados tanto polo Intecmar como por Puertos del Estado ao longo das últimas décadas. “Dado que en Galicia actualmente non hai ningún sistema preditivo en funcionamento en tempo real, estase actuando por observación e análise de mostras dentro do programa de monitorización do Intecmar, identificando as especies potencialmente tóxicas, analizando a súa toxicidade e actuando en consecuencia”, recalca o autor da tese.

De cara a conseguir ese sistema preditivo a medio prazo, o investigador salienta que é algo “perfectamente viable”, xa que hoxe en día xa se pode dispor deses datos en tempo real. “De feito xa empezamos a preparar dito sistema, pero é un proxecto que agora mesmo está parado por motivos económicos e temporais”, salienta Bellas, ao tempo que fai fincapé en que para que o sistema se poida pór en marcha fai falla investimento en recursos materiais e humanos. “Neste investimento débese ter en conta tanto a implementación como o mantemento do sistema, así como as futuras melloras coa incorporación de novos tipos de datos”, explica o investigador.

Compatibilizando investigación e docencia no ensino medio

Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, Francisco Bellas leva anos compatibilizando o labor investigador co de docente de Formación Profesional no Colexio Vivas en Vigo e na propia Universidade, onde durante dez anos exerceu como profesor asociado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. “No 2012 contactei co Departemento de Física Aplicada da Facultade de Ciencias do Mar para colaboracións puntuais, pois é un equipo moi multidisciplinar no que colaboramos profesionais de distintos ámbitos para poder facer desenvolvementos en conxunto”, recalca Bellas, quen desde 2014 centrou o seu labor investigador na realización desta tese de doutoramento.