DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada pola investigadora do grupo EQ-2 Vanesa Sanz

Unha tese avanza na extracción de compostos bioactivos e xelificantes de fontes agrícolas e mariñas

Empregou alga vermella e restos como os da poda de té, de lúpulo e de follas de ‘maqui’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 10/01/2023

Cunha oferta limitada de materias primas e unha alta demanda de produtos saudables, na crecente busca de novas fontes de biocompostos, explica a investigadora Vanesa Sanz, o uso de subprodutos e restos industriais parecen ser “una alternativa prometedora, renovable e de baixo custe” onde se promoven prácticas “verdes e sostibles” como a bioeconomía, a economía circular e as biorrefinerías. Neste contexto, na súa tese de doutoramento, afondou na valorización de materias primas agrícolas e mariñas como novas fontes de compostos bioactivos e xelificantes.  

A tese levou por título Extraction of valuable compounds from agricultural sources and red macroalgae to develop novel gels e foi dirixida por María Dolores Torres e Herminia Domínguez, do grupo EQ-2 Biomasa e Desenvolvemento Sostible (do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo), do que forma parte a investigadora. Egresada en Ciencias Ambientais, Vanesa Sanz conta pola Universidade de Vigo cun mestrado en Oceanografía e o doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, ofrecido este último pola Facultade de Ciencias do campus de Ourense.  

Fontes alternativas

Nun contexto no que o consumidor cada vez demanda máis produtos naturais de alta calidade e o consumo de recursos naturais está aumentando de maneira alarmante, explica Vanesa Sanz, faise necesario buscar novos métodos e fontes para cubrir esta demanda do mercado. Entre eles, engade, “o aproveitamento de materias primas infravaloradas, incluso residuos da produción industrial, parece un bo recurso para obter produtos de alto valor engadido de forma sostible, empregando novas tecnoloxías emerxentes, reactivos non contaminantes, aforrando enerxía e obtendo a máxima rendibilidade”. Neste contexto, detalla a xa doutora pola UVigo, diversas materias primas, tanto agrícolas como mariñas, poden considerarse como fontes alternativas de compostos antioxidantes e xelificantes, “altamente apreciados na industria alimentaria, a medicina ou a cosmética, debido ás súas innumerables aplicacións”.

A investigación de Vanesa Sanz centrouse na extracción de compostos de alto valor engadido a partir de diversas materias agroindustriais, como son restos de poda do té (Camelia sinensis), lúpulo prensado seco (Humulus lupulus) empregado na fabricación de cervexa, descartes de follas da planta Aristotelia chilensis, máis coñecida en América do Sur como “maqui”, e algas vermellas. Todas estas materias primas considéranse, apunta a investigadora, “de baixo valor económico pero cun alto potencial que aínda non ten sido aproveitado na súa totalidade, sendo elixidas pola súa asequibilidade, abundancia, dispoñibilidade e inocuidade, incluso aquelas procedentes de subprodutos industriais”.

Tecnoloxías e compostos

Cada materia prima foi sometida no estudo a diversas tecnoloxías extractivas e levouse a cabo a optimización das condicións de operación, ademais de determinar a caracterización química e bioactividade dos extractos líquidos. Así, no traballo propóñense diferentes tecnoloxías de extracción como son: extracción asistida por microondas (MAE), microondas e hidrodifusión por gravidade (MHG), autohidrólese (AH) e ultrasóns (UAE), co fin de recuperar compostos de alto valor engadido con propiedades antioxidantes, xunto coa recuperación de xelificantes a partir de macroalgas vermellas. As “tecnoloxías verdes innovadoras utilizadas”, comenta Vanesa Sanz, pretenden “revalorizar a materia prima obtendo produtos de alto valor engadido e, a diferencia dos métodos tradicionais (que son menos selectivos, teñen menor capacidade de recuperación e incluso favorecen a degradación dos biocompostos), melloran os rendementos obtidos, aforrando enerxía e tempo, mediante extractantes non contaminantes”.

Froito do estudo realizado, a autora do traballo indica que “as diferentes materias primas considéranse como unha fonte alternativa de compostos bioactivos e xelificantes con interesantes propiedades biolóxicas”. Así, detalla, “na investigación determináronse múltiples compostos obxectivos (incluíndo proteínas, minerais, carbohidratos, ácidos urónicos, lípidos e compostos fenólicos) con especial interese en determinar a súa actividade antioxidante, así como a extracción e recuperación de biopolímeros xelificantes como carraxeninas híbridas a partir de algas vermellas”.

Como conclusión, Vanesa Sanz indica que o estudo, do que se teñen publicado sete artigos en diferentes revistas científicas con colaboración de centros internacionais, “amosou que as novas tecnoloxías extractivas verdes permiten recuperar compostos bioactivos e xelificantes dunha gran variedade de materias primas agrícolas e mariñas cando a extracción é optimizada, reducindo significativamente os custes enerxéticos, acurtando os tempos de extracción e sen a utilización de disolventes tóxicos ou contaminantes”. Desta forma, detalla, “redúcense considerablemente os impactos ambientais, así como un aforro económico cando os resultados son comparados con outros sistemas convencionais”. Os extractos ricos en compostos antioxidantes xerados nos procesos propostos, afirma, “poderían incorporarse en matrices xelificantes para xerar hidrogexeles aptos para distintas aplicacións comerciais”.