DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Lorenzo estudou o comportamento técnico dos xogadores suplentes

Unha tese constata que os cambios no fútbol achegan máis melloras tácticas que físicas 

A súa investigación resta relevancia ao efecto da fatiga na segunda parte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
DUVI Pontevedra 16/11/2022

A realización dos tres cambios permitidos constitúe un dos principais recursos dos que dispón un adestrador no transcurso dun partido de fútbol para lograr cambios no comportamento do seu equipo. Diferentes investigacións tiñan constatado os efectos positivos das substitucións á hora de diminuír os efectos da fatiga sobre un equipo, mostrando as melloras no rendemento físico que implicaba a entrada no campo de xogadores suplentes, mais non o que a súa incorporación supuña para o equipo desde o punto de vista técnico e táctico. Este foi precisamente o propósito central da tese de doutoramento do investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Miguel Lorenzo, quen realizou unha das primeiras análises sobre os efectos das substitucións no “comportamento táctico colectivo”. Así mesmo, outro dos estudos incluídos na súa tese levouno a sinalar unha posible “sobreestimación” dos efectos da fatiga no rendemento dos futbolistas de elite, para logo constatar que tipo de melloras achega a realización de cambios en materia de posesión de balón, tiros a porta ou número de accións defensivas.

Realizada no programa de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable e dirixida polo profesor Ezequiel Rey, a tese Performance changes during elite soccer matches: The effect of substitutions reúne tres estudos publicados en revistas científicas, nos que Lorenzo Martínez analiza diferentes aspectos do comportamento dos xogadores da liga española e da Bundesliga alemá. A súa investigación, explica, ten como punto de partida o feito de que “a literatura científica actual é escasa con respecto á análise do impacto das substitucións sobre indicadores do comportamento táctico colectivo”, a pesar de que os adestradores adoitan sinalar en maior medida razóns tácticas fronte ás físicas como a motivación dos cambios que realizan. 

Os futbolistas non corren menos na segunda parte, agás os dianteiros

O feito que é o período no que normalmente se realizan os cambios e no que adoitan alongarse as interrupcións fan que nas segundas partes dos partidos o “tempo efectivo” de xogo sexa inferior que nas primeiras. Tendo en conta este factor, no fútbol de elite “non existen diferencias significativas na distancia percorrida polos xogadores a alta velocidade e en esprinte entre a primeira e a segunda parte”. Esta é a principal conclusión dun dos estudos incluídos nesta tese, para o que este investigador e docente analizou un total de 4249 observacións individuais de 412 xogadores de LaLiga ao longo da tempada 2018/2019. “Todos os estudos falaban de que o rendemento físico se reducía da primeira metade á segunda, pero os xogadores corren menos na segunda parte porque se xoga menos”, sinala Lorenzo dos resultados dun estudo que leva a “quitar algo de importancia a esa parte física das substitucións, que, evidentemente, tamén ten relevancia”.

De feito, tendo en conta o tempo efectivo en lugar do total, os dianteiros son os únicos xogadores “que reducen o seu rendemento físico durante a metade”, segundo un estudo que analiza as distancias percorridas a “alta velocidade”, entre os 21 e 24 quilómetros por hora, e en esprinte, por riba dos 24, xa que nestas intensidades é nas que se producen as accións que maior incidencia teñen no resultado final. De feito, estes datos diminúen nos dianteiros, pero mantéñense no caso dos laterais e extremos e no referido a defensas centrais e centrocampistas mesmo aumenta “significativamente” a distancia percorrida en esprinte na segunda parte. 

Os suplentes achegan melloras físicas e tácticas

Se o primeiro estudo incidía en que o efecto da fatiga non era tan determinante no rendemento dos titulares, outro das investigacións desta tese analiza as melloras que poden achegar ao equipo os xogadores que comezan o partido no banco, tanto no referido ao rendemento físico como o táctico. Neste caso, Lorenzo, que no marco da súa tese realizou unha estadía na Escola Superior de Deportes de Alemaña, en Colonia, analizou un total de 6631 observacións individuais de 431 futbolistas que competiron na tempada 2018/2019 na Bundesliga. Os resultados permitiron comprobar que os substitutos percorrían “unha maior distancia total” e un maior número de metros a alta velocidade e en esprinte que os titulares. Porén, a “parte máis novidosa” deste estudo centrouse en coñecer as melloras no “rendemento técnico” que achegaban os cambios, tendo en conta variables como a precisión no pase, o número de contactos co balón, o número de pases e disparos a portería, así como accións defensivas, como as entradas, interceptacións e despexes. 

Esta análise permitiu comprobar que os cambios permiten acadar melloras “nalgunhas variables técnicas en función da posición de xogo”. Por exemplo, no caso dos xogadores que entraban no campo nas posicións de centrocampista, extremo e dianteiro, a súa incorporación implicaba melloras en materia de posesión, toques de balón e tiros a porta fronte aos substituídos e os que disputaban os 90 minutos. Pola contra, os defensas centrais que entraban no campo presentaban uns datos inferiores en posesión de balón, mais “un maior número de accións defensivas”. De aí que Lorenzo incida en que a súa incorporación podería “ser unha boa estratexia cando un equipo se atopa por diante no marcador”, mentres que a entrada no campo de centrocampistas, extremos ou dianteiros “parece ser unha estratexia efectiva para incrementar o rendemento físico e técnico nestas posicións”. 

Os cambios tamén modifican o comportamento do equipo

Nun terceiro estudo, realizado tamén con datos da liga alemá, concretamente a partir da análise de 234 partidos e 659 substitucións realizadas na tempada 2016/2017, Lorenzo estudou o efecto das substitucións no comportamento táctico dos equipos no seu conxunto, a partir de variables como o “control de espazo”, a distancia entre liñas ou a “dispersión” dos futbolistas sobre o céspede. “O que tratamos é de explicar o comportamento do equipo a través de variables trigonométricas de posición”, explica, tendo en conta o tipo de cambios realizados. É dicir, se estas tiñan un carácter defensivo, ofensivo ou neutral, a substitución dun xogador nun determinado posto por outro que ocupe o mesmo. 

Esta investigación permitiu constatar como os cambios defensivos fan que “o índice de estiramento dos equipos”, a distancia entre liñas, sexa “significativamente máis baixo”, mentres que as substitucións neutrais ou ofensivas fan que aumenta “a profundidade e amplitude” do espazo que ocupa o equipo no terreo de xogo. Do mesmo xeito, “o control do espazo no terzo medio e no terzo ofensivo tamén foron maiores tras a realización de substitucións ofensivas”, sinala este investigador, o que leva a concluír que este tipo de cambios permite xerar “unha maior presión defensiva e crear máis oportunidades de gol”, á vez que implica asumir “un maior risco” en defensa, “debido a unha maior dispersión do equipo”. Deste xeito, poderían constituír, explica, unha boa estratexia para reverter marcadores adversos, mentres que os cambios defensivos “poden mellorar a efectividade” do equipo nestas tarefas, “debido a unha maior compactidade do equipo”.