DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O traballo foi realizado pola investigadora Iria Souto

Unha tese demostra a continuidade das prácticas relixiosas persoais durante o período amarniense do Antigo Exipto

Desbota a idea de que esta relixión tería xurdido durante a última etapa do Reino Novo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 26/10/2020

No Antigo Exipto, o período amarniense, situado aproximadamente entre os anos 1550-1069 antes de Cristo, implicou, segundo explica a exiptóloga Iria Souto, cambios profundos na arte, na diplomacia, na política e sobre todo na relixión. Segundo algúns autores, detalla, a relixión persoal tería xurdido como reacción a este período na última etapa no Reino Novo, no período coñecido como Ramésida. Porén, na súa tese, a investigadora desbota esta hipótese e demostra que se “dá continuidade nas prácticas relixiosas antes da etapa amarniense e posteriormente”, amosando “exemplos de piedade persoal en contextos domésticos preservados, con certeza dende o Reino Medio, e noutros contextos dende fins do Reino Antigo”.

A tese, que leva por título Changes in personal religious action in domestic contexts from the early New Kingdom until the Twentieth Dynasty. A comparative study on the impact of the Amarna Period, estivo dirixida por Susana Reboreda, profesora da Universidade de Vigo, e Tony Leahy, da Universidade de Birmingham (Reino Unido) e foi froito de catro anos de traballo investigador da súa autora. Graduada en Xeografía e Historia pola Facultade de Historia do campus de Ourense, na actualidade Iria Souto é investigadora vencellada ao Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo e traballa no Middle Kingdom Theban Project da Universidad de Alcalá de Henares. Na súa tese, apunta, centrouse na relixión persoal, que define como “un conxunto de crenzas individuais de cara a unha divindade específica escollida polo individuo e á cal lle dedica pregarias, súplicas e demais”, por considerar que “é un tema pouco analizado e pareceume moi interesante entrar en detalle na relixiosidade, en como era a vida cotiá e como afectaba aos contexto privados da xente do Antigo Exipto”.

Estudo comparativo de estruturas e obxectos

O principal obxectivo do seu estudo, detalla Iria Souto, foi “determinar a través de análises comparativas se houbo continuidade nas prácticas relixiosas en contextos privado-domésticos ou se pola contra o período amarniense, que tivo lugar baixo o faraón Akhenatón, acontecido no Reino Novo, implicou unha división e cambios en ditas prácticas”. Así mesmo, a tese, engade a xa doutora, “abrangue outros obxectivos incluídos na chamada arqueoloxía da relixión, tales como os cultos rituais e como se desempeñaban desde o temperán Reino Novo, o estado destas prácticas relixiosas antes de dito período, debates terminolóxicos, revisión historiográfica sobre roles de xénero nos espazos domésticos ou a interacción cos finados”. Ademais, o traballo complétase coa recollida de exemplos diversos noutros contextos, como templos e tumbas, para posibilitar e facilitar as análises comparativas. Segundo a investigadora trátase, en conxunto, da “primeira investigación da disciplina exiptolóxica no marco da Universidade de Vigo”.

A tese, sinala Iria Souto, contén un estudo comparativo e diacrónico de diferentes estruturas e obxectos arqueolóxicos en contextos domésticos relacionados coa denominada relixión persoal. Os principais exemplos chave de xacementos mellor preservados para a análise destas evidencias, apunta, datan do Reino Novo, e son Tell el-Amarna e Deir el-Medina, se ben se estudan preto de 24 xacementos no seu traballo. A metodoloxía empregada, explica a historiadora, consistiu en análises das estruturas arquitectónicas de culto e dos obxectos (empregando indicadores como a localización, asociación con outros elementos, iconografía, uso e función dos artefactos e estruturas) a través da consulta de informes arqueolóxicos na biblioteca Sackler de Oxford, así coma en coleccións de museos, coma o Eton Meyers de Birmingham e o Ashmolean Museum de Oxford. Tamén se consultaron obxectos do museo Flinders Petrie de Londres e diversas coleccións online de Turin e do Louvre, entre outros. No estudo, engade, aplícanse análises cualitativas e cuantitativas para contabilizar os exemplos e analizar se constitúen mostras significativas que poidan ser comparadas ao longo dos distintos períodos abranguidos e reconstrúense os rituais a partir do estudo da interacción entre obxectos e estruturas.

As conclusións do seu estudo, sinala Iria Souto, “confirman a hipótese inicial: dáse continuidade nas prácticas relixiosas antes da etapa amarniense e posteriormente. Polo tanto, o reinado de Akhenatón tivo influencia no reforzo da relixión persoal, pero non constituíu un factor orixinario da mesma”. A distribución de obxectos e estruturas nas casas dos xacementos estudados, engade, “demostra que non había un patrón de distribución constante e que polo tanto non existían espazos específicos de culto nas casas, senón que os obxectos poderían ter sido transportados en diversas estancias”. Así mesmo, apunta a historiadora, “as casas non eran unidades estáticas, senón que interactuaban con outras edificacións, como capelas, no contexto relixioso”.