DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A psicopedagoga Aida Ramos analizou o seu efecto en alumnado de Primaria

Unha tese demostra os beneficios do Programa de Recuperación e Enriquecemento Pass-Lector

O estudo confirma como esta ferramenta mellora o proceso cognitivo

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/07/2018

A pesar do tempo que se dedica na escola á lectura por que non se consegue que o alumnado obteña un bo nivel de comprensión lectora? Na súa tese de doutoramento Aida Ramos buscou respostas a esta pregunta co obxectivo de avanzar no tratamento educativo e preventivo da dificultade lectora que os estudantes poden ter nos seus primeiros inicios na lectura. Nela demostra a eficacia do Programa de Recuperación e Enriquecemento Pass-Lector. 

Baixo o título Prevención do risco de dificultades de aprendizaxe lectora mediante un programa de intervención cognitiva, a tese foi presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e realizada baixo a dirección de Sonia Alfonso Gil e Manuel Deaño. “Aprender a ler é unha das actividades máis importantes e útiles que realizamos ao longo da nosa vida estudantil, profesional, social e persoal. A lectura é unha tarefa que leva implícita a comprensión lectora. Ler non é só descodificar, senón que ler implica tamén comprender, gozar, aprender e proseguir nos estudos dunha maneira máis comprensiva e eficiente”, contextualiza a xa doutora. 

Porén, advirte esta psicopedagoga profesora de Educación Primaria, na actualidade “atopámonos con estudantes que, a pesar do seu esforzo e dedicación, non son capaces de lograr bos resultados académicos e isto posiblemente se deba ás súas dificultades en comprensión lectora”. A este contexto Aida Ramos engade que “existe un bo número de estudantes que non dedican tempo á lectura e non gozan da mesma porque teñen o mesmo problema: non comprenden o que len e por iso non ven a lectura como lecer”. 

Alumnado de segundo curso de Primaria

Na investigación realizada, Ramos Trigo centrouse en dous obxectivos principais, como son mellorar a lectura e mellorar os procesos cognitivos que subxacen á lectura do alumnado de segundo curso de Educación Primaria, traballando para acadalo cun grupo de 29 estudantes dun centro educativo. Eles e elas foron divididos nun grupo control, que seguiu as actividades curriculares habituais, e nun grupo experimental, formado por participantes con puntuacións baixas en procesos cognitivos e rendemento lector, ao que se lle aplicou durante nove semanas o Programa de Recuperación e Enriquecemento Pass-Lector (PREP-L), elaborado por J.P. Das en 1999. “Este programa reforza as habilidades lectoras cunha metodoloxía deseñada para que a aprendizaxe da lectura sexa espontánea a través da interiorización de principios e estratexias”, sinala a psicopedagoga.

Entre os resultados obtidos Aida Ramos destaca que o estudo reafirma que o PREP-L mellora o proceso cognitivo, é dicir, o procesamento sucesivo e simultáneo, tanto a curto como a longo prazo, e demostra que se mellora tanto a planificación e a atención, procesos directamente relacionados coa comprensión lectora, e os procesos lectores. “O efecto do programa sobre a compresión lectora e os procesos cognitivos é grande. Todas as medidas increméntanse significativamente despois de realizar o programa na medida postest para o grupo experimental. Asemade, nas medidas postest tamén se manifestaron dous incrementos significativos para o grupo control: un en procesamento simultáneo e outro en escala completa, con puntuacións maiores que as do grupo experimental”, indica a investigadora. 

“En definitiva, o programa activa a mente dos nenos e nenas: facilita a mellora do funcionamento dos procesos cognitivos de codificación e executivos; facilita a mellora da comprensión lectora e facilítalles a organización e reorganización do coñecemento en función da información nova”, resume a doutora. Tendo en conta a investigación desenvolvida, Aida Ramos apunta como o PREP-L como alternativa ao ensino directo de estratexias parece “amosarse eficiente, non só para as dificultades de aprendizaxe senón tamén para a prevención de risco lector”. Así, a profesora subliña como “o segundo curso de Educación Primaria é un curso importante para a intervención en nenos e nenas en risco de presentar dificultades lectoras, así como para o éxito da intervención”.