DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrouse no período de 1981 a 1985, os últimos anos do réxime militar

Unha tese demostra o papel das ‘murgas’ como motor de resistencia política na ditadura uruguaia

Demostrou que estas agrupacións foron capaces de eludir a censura e filtrar mensaxes de subversión

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/06/2020

Se a relación entre o entroido e o poder establecido –xa fose gobernamental ou eclesiástico- nunca foi doada, a complicación deste binomio multiplícase por mil cando falamos de réximes ditatoriais. Consciente desta realidade, a filóloga Gabriela Rivera decidiu centrar nesta temática a súa tese de doutoramento, un estudo detallado sobre os diferentes mecanismos empregados para eludir a censura no teatro de entroido uruguaio, centrándose sobre todo no papel das ‘murgas’ e analizando unha época de gran convulsión política, a última etapa da ditadura (de 1981 a 1985).

A tese, dirixida pola profesora Carmen Luna, ademais de ofrecer un estudo detallado da avaliación deste xénero teatral popular durante dito período autoritario, realiza unha análise literaria deste tipo de espectáculos para buscar neles as diferentes estratexias literario escénicas empregadas polas ‘murgas’ para evadir a censura gobernamental e criticar así, non só a actuación do réxime militar, senón tamén a postura da sociedade ante este panorama político. 

Catro compañías conformaban o eixe básico da resistencia

O estudo centrouno en catro agrupacións: Araca la cana, Diablos verdes, Falta y Resto e La reina de La Teja, as catro compañías que conformaron o eixe de resistencia fronte ao autoritarismo militar. A partir do seu estudo a investigadora constatou como se foron desenvolvendo os diferentes mecanismos e como as murgas lograron reivindicar o seu rol  na escena uruguaia e construír desta forma unha identidade claramente contestataria que xa se viña esbozando antes do período ditatorial e que, a partir de entón, logrou consolidarse. Este xiro que se aprecia nos espectáculos viuse propiciado, a xuízo da investigadora, pola implicación política destas agrupación na resistencia ao réxime, motivo polo que as súas representación sufriron unha evolución temática e estética que as converteu en obras teatrais complexas, tanto na súa forma como no seu contido. Ademais, a investigación tamén pon de manifesto a conciencia de grupo existente entre as catro agrupacións, “algo que pode comprobarse claramente nas constantes referencias intertextuais evidenciadas na análise dos espectáculos e que as converte nunha sorte de xeración teatral cohesionada polo fin común de ofrecer no escenario un discurso alternativo ao do réxime”.

Os seus espectáculos convertéronse en testemuñas dunha época

A partires das análises das diferentes producións e do seu contexto histórico, a tese demostrou que a ‘murga’ uruguaia foi capaz de provocar unha fenda na censura a través da que se filtraron as mensaxes de subversión, convertendo así o entroido nunha festividade de transgresión que non se limitou á dimensión espaciotemporal desta festa, senón que traspasou as súas fronteiras. “Por outra parte, resulta pertinente pór de relevo a importancia que as catro compañías analizadas na tese tiveron no panorama do entroido uruguaio, algo que se viu reflectido tanto na súa implicación política, o que permitiu que os seus espectáculos se converteran en testemuñas dunha época, como na renovación que supuxeron para o xénero, dando lugar a unha nova forma de entender o entroido”, recalca Rivera.

Esta función de testemuña social permitiu que, tras a análise dos seus espectáculos, poida debuxarse unha imaxe fidedigna deses anos de final da ditadura, quedando reflectidos os principais acontecementos que tiveron lugar no primeiro lustro da década de 1980 e o seu impacto na sociedade uruguaia. 

A risa erixiuse como a principal arma de crítica

“A ‘murga’ funcionou a modo de válvula de escape para aliviar as tensións do réxime, pero non como un aparato máis do goberno, senón como unha ferramenta que o pobo puxo ao servizo do pobo para que este cuestionara a realidade circundante”, apunta a autora da tese, ao que engade que a risa se converteu na principal arma de crítica e resistencia durante eses anos de escurantismo. “A función da ‘murga’ na ditadura non foi a de evadir a realidade do réxime, senón que se erixiu como un mecanismo popular para soportala, en función do cal evolucionou e puxo ao servizo da mensaxe todas as ferramentas textuais, musicais, temáticas e escénicas das que puido facer uso”, explicou a investigadora. En consecuencia, as ‘murgas’ gañaron en espectacularidade, pois as prácticas censoras fixeron que se afastaran do libreto escrito e potenciaran o resto de ferramentas.

Cátedra Unesco en Carnaval y Patrimonio

Integrante do grupo de investigación Elyce-Literacine da Universidade de Vigo, especializado no estudo da literatura hispanoamericana, as artes escénicas e as relacións entre literatura e cine, Gabriela Rivera realizou a comezos de ano unha estancia en Uruguai, onde traballa cun equipo da Universidad de la República no proxecto Carnaval en Anáforas, unha iniciativa da Cátedra Unesco en Carnaval y Patrimonio destinada a conservar, sistematizar e difundir, en forma dixital, un significativo acervo proveniente de coleccións públicas e privadas. “Trátase de reunir, sistematizar, dixitalizar e facilitar o acceso libre a materiais relacionados con esta festa, xa sexan en formato de texto ou imaxe”, salienta a investigadora, quen pon tamén de relevo a importancia de visibilizar e centralizar o patrimonio cultural que supón o entroido, ofrecendo un espazo sen ánimo de lucro que sirva tanto ao persoal investigador nesta materia como ao público en xeral.