DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A dramaturga Eugenia Baamonde estuda como presentan os espectáculos a diversidade sexual

Unha tese descobre que é posible cuestionar a “heteronorma” desde o escenario teatral

Desde o humor, a investigación amosa camiños para subverter os patróns establecidos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Teatro
  • Investigación
Rebeca López Villar DUVI 17/03/2021

Co título da súa tese de doutoramento, Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea, Eugenia Baamonde propón un xogo de palabras que avanza o matiz irónico, combativo e humorístico que está presente en todo o traballo. O obxectivo do seu proxecto, dirixido por Xosé Manuel Buxán, docente e decano da Facultade de Belas Artes da UVigo, é analizar a representación das sexualidades que cuestionan a “heteronorma” e os xéneros binarios na dramaturxia contemporánea española. Partindo da súa práctica artística, a dramaturga expón as principais ferramentas estéticas e ideolóxicas que se empregan neste eido, concluíndo que existen “teatros que importan”, que se moven arredor dos corpos des-xenerados e provocan lecturas afastadas do normativo. 

Pon o foco nos espectáculos que se saen da norma

Empregando unha metodoloxía transversal, Baamonde toma como base a idea de que na práctica escénica contemporánea existe unha mestura de linguaxes que racha as fronteiras das disciplinas artísticas e inclúe elementos da danza, das artes plásticas e performativas, etc. Por iso, a autora fala de “arte do corpo” e do desprazamento da importancia da palabra: agora o corpo, asegura, convértese practicamente “no único soporte material da representación”. 

Baixo este marco conceptual, Baamonde revisa criticamente as prácticas teatrais, cuestionando o dispositivo do espectáculo na súa totalidade e propoñendo novos camiños na dramaturxia, ferramentas que “poñan en evidencia a construción das identidades”. Neste repaso por propostas activistas, transfeministas, queer, etc., inflúe a súa consideración da “Historia en letras grandes”, que “non deixa de ser a Historia” do home heterosexual, branco e occidental.   

Un dos capítulos centrais da súa tese achégase a discursos que xiran arredor das prácticas sexuais, coa análise dos traballos de colectivos como Quimera Rosa ou VideoArmsIdea. Eugenia Baamonde emprega termos como pornoescena disidente, para aludir a expresións artísticas que elaboran relatos críticos coa pornografía mainstream, ou pornoterrorismo, unha palabra tomada de Diana J. Torres, que “fala da súa propia creación empregando unha linguaxe directa e provocadora e engadindo conceptos como o terror, a abxección ou o uso do noxento”.  

“Corpos invertidos, estamos aquí!”

Na súa reflexión final, titulada teatros que importan: mutis por el foro, a investigadora confirma a necesidade de pór en dúbida “o sistema sexo-xénero-sexualidade” na dramaturxia e cre que “estudar as posibilidades de fisura non fai máis que evidenciar o escondidos que están os mecanismos de construción da identidade sexo-xenérica e como atinxen a todas as facetas das nosas vidas”. 

No seu repaso a accións teatrais que se saen da norma, Baamonde atopou “prácticas radicais que introducen campos de batalla que tamén hai que abordar”. Recorda que, no caso dos travestismos de muller, “existe toda unha tradición de mulleres que se rebelan contra as normas do heteropatriarcado e que atopan na vestimenta unha ferramenta contestataria coa que burlar as regras”. Son todos estes “motivos máis que suficientes”, afirma, para continuar estudando aquelas obras que “tentan traspasar as fronteiras do politicamente correcto”, presentando “sexualidades xa existentes pero relegadas ata agora a circuítos marxinais”. 

Consecuencia dunha longa traxectoria no eido escénico

Sobre o vínculo entre o proceso investigador e o creativo, a xa doutora en Arte Contemporánea considera que unha tese relacionada coas artes escénicas debería tamén ser presentada con recursos escénicos. Ao longo do texto, Baamonde engade exemplos de creacións propias que teñen que ver co contido da investigación e que contribuíron a súa elaboración. De feito, no seu afán por levar á escena os supostos teóricos, xurdiu Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, unha performance desenvolta no Vello Cárcere de Lugo no ano 2018. 

Esta obra estaba pensada para formar parte da defensa da tese “como xeito de complementar a indispensable e obrigatoria defensa do escrito”. Explica a autora que “no contexto de Belas Artes é frecuente engadir nos traballos de investigación a propia práctica artística”, polo que no seu caso “tiña toda a lóxica este camiño, empregando a linguaxe propia desta disciplina artística”. Non obstante, o contexto sanitario e as restricións motivadas pola pandemia da covid-19 obrigaron a que a lectura da tese tivera carácter virtual, polo que esta idea quedou descartada. 

Directora, actriz e escritora, Baamonde participou en espectáculos como Mulleronas, estreado en 1999, e Elisa e Marcela, unha revisión desde o humorístico do primeiro matrimonio entre mulleres en Galicia. Con esta última montaxe acadou o Premio María Casares no ano 2018, un galardón que recoñecía, ademais do seu labor como creadora, a reivindicación da liberdade sexual de todas as persoas.

“Un horizonte esperanzador”

Malia definirse como “optimista incorrixible”, Baamonde pensa que nos últimos tempos, a pesar da “persistencia de estereotipos conservadores”, as cousas están cambiando pouco a pouco no teatro. Cada vez hai más prácticas que defenden perspectivas feministas e que “dan cabida a toda unha serie de inquedanzas sobre a diversidade sexual”. Para a investigadora, é necesario “poñer en primeiro plano o que os corpos diversos teñen que contar”. 

O que si é seguro é que o traballo de Eugenia, Gena, Baamonde seguirá alimentando o panorama teatral, xa que nuns meses, cando as condicións sanitarias o permitan, as súas Metodoloxías carroñeras estrearanse para o público xeral, para que “continúe o seu periplo de exhibición, a xeito de continuidade escénica da tese”.