DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada por Laura Rodríguez empregando un modelo de simulación informática

Unha tese describe a circulación oceánica de larvas, anguías europeas e lagostas espiñosas

Tamén analiza as correntes na plataforma continental de Texas-Luisiana

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 18/09/2018

O estudo do transporte de partículas no océano e o seu patrón de dispersión a través de simulación numérica usando un modelo lagrangiano. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento da física do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) da Universidade de Vigo Laura Rodríguez. Nela describiu, empregando ferramentas informáticas, o percorrido oceánico tanto de larvas, anguía europea e lagosta espiñosa como das correntes na plataforma continental de Texas-Luisiana.

Rodríguez Díaz presentou a súa tese na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo o título A particle tracking model to analyze transport in ocean e coa dirección de Ramón Gómez Gesteira e Francisco José Santos. Segundo explica a investigadora, o seu traballo centrouse en abordar diferentes exemplos de interese sobre a circulación oceánica, que é o movemento a nivel global das masas de auga nas concas oceánicas, fenómeno que permite redistribuír a calor desde o ecuador ás rexións polares e que transporta todo tipo de materias ata practicamente calquera rexión do planeta, desde lixo mariño ata organismos como nutrientes ou larvas.

Na investigación empregou un modelo lagrangiano de simulacións, que se caracteriza por usar un grupo de partículas virtuais para obter as traxectorias que seguirían no océano ao ser arrastradas polas correntes. Concretamente aplicou este modelo para determinar cambios na probabilidade de cruzar o Atlántico Norte durante o período 1899-2010 para as larvas cunha vida larval superior a un ano; para determinar se é posible obter con modelos numéricos tempos de migración da anguía europea e para analizar a conectividade entre as poboacións da lagosta espiñosa no océano Índico durante o período 1958-2008. O cuarto caso de aplicación foi a análise das correntes na rexión da plataforma continental de Texas-Luisiana influenciada pola pluma dos ríos Atchafalaya e Mississippi.

Migracións e conexións

Sobre as principais conclusións obtidas, Laura Rodríguez sinala como “o modelo lagrangiano desenvolvido permite estudar diferentes temáticas relacionadas coa dispersión de partículas nas correntes oceánicas usando diferentes configuracións iniciais de lanzamento”. No caso das larvas explica como se observou como “o aumento no número de partículas que tiveron éxito en cruzar o océano Atlántico Norte desde inicios do século XX está relacionado cos cambios na enerxía dos remuíños, que se intensificou ao longo da corrente do Golfo”. A maiores, engade, obtivéronse resultados que indican que as partículas estanse movendo máis rápidas agora que ao principio do século XX. Como exemplo do traballo realizado en cada suposto, neste caso, por exemplo, indica como na simulación virtual realizada “as partículas foron liberadas dúas veces ao ano e en catro profundidades no estreito de Florida onde a corrente do Golfo é a principal forza impulsora da dispersión. Os meses de liberación foron elixidos para que coincidisen coas épocas de desove de varias especies da área de estudo”.

No caso da anguía europea, Rodríguez Díaz salienta como se obtiveron “valores de tempo de migración da orde de oito meses comparables aos obtidos da análise da microestrutura dos otolitos da anguía europea”. Con todo, detalla, o tempo de migración amosou ser dependente da profundidade de lanzamento, da distribución inicial dos trazadores e da estratexia de migración considerada. “Inicialmente as partículas liberáronse no mes de abril nunha área no mar dos Sargazos para que coincidira co pico e área de desove da anguía europea”, comenta a física sobre a simulación feita neste suposto.

Ademais, a tese tamén recolle como “o estudo da conectividade das poboacións da lagosta espiñosa Panulirus penicillatus no océano Índico demostrou que a poboación do mar Vermello está completamente illada”. Nesta simulación, detalla Laura Rodríguez, as áreas de lanzamento elixidas foron mar Vermello, Madagascar, Maldivas, Aceh e Java, de acordo a un estudo xenético sobre a mesma especie co fin de determinar se os seus resultados poderían ser explicados pola conectividade debida á circulación oceánica no Índico. Os resultados obtidos apuntan como “a poboación das Maldivas é a área que mellor permite o intercambio xenético posto que as partículas liberadas nesta rexión poden alcanzar Aceh e Java a través dunha migración directa e probablemente Madagascar a través dunha migración por etapas”.

Por último, a investigadora do campus de Ourense comenta que o modelo lagrangiano aplicado á análise do transporte de auga dos ríos Mississippi e Atchafalaya amosou unha redución do transporte en dirección oeste ao longo da plataforma continental de Texas-Luisiana durante os meses de inverno desde os anos 80. “Isto unido á redución da descarga do río e da frecuencia dos ventos do este explicaría a perdida de flotabilidade detectada na rexión ocupada pola pluma turbia dos ríos, o cal favorece a entrada de auga máis fría na capa de mestura dando lugar ao patrón de arrefriado detectado na plataforma continental de Texas-Luisiana”, detalla Laura Rodríguez. O obxectivo principal neste caso foi atopar unha explicación plausible ao patrón de temperatura detectado nesta área que amosa unha tendencia ao arrefriamento, de -0.5 ºC por década durante os meses de novembro a febreiro, moi diferente ao quecemento observado nas áreas oceánicas adxacentes.