DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xoana Reguera deseñou e avaliou unha iniciativa formativa baseada na aprendizaxe cooperativa

Unha tese desenvolve un programa de ximnasia acrobática para mellorar as habilidades sociais do alumnado adolescente

O estudo constatou que fomentaba unha maior motivación, responsabilidade e cooperación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/03/2019

Partindo da idea de que “se o alumnado sente que mellora as súas capacidades, está motivado durante as clases e é capaz de alcanzar bos resultados individuais e grupais, gañará confianza en si mesmo, mellorando as súas habilidades sociais e persoais”, a investigadora Xoana Reguera deseñou un programa didáctico que tiña como base a ximnasia acrobática, disciplina deportiva que implica a execución en grupo de figuras como pirámides humanas, e a aprendizaxe cooperativa. Un programa que a investigador do grupo GIES-10 puxo en práctica, como profesora de Educación Física, cun grupo de 82 estudantes de 3º e 4º da ESO do colexio Don Bosco de Vigo, e posteriormente avaliou para a tese de doutoramento que defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que aborda como esta iniciativa permitiu que o alumnado “gañase confianza individual e grupal, favorecendo a sensación de estabilidade emocional”, contribuíndo tamén á “adquisición de actitudes como a responsabilidade, o esforzo, a cooperación, o compañeirismo e a superación de retos”. 

“Este estudo é froito dunha reflexión persoal ante as necesidades que presenta o meu alumnado, tanto adolescente como universitario. Busca a mellora da calidade educativa pensando nun beneficio persoal que repercuta na súa vida social”, apunta Reguera, profesora na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e na Escola de Maxisterio CEU de Vigo, ademais de no colexio Don Bosco. Nese senso, a principal conclusión da súa tese, Diseño y evaluación de un programa de gimnasia acrobática para la mejora de las habilidades sociales y personales en educación secundaria, que dirixiu a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez, é que “a aprendizaxe da ximnasia acrobática é eficaz para a mellora das habilidades sociais e persoais do alumnado adolescente”. 

Mellora da autoestima, seguridade e confianza 

Partindo da importancia das metodoloxías activas, “aquelas que avogan por unha maior participación do alumnado” e buscan facelo “protagonista da súa propia aprendizaxe”, este programa comprendía, nunha primeira fase, exercicios ximnásticos individuais como cambadelas, rodas laterais e equilibrios invertidos, para posteriormente abordar a realización de pirámides e o traballo en grupo. Recollido tamén no libro Diseño y evaluación de programas educativos en el ámbito social, coordinado pola investigadora principal do grupo de investigación GIES-10, Margarita Pino, neste caso coa súa adaptación á LOMCE, este programa foi avaliado a través dunha serie de cuestionarios realizados ao alumnado ao inicio e final do programa, así como por instrumentos cualitativos como un rexistro anecdótico sobre as “condutas, comportamentos, actitudes e toma de decisións” durante as clases e un diario de clase, no que as e os participantes abordaron o seu traballo durante as sesións “así como os seus sentimentos dentro do grupo”. 

Esta avaliación permitiu constatar, apunta Reguera, unha “lixeira mellora da conduta socialmente hábil” no alumnado participante, así como nos aspectos relativos “ás relacións entre iguais e superiores e ás situacións relacionadas coa axuda, consideración, respecto e escoita entre compañeiros”. Do mesmo xeito e, a pesares de que “o alumnado non partía de valores baixos de autoestima”, tamén se mellorou unha “mellora significativa" desta trala intervención, en aspectos como a satisfacción persoal. “A maior parte reflectía nas súas reflexións que estaban fascinados por sentirse capaces de facer cousas que antes nin imaxinaban”, sinala a investigadora que incide en como o feito de “sentirse capaces e valorados polos seus compañeiros” fixo que a medida que avanzaba o programa “aumentasen a súa implicación nas tarefas e a súa responsabilidade individual e social”. 

Por outra banda, a avaliación do programa constatou tamén unha mellora na dimensión académica do autoconcepto das e os participantes, dado que segundo avanzaban as clases “aumentaba o seu interese por alcanzar o mellor resultado posible”, ao igual que na súa dimensión social, xa que a medida que gañaban confianza melloraban tamén “a súa capacidade de expresar opinións, independentemente do que os demais puidesen pensar”. O mesmo aconteceu co autoconcepto familiar e co autoconcepto físico, “a dimensión na que se observou unha maior melloría”, explica Reguera, quen lembra como segundo ían transcorrendo as sesións os e as participantes amosábanse “máis interesados polo coidado persoal, pola súa mellora física”. Nese senso, o estudo amosou tamén a validez da ximnasia acrobática como “un contido que mellora a competencia motriz e favorece a motivación cara a práctica deportiva dentro e fóra da aula”.