DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente lusa Susana Rocha é a súa autora

Unha tese destaca a influencia dos esquemas cognitivos mal-adaptativos no consumo e na impulsividade na compra

A investigación baseouse nunha enquisa a 365 estudantes universitarios da cidade de Porto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 23/11/2020

Ao longo da vida, explica a investigadora lusa Susana Rocha, as persoas adquiren formas estables de pensamento, chamadas esquemas cognitivos. Entre elas, os esquemas cognitivos mal-adaptativos precoces, engade, refírense a temas “extremadamente estables e de longa duración que se desenvolven durante a infancia” e que abranguen desde a alta dependencia ata o excesivo de autocontrol. Na súa tese de doutoramento, a investigadora afondou na alta influencia destes esquemas mal-adaptativos no estilo de consumo e na tendencia á impulsividade na compra, baseando a súa investigación nunha enquisa a 365 estudantes universitarios de Porto (Portugal).

Defendida na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, a tese levou por título Influencia dos esquemas cognitivos mal-adaptativos no estilo de consumo e na tendencia á impulsividade na compra e foi dirixida por Xosé Manuel Cid e Yolanda Rodríguez. Nela, Susana Rocha explica como o comportamento das e dos consumidores ten varios factores determinantes: por un lado, os factores externos á persoa, como o prezo do produto, e por outro, os factores internos do consumidor, relacionados esencialmente con estados emocionais ou de ánimo. “Con todo, os comportamentos en xeral, incluíndo os comportamentos de consumo, dependen de tendencias estables de procesamento da información e non só do estado do consumidor no momento”, comenta a investigadora. Dada a importancia dos esquemas cognitivos mal-adaptativos na vida das persoas e nas opcións que fan, engade, a investigación marcouse como obxectivo “determinar a súa relación cos estilos de consumo e coa tendencia á impulsividade na compra”.

Cinco dominios

Susana Rocha lembra como os esquemas mal-adaptativos precoces “case sempre causan danos importantes a un mesmo e aos demais e interfiren de forma significantiva na vida diaria, a autonomía e as interaccións”. Na actualidade, detalla, considéranse 18 esquemas inadaptados principais, organizados en cinco dominios: o de distancia e rexeitamento (incapacidade de crear conexións seguras); o de autonomía e rendemento deteriorados (alta dependencia e un medo esaxerado); o de límites deteriorados (graves dificultades para respectar aos demais ou alcanzar obxectivos persoais realistas); o de influencia de dominio doutras persoas (busca constante e excesiva de aprobación de outros) e o de vixilancia e inhibición excesivas (esforzo excesivo de autocontrol e supresión de sentimentos). Segundo detalla a xa doutora, a contribución destes esquemas cognitivos aos comportamentos de consumo e compra analizados foi estimada controlando variables como a personalidade e os síntomas de ansiedade e depresión.

Sobre os resultados acadados, Susana Rocha sinala como “en xeral, confirmamos que os esquemas mal-adaptativos precoces parecen desempeñar un papel importante nos estilos de toma de decisións dos consumidores e na tendencia cara compras impulsivas e compulsivas, que non se poden explicar por variables de estado, que neste estudo eran ansiedade e depresión”. No que respecta aos estilos de consumo, engade, “os esquemas mal-adaptativos de influencia de outros son especialmente relevantes para explicar o perfeccionismo e a concienciación por unha alta calidade, que son as características das formas de consumo nas que se busca a mellor calidade coidadosamente e sistematicamente". Así, engade, "cremos que a consecución de certos estándares de calidade funcionará como mecanismo de obtención de atención e aprobación, no que a avaliación da persoa de si mesma dependa moito dos obxectivos e marcas definidas pola sociedade e polos grupos de referencia social”.

Respecto aos esquemas de vixilancia e inhibición excesivos, Susana Rocha destaca que “prevén tendencias de comportamento nas compras de maior atención ás marcas máis coñecidas e publicitarias (coñecemento da marca) e aos produtos innovadores e potencialmente máis "perfectos" (conciencia de moda e novidade)”. Nunha estrutura cognitiva de evitar erros, engade, “aumenta considerablemente o risco de ser abrumado con información excesiva sobre o que hai no mercado (confusión debido ao exceso de opcións posibles)”. Tamén, engade, “predín a conciencia pola compra e impulsividade hedonistas, no sentido de que nun contexto de excesivo control e inhibición das emocións, as compras teñen unha función compensatoria”.

En canto á tendencia á impulsividade e á compra compulsiva, detállase na investigación, “son os esquemas do dominio da vixilancia e inhibición excesivas os que teñen máis influencia”. Non dispoñendo de datos para propor hipóteses explicativas, comenta Susana Rocha, “é posible que un dos mecanismos desta influencia sexa a necesidade de fuxir dunha incómoda realidade interior, a compensación en relación a unha baixa autoestima ou unha forma de afrontar para traer un alivio en relación a situacións ou emocións negativas ou como forma de obter satisfacción e recompensa”. A participación en tarefas inmediatas e concretas, como as compras, sinala, “pode axudar a escapar ou compensar unha autoconsciencia dolorosa ou unha baixa autoestima, que adoita atoparse en persoas que compran compulsivamente ou de forma impulsiva”. Outro posible mecanismo, “en certo xeito asociado ao anterior”, comenta Susana Rocha, “é a compensación dun posible perfeccionismo disfuncional e materialismo excesivo en persoas con tendencia a compras compulsivas ou impulsivas”.