DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada pola investigadora Paula Frieiro

Unha tese evidencia o impacto das redes sociais e da autoestima nos trastornos de conducta alimentaria na adolescencia

Nela afóndase en como o traballo social pode axudar ás persoas e familias afectadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 28/03/2023

Os crecentes trastornos da conduta alimentaria (TCA), son enfermidades que están influenciadas por múltiples factores: biolóxicos, psicolóxicos e socioculturais. Na súa tese de doutoramento, a investigadora e traballadora social Paula Frieiro analizou a influencia das redes sociais e da autoestima sobre estes trastornos na adolescencia e a posible resposta desde o traballo social a esta problemática. Os estudos realizados, indica, “evidencian que a socialización en redes, as variables persoais e familiares e a autoestima repercuten sobre o risco de padecer TCA”.

A tese, con mención internacional, foi dirixida desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense polo profesor Rubén González e realizada no marco do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da UVigo, ao que pertence a súa autora. A súa finalidade foi “comprender algunhas das necesidades actuais dos trastornos da conduta alimentaria” e a metodoloxía de investigación escollida foi mixta, elaborando Paula Frieiro para esta tese oito estudos, tanto cualitativos como cuantitativos, e investigación aplicada mediante a creación e proposta dunha ferramenta tecnolóxica.

Segundo explica a xa doutora pola UVigo, é “transcendental o estudo da autoestima relacionada cos trastornos da conduta alimentaria, por vincularse de maneira central coa construción da propia imaxe corporal e por ser un factor mediador no risco de condutas asociadas aos trastornos da conduta alimentaria”. De igual forma, engade, a crecente socialización a través de redes sociais xera situacións de comparativa social que repercuten sobre a autoestima e sobre a saúde mental. Os TCA, detalla Paula Frieiro, “caracterízanse por ser frecuentes na adolescencia, oscilando nesta etapa entre un 6% e un 8%”, datos que, sinala, estanse incrementando.

Desenvolvemento e/ou perpetuación dos TCA

A partir dos resultados acadados no seu traballo, a investigadora destaca que “as actitudes e condutas de risco asociadas aos trastornos da conduta alimentaria veñen influenciadas por variables persoais (idade, xénero, curso escolar e o uso que se fai das redes sociais) e por factores sociofamiliares (nivel de estudos da familia e grao de relación familiar)”. Así, apunta por exemplo que as familias con maior nivel de estudos dispoñen, xeralmente, de maior capacidade de afrontamento destes trastornos e as persoas que manifestan ter unha relación familiar regular teñen unha maior puntuación nas dimensións de dieta, preocupación pola comida, risco de bulimia e control oral respecto das familias que teñen relacións boas ou moi boas.

Segundo explica Paula Frieiro, na tese identificouse e observouse unha evidencia “clara e suficiente” sobre a importancia de considerar a autoestima no estudo destes trastornos, ao mesmo tempo que se deben ter presentes a influencia da contorna familiar, os factores socioculturais e de forma específica a perspectiva de xénero, apuntando neste senso que o 90% das persoas ás que se diagnostican TCA son mulleres. “Os resultados alcanzados nesta tese evidencian que o xénero, a idade, o curso académico e o tipo de centro xeran diferenzas significativas nos niveis de autoestima da poboación adolescente”, apunta a doutora.

Ademais, na tese identificouse que, conxuntamente con outras situacións ou factores, “o uso de redes sociais está significativamente relacionado co posible desenvolvemento e/ou perpetuación dos TCA”. A investigación realizada detalla que “o risco de padecer trastornos da conduta alimentaria está influenciado polo tempo de uso de redes, polo tipo de interaccións que se producen e polas fotografías compartidas, así como polo xénero e o contexto sociocultural das persoas usuarias de redes sociais”. Segundo explica a súa autora, no estudo realizado establécese que a autoestima e o uso de redes sociais inflúe nos TCA de forma global. “Evidénciase a este respecto, un aumento das condutas dos trastornos de conduta alimentaria cando a autoestima é baixa e unha maior socialización a través das redes sociais tamén conduce a un maior risco de condutas relacionadas cos TCA na etapa da adolescencia”, afirma.

Froito da investigación realizada, Paula Frieiro indica que “conclúese necesario impulsar a prevención relacionada co uso das redes sociais, de forma que se fomenten habilidades como o pensamento crítico sobre a información que se percibe a través destes medios. Os primeiros cursos de Educación Secundaria Obrigatoria son determinantes para a prevención-intervención dos TCA”. O interese da autoestima durante a adolescencia é fundamental, xa que, afirma, “a promoción da autoestima positiva e a diminución da autoestima negativa resultan de especial utilidade para a prevención dun amplo rango de problemas de conduta, emocionais, de benestar xeral e de saúde mental tanto na adolescencia como na posterior etapa adulta”.

Co obxectivo de contribuír positivamente neste senso, no marco desta tese e do proxecto Inou Dixitou, no que participa un equipo multidisciplinar da Facultade de Educación e Traballo Social e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, creouse unha ferramenta en formato xogo de aplicación móbil, actualmente en fase de probas, para que a adolescencia poida enfrontarse de forma autónoma e responsable ás situacións de risco que potencialmente poden producirse en redes sociais.

Intervención e acompañamento social

Por último, a tese abordou a resposta desde o traballo social a esta problemática, subliñando que a intervención e acompañamento social pode conducir a “unha mellora substancial a nivel individual e familiar dos TCA”. A tese apunta que o traballo social pode mellorar o impacto sobre o proxecto de vida da persoa afectada e mellorar as dinámicas familiares. “Esta disciplina pode formar e realizar grupos de apoio, desenvolver e promover talleres socioeducativos, utilizar ferramentas de resolución de conflitos e mediación familiar, xerar un vínculo profesional de acompañamento e asesoramento social durante todo o proceso de enfermidade, así como tamén ha de considerar as necesidades de conciliación familiar fronte a enfermidade”, lembra a investigadora. Estas respostas de acompañamento social da enfermidade foron abordadas desde a perspectiva social e familiar tanto en Suecia como en España.