DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigación foi realizada por Alicia Pérez no marco do Grupo de Biotecnoloxía Agroalimentaria

Unha tese identifica un microorganismo de uso potencial no campo da biorremediación de augas

O estudo céntrase en residuos de bagazo e da industria téxtil

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 02/05/2018

Na súa tese de doutoramento a bióloga do Grupo de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo Alicia Pérez abordou a eliminación de compostos de tipo fenílico seguindo a estratexia de emprego de microorganismos e centrándose no reaproveitamento do bagazo de cervexa e na eliminación deste tipo de compostos nos efluentes derivados da industria téxtil. Froito deste traballo conseguiuse illar unha cepa, chamada Bacillus aryabhattai Ba03, “de gran potencial na industria, e concretamente no campo da biorremediación de augas”, na recuperación de augas residuais mediante microorganismos.

A tese, titulada Tratamento biolóxico de compostos fenílicos, foi presentada este curso académico na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e estivo dirixida por José Manuel Domínguez. Sobre o eido de estudo onde se enmarca, a autora sinala como “o crecemento demográfico irá acompañado dun maior consumo dos recursos naturais e unha maior produción de residuos, polo que estratexias para maximizar o aproveitamento, minimizar as perdas e xestionar eficientemente as verteduras son fundamentais para que o planeta sexa sustentable”. Deste xeito, sinala Alicia Pérez, coa finalidade de previr danos no ecosistema, diferentes estamentos e organizacións estatais e internacionais promoveron numerosas accións lexislativas na área ambiental, sendo hoxe en día obrigatorio o tratamento e a xestión dos residuos de forma axeitada.

“Esta tese centrouse fundamentalmente na eliminación de compostos de tipo fenílico”, comenta a xa doutora. Os compostos fenílicos, detalla, son elementos que se atopan amplamente distribuídos na natureza nos materiais lignocelulósicos, polo que non adoitan ser un risco medioambiental. Porén, engade, “as actividades agroindustriais achegan unha gran cantidade de residuos lignocelulósicos ao medio, e en combinación cos compostos fenílicos sintéticos xerados na industria química e petroquímica, fan que se supere a capacidade de resilencia da contorna e desencadeen serios impactos ambientais”.

A cepa empregada

A estratexia proposta nesta tese para a eliminación de compostos fenílicos, explica Alicia Pérez, “consistiu no emprego de microorganismos que metabolicen diferentes compostos fenílicos, levándose a cabo dúas liñas moi diferenciadas. Por unha banda, o reaproveitamento do bagazo de cervexa para obter compostos problema e biotransformarlos en aditivos de aromas e sabores de interese alimentario, e, doutra banda, a eliminación destes compostos presentes nos efluentes derivados de actividades da industria téxtil”. O emprego de microorganismos, comenta a bióloga, “é unha técnica amplamente usada, pero para iso é necesario previamente coñecer e optimizar os parámetros nutricionais e ambientais das cepas”.

A cepa empregada neste estudo, comenta a investigadora, non proven de coleccións de cultivo tipo polo que un dos obxectivos desta tese consistiu “no illamento, caracterización e establecemento das condicións máis axeitadas para o crecemento da cepa”. Os resultados desta tese, detalla, “concluíron no illamento dunha cepa de gran potencial na industria, e concretamente no campo da biorremediación de augas”. “A cepa Bacillus aryabhattai Ba03 mostrou unha gran versatilidade fisiolóxica e metabólica e expresando unha gran variedade de encimas líticas”, detalla Alicia Pérez.

Este microorganismo tamén mostrou a capacidade de biotransformar algúns dos compostos fenílicos en aditivos de interese alimentario e industrial. “O feito máis destacable foi que Bacillus aryabhattai Ba03 amosou a capacidade de metabolizar grandes cantidades de compostos fenílicos en intervalos relativamente curtos de tempo baixo diversas condicións. Isto fai que sexa unha firme candidata para o tratamento biolóxico de efluentes de diversa procedencia”, indica a investigadora. Ademais, puntualiza, “non requiriu de medios de cultivo complexos para o seu crecemento e desenvolvemento, nin tampouco para os distintos procedementos ensaiados, supoñendo unha gran vantaxe económica á hora de implementar o seu uso”. Froito deste traballo do Grupo de Biotecnoloxía Agroalimentaria, engade, "saíu unha patente para o tratamento biolóxico de efluentes da industria téxtil".

Tras finalizar estes traballos, e posto que os tratamentos do material lignocelulósico xeraron correntes residuais, detalla a investigadora, “buscáronse distintas estratexias para empregalas e aproximarnos a un proceso residuo cero”. Actualmente, a investigadora continúa nas instalacións do Grupo de Biotecnoloxía Agroalimentaria no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI do campus de Ourense afondando no tratamento de augas e no aproveitamento de residuos lignocelulósicos.