DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu autor é o investigador do Grupo Ephyslab Santiago Salvador Gimeno

Unha tese identifica os principais obstáculos normativos para o desenvolvemento dos parques eólicos mariños en España

Nela tamén analiza potenciais emprazamentos para a súa instalación en Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 06/06/2019

“Realizar unha análise multidisciplinar conxunta da influencia do dereito público (internacional, comunitario, nacional e autonómico) así como de variables meteorolóxico-técnicas no desenvolvemento de parques eólicos mariños en España, tomando como caso de estudo Galicia”. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento de Santiago Salvador Gimeno, licenciado en Dereito e actualmente investigador do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) da Universidade de Vigo.

A tese, dirixida por Luís Gimeno e Francisco Javier Sanz, foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo o título The influence of international, EU, national and regional legislation in the de development of offshore wind farms. The case of Galicia (Spain). España, indica o investigador, “posúe un elevado potencial eólico mariño, pero existen diversos obstáculos regulatorios que están a frear o seu aproveitamento” polo que xorde “a necesidade de modificar a lexislación de cara a potenciar o desenvolvemento eólico mariño” “preservando, á vez, outros intereses sociais, económicos e ambientais cos que pode entrar en conflito”.

Análise xurídico

Na tese de doutoramento, comenta o seu autor, analiza a normativa internacional, comunitaria, nacional e rexional reguladora dos principais usos e intereses que se proxectan sobre o medio ambiente mariño que poden verse afectados pola instalación de parques eólicos mariños en Galicia, como as reservas mariñas de interese pesqueiro ou a protección da paisaxe. No marco estatal, Gimeno apunta como se dedicou especial atención “ao longo e complexo” procedemento de autorización contemplado principalmente polo Real Decreto 1028/2007, realizando un estudo comparativo cos sistemas legais dos estados europeos líderes en desenvolvemento eólico mariño, como son Reino Unido, Alemaña, Holanda e Dinamarca. “Estes países adoptaron diferentes mecanismo dirixidos á simplificación e racionalización procedemental”, comenta o investigador. Así, recalca, “o establecemento de guías ou instrucións que proporcionen unha visión integrada dos diferentes procedementos (cuxa regulación se atopa dispersa en diferentes textos normativos alén do Real Decreto 1028/2007) pode axudar a racionalizar e simplificar o procedemento de autorización dos parques eólicos mariños en España”.

No seu traballo tamén levou a cabo un estudo sobre a aplicación da normativa comunitaria (Directiva 2014/52/UE) e nacional (Lei 21/2013, modificada pola Lei 9/2018) sobre avaliación de impacto ambiental destas instalacións. Entre as recomendacións de mellora, Santiago Salvador Gimeno apunta incrementar o rol do goberno á hora de levar a cabo os traballos de investigación así como a predeterminación da localización específica destes dispositivos, como se está facendo en Holanda, ou establecer requisitos procedementais que sexan proporcionais ao risco ambiental derivado de cada tipo de instalación, así como zonas piloto que gocen de regulacións máis favorables de cara a testar prototipos a pequena escala así como os seus potenciais efectos no medio ambiente mariño. O investigador tamén propón regular a fase de elaboración do documento de alcance como obrigatoria tanto na avaliación de impacto ambiental ordinaria como na simplificada, así como expandir o concepto de “persoa interesada” a toda asociación ambiental sen ánimo de lucro. Estas dúas medidas podería, na súa opinión, “axudar a asegurar unha máis ampla e temperá participación cidadá e unha maior transparencia, conseguíndose incrementar o grao de apoio social cara estes proxectos”.

Na investigación, apunta o seu autor, tamén se estudou “o importante" papel da Directiva 2014/89/UE sobre a ordenación espacial do medio mariño, recentemente trasposta ao dereito interno español mediante o Real Decreto 363/2017, á hora de potenciar o desenvolvemento das enerxías renovables mariñas, “aumentando a certeza dos promotores, mellorando a participación do público e das partes afectadas, simplificando os procedementos de autorización e minimizando os conflitos con outras actividades e intereses proxectadas sobre o medio mariño”. Entre as propostas que fai Santiago Salvador Gimeno están coordinar os plans de ordenación espacial do medio mariño cos plans de ordenación do litoral, así como mellorar as posibilidades de participación das comunidades autónomas costeiras no procedemento de elaboración dos plans espaciais mariños. Ademais, recalca, “é necesario lograr unha coordinación e articulación axeitada entre as estratexias mariñas elaboradas en base á Lei 41/2010 para manter e conseguir dun bo estado ambiental do medio mariño e os plans de ordenación do medio mariño”. Esta coordinación, apunta o investigador de Ephyslab, é necesaria para alcanzar unha axeitada protección ambiental fronte aos impactos negativos derivados da instalación de parques eólicos mariños e ao mesmo tempo axudar a desenvolver o sector das enerxías renovables mariñas en liña coas iniciativas de crecemento azul.

Análise de emprazamentos

Tendo en conta este marco legal, na súa tese o xa doutor tamén analizou a potencialidade, desde un punto de vista meteorolóxico-técnico (tanto no presente como en escenarios climáticos futuros) como xurídico, de diferentes emprazamentos para instalar parques eólicos mariños. En canto á costa galega, Santiago Salvador Gimeno sinala que a pesar de que a área de maior densidade de potencia eólica (1000 W m-2) foi localizada na esquina noroccidental (entre o cabo de Fisterra e o cabo de Ortegal), a concorrencia de numerosos intereses legalmente protexidos nesta área pola súa riqueza natural dificulta a instalación de parques eólicos mariños en zonas próximas á costa. “Con todo, co desenvolvemento da eólica flotante no futuro é probable que estes dispositivos poidan operar en augas máis profundas e máis afastadas do litoral, onde os choques con outras actividades e intereses ambientais sexan menores”, sinala o investigador. Os potenciais emprazamentos máis próximos á costa onde se identificaron menos “colisións” con zonas legalmente protexidas, recolle a tese, radican na zona sur da ría de Vigo e na esquina nororiental de Galicia, “aínda que nestas localizacións o potencial eólico mariño (400-500 W m-2) atópase por baixo da media europea”. Respecto das proxeccións futuras, considerando o escenario de cambio climático máis desfavorable, Galicia, subliña o xurista, “é o único punto da península ibérica (xunto co estreito de Gibraltar) onde se prevé que os ventos se manteñan e mesmo aumenten lixeiramente ao longo do século XXI”.