DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo premia a 18 estudantes polo seu compromiso coa Axenda 2030 e os ODS

Teses e traballos fin de mestrado e de grao que transforman o mundo

Saúde, industria, benestar social e medio ambiente son as temáticas dominantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/01/2026

9000 euros en premios para as mellores teses de doutoramento, Traballos Fin de Máster e Traballos Fin de Grao relacionados coa Axenda 2030, a Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social. A Universidade de Vigo deu a coñecer nas últimas semanas as gañadoras e gañadores duns galardóns cos que a institución premia o compromiso das alumnas e alumnos que decidiron centrar nestas temáticas os seus traballos de fin de estudos, 18 investigacións coas que o alumnado máis comprometido co desenvolvemento sostible quere achegar o seu pequeno gran de area na difícil tarefa de construír un mundo máis xusto.

Se ben os galardóns contan xa con certa tradición na UVigo -acostuman entregarse na gala UVigo-Humana- esta foi a primeira vez na que se incluíron as teses de doutoramento e o resultado foi “moi satisfactorio”, tal e como explica a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen explica que, en total presentáronse aos premios 55 traballos: 20 teses, 20 TFM e 15 TFG, o que supón un “notable incremento” con respecto ao curso pasado, cando se presentaran 29. Ademais de pola cantidade de traballos recibidos, a vicerreitora, presidenta da comisión de selección dos premios, amosou tamén a súa satisfacción pola  “excelente calidade” de todos os traballos, “avalados polas cualificacións e polo informe das persoas que os titorizaban ”.

Cun amplo abano de temáticas, “todos resultan interesantes e manifestan unha sensibilización notable cos ODS”, indica Reboreda. Por ámbitos, o que rexistrou unha maior participación foi o de Ciencias Sociais e Xurídicas, cun total 28  traballos presentados (6 teses, 10 TFM e 12 TFG); seguido do de Ciencias e Ciencias da Saúda con 19 (9 teses, 8 TFM e 2 TFG); Enxeñaría e Arquitectura, con 6 (4 teses e 2 TFM); e, por último, Arte e Humanidades, con 2 (1 tese e 1 TFG).

Mellor tese:  tecnoloxía TIC para superviventes de cancro

Na categoría de teses de doutoramento,  o xurado outorgou a máxima puntuación (100 puntos), á investigación Explotación dos datos sanitarios xerados de maneira rutineira a través de sistemas intelixentes para mellorar a toma de decisións clínicas para os superviventes de cancro, realizada por Lorena González Castro e dirixida polo docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Martín López Nores.

O cancro constitúe unha das principais causas de morbilidade e mortalidade no mundo. Os avances en detección temperá e tratamento permitiron aumentar significativamente as taxas de supervivencia, pero tamén xeraron un novo desafío global: garantir unha atención integral, personalizada e sostible aos millóns de persoas que viven coas secuelas físicas, psicolóxicas e sociais da enfermidade. “Esta tese de doutoramento aborda este desafío desde unha perspectiva tecnolóxica, sanitaria e social, explorando como os datos clínicos xerados de forma rutineira nos sistemas sanitarios poden converterse nunha ferramenta estratéxica para mellorar a atención aos superviventes”, explica a autora, quen leva máis de dez anos dedicada á investigación en tecnoloxías de eSaúde baseadas en Intelixencia Artificial e datos. 

“A miña participación no proxecto europeo Persit, centrado no desenvolvemento dunha plataforma dixital para apoiar ás persoas superviventes de cancro, proporcionou o marco e definiu a principal liña de investigación da miña tese de doutoramento”, explica a investigadora, experta en tecnoloxías de IA xerativa, especialmente no deseño e desenvolvemento de asistentes virtuais. 

Mellor TFM: o caso de  Ence-Pontevedra ante os ODS 13 e 15

No caso dos TFM, a máxima puntuación (100 puntos) foi para o traballo A industria da celulosa ante os ODS 13 e 15: innovación, sustentabilidade e percepción social. Un estudo comparado con foco no caso Ence-Pontevedra, realizado por Pedro Luis López Morillo, do Máster en Comercio Internacional e titorizado polo profesor Emilio García Roselló.

A industria da celulosa desempeña un papel clave na economía global, pero a súa actividade expón importantes retos ambientais, especialmente en relación co cambio climático e a conservación dos ecosistemas terrestres. Este Traballo Fin de Mestrado analiza o grao de aliñación da planta de Ence en Pontevedra cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 13 e 15, comparando o seu desempeño ambiental co de dous referentes internacionais do sector: Södra (Suecia) e Suzano (Brasil). Ademais, incorpora un estudo empírico baseado nunha enquisa á cidadanía, centrada especialmente na sociedade pontevedresa, para explorar ata que punto existe unha brecha entre os avances técnicos comunicados pola empresa e a percepción social do seu impacto. 

“Por unha banda, os resultados da comparación amosan que, aínda que Ence logrou importantes melloras en eficiencia enerxética e certificación forestal, a súa contribución plena aos ODS segue limitada por factores estruturais e tecnolóxicos, aínda que se está vendo impulsada grazas ás normativas e medidas relativas á transición industrial cara á economía circular”, explica López Morillo, quen na actualidade se atopa facendo unha estancia en Francia con motivo da realización da súa tese de doutoramento, estudos que nuns meses o levarán tamén a Québec, onde permanecerá durante un ano.

Mellor TFG: promoción do benestar social nas empresas

O premio ao mellor TFG, foi para o traballo A metodoloxía S-LCA. Análise da industria plant-based, feito polo alumna do programa de simultaneidade ADE-Dereito Paula Viceiro baixo a dirección das profesoras Ana Isabel Gueimonde e Nuria Rodríguez.  

 “Decidín presentarme a estes premios movida pola vontade de dar voz á dimensión social da sustentabilidade, un aspecto que resulta indispensable para avanzar cara a modelos empresariais máis xustos, resilientes e humanos”, explica a alumna premiada, quen explica que o seu traballo busca demostrar que ese vínculo que se forma, case de xeito inconsciente, de sustentabilidade con medio ambiente vai máis aló. “A sustentabilidade non é só unha meta ambiental ou económica, senón tamén social, aínda que, a miúdo este concepto quede relegado a un segundo plano, por conseguinte, avaliar o impacto das organizacións sobre as persoas é indispensable para avanzar cara a unha transformación verdadeira”, salienta Viceiro, recalcando a idea de que “contribuír ao desenvolvemento sostible significa, tamén, dar voz ao que tantas veces permanece en silencio”.

Recibir este premio significa para ela “un orgullo inmenso” e, ao mesmo tempo, unha emoción moi especial. “É como se, por un instante, puidese mirar cara atrás e reencontrarme coa nena que eu fun: aquela pequena que, por primeira vez, tomou conciencia de que cada acción ten un efecto, non só no mundo que nos rodea, senón tamén nas persoas que o habitan. Esa curiosidade, esa capacidade de sorprenderme e cuestionar, e esa vontade de contribuír, de deixar unha pegada positiva no mundo, foron crecendo comigo, moldeando a persoa que son hoxe”.