DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado por Luis Liz-Marzán, conta con 52 asistentes e dez poñentes de recoñecido prestixio

The Thinking Institute, un punto de encontro internacional para abrir as fronteiras do coñecemento no eido da nanociencia

O evento nace coa intención de consolidarse como unha cita de referencia dos veráns universitarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/07/2022

A modo de universidade de verán, The Thinking Institute botou a andar este luns no campus de Vigo coa vista posta en converterse nunha cita anual de referencia no eido da nanociencia. Detrás desta iniciativa está o catedrático de Química Física e investigador do Cinbio Luis Liz-Marzán, que pretende xerar con esta cita un punto de encontro internacional para abrir novas liñas de investigación neste campo “alén das fronteiras do coñecemento”. 

Para esta primeira edición, centrada nos nanomateriais e as súas aplicación, Liz-Marzán convidou a dez relatores de primeiro nivel en diversos aspectos da nanociencia, nanomedicina e nanoquímica. Nas xornada de hoxe luns e mañá estes poñentes xunto cos 52 científicos e científicas inscritos porán sobre a mesa temas de interese actual e proporán “tamén retos e posibles obxectivos a medio e longo prazo. Tamén queremos deixar tempo para encontros máis distendidos nos que poidan xurdir ideas e incluso proxectos colaborativos”, explica o organizador.

O acto de apertura contou coa asistencia do reitor da Universidade de Vigo, que se amosou feliz e orgulloso polo regreso do profesor Luis Liz á Universidade de Vigo para poñer en marcha un novo laboratorio de investigación no Cinbio. Deulle a benvida á que é “a súa casa” , onde é “unha inspiración para todos”. Manuel Reigosa temén lles deu a benvida a todos os participantes nesta cita e agradeceu o apoio do Cinbio e da Xunta de Galicia, que financiou esta actividade. O reitor quixo destacar a estrutura, os contidos e o nivel dos relatores que dan forma ao Thinking Institute e “que permitirán contar con puntos de vista diferentes sobre a ciencia e sobre o que está por vir nestes campos de coñecemento, ás veces nas fronteiras do coñecemento”. Deste xeito, destacou que o que se fale e debata nestas dúas xornadas de traballo “irá un paso máis aló do que é buscar éxitos na carreira científica”. 

Así, ao longo destas dúas xornadas abordaranse especialidades que abarcan dende a preparación e caracterización de nanomateriais ata as súas aplicacións en rexeneración de espiña dorsal, deseño de antivirais, biomateriais para rexeneración de tecidos ou materiais ultrarresistentes, entre outras, en resumo, un programa “interesante e diverso”.

Unha “espléndida” lista de relatores

O evento conta, en palabras de Liz-Marzán, cunha “espléndida” lista de relatores convidados: Nicholas Kotov (University of Michigan); Catherine J.Murphy (University of Illinois); Maurizio Prato (CIC biomaGUNE e Universidade de Trieste); Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Joerg Lahann (University of Michigan); Francesco Stellacci (Ecole Polytechnique Fédérale de Lausanne); Michael Bedzyk (Northwestern University) e tamén os investigadores do Cinbio Verónica Salgueiriño e Lucas V. Besteiro, ademais do propio Liz-Marzán. A todos eles, o reitor agradeceu a súa dispoñibilidade a pesar das completas axendas persoais para “compartir aquí o voso coñecemento e buscar novas propostas científicas que emerxen”. Ademais, Reigosa puxo o foco na importancia de ir “un paso máis aló” do papel da I+D+i como xeradora de coñecemento e transferencia” e traballar a prol dun mundo mellor e máis igualitario “porque non podemos perder a metade do talento da humanidade e non podemos permitir que científicas excelentes teñan problemas para desenvolver as súas carreiras profesionais por culpa das desigualdades de xénero”.

No acto de apertura participou tamén o director do Centro de Investigacións Biomédicas, Miguel Ángel Correa, que cualificou esta iniciativa do profesor Liz-Marzán como “un evento excitante” que permitirá albiscar algunhas das claves do “futuro da ciencia”, pensar máis aló das barreiras e “combinar diferentes ideas e disciplinas con mente aberta na procura de novas conclusións e mesmo falar de filosofía”. Precisamente por este espírito aberto do evento, tanto Correa como Liz fixeron fincapé na necesidade de debater e compartir puntos de vista ao longo de toda a xornada, intercambiando ideas entre poñentes e público como o mellor xeito para avanzar.

Ademais,  Correa tamén quixo agraceder a Liz-Marzán o seu regreso á UVigo e especialmente ao Cinbio, onde traballa a tempo parcial compatibilizando o seu labor co traballo no CIC biomaGUNE do País Vasco, onde exerceu ata o pasado mes de xaneiro como director científico e xefe do grupo Ciber-BBN.

Ciencia nun contexto informal

Luis Liz-Marzán explica que a idea de poñer en marcha este coloquio internacional xurde dunha relación científica e persoal co profesor Nicholas Kotov, da Universidade de Michigan, “que xa dura máis de 25 anos”. De feito, explica Liz, Kotov “visitounos na Universidade de Vigo xa en 1996 e incluso foi profesor visitante en 2010”. Agora, tras case dous anos sen eventos científicos presenciais por mor da pandemia “precisábamos de xuntarnos con colegas cos que puidésemos falar de ciencia nun contexto informal e relaxado para tentar de identificar direccións que nos leven alén das fronteiras do coñecemento nos vindeiros anos”. Así, este encontro, aínda que ten un compoñente de presentacións científicas que poderían parecerse ao formato estándar dun congreso ou simposio, “queremos que teña un carácter máis provocativo do habitual”, e tamén deixar tempo para encontros “máis distendidos nos que poidan xurdir ideas e incluso proxectos colaborativos”. 

Precisamente, o encargado de abrir o panel de relatores foi Nicholas Kotov, que se viu alterado por varios casos de covid, polo que varios dos convidados deberán intervir de xeito telemático. Kostov abordou no seu relatorio o caso da diversidade, a tolerancia e a complexidade do mundo da quiralidade a nanoescala.

De cara a próximas edicións, Liz-Marzán explica que a idea é converter The Thinking Institute nunha cita anual no principio do verán na que cada ano mudarán tanto as temáticas como os convidados. “Penso que é unha maneira modesta pero efectiva de promocionar a Universidade, de darlle visibilidade ao Cinbio e de atraer científicos de primeiro nivel cos que os investigadores poidan ter contacto directo”.