DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente Lorena Otero participa este xoves nos actos do día internacional das rapazas neste eido

As TIC tamén son cousa de mulleres

O obxectivo desta iniciativa é motivar ás novas xeracións a rachar as diferenzas de xénero no sector

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/04/2016

Este xoves celébrase o Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha iniciativa da UIT, organismo das Nacións Unidas para as Tecnoloxías da Información e a Comunicación. O seu obxectivo é motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC no seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Con este motivo, o Cesga, o Centro de Supercomputación de Galicia, organizou, entre outras actividades, un coloquio no que destacadas profesionais do eido tecnolóxico explicaron a escolares o que lles pode ofrecer o mundo TIC de cara ao seu futuro. Entre as participantes estivo Lorena Otero, docente e investigadora da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

O obxectivo do coloquio foi trasladarlle a alumnado de diferentes centros galegos de Educación Secundaria, a través de multiconferencia e dun xeito ameno e informal, unha visión fóra de prexuízos e mitos do eido TIC e da participación nel das mulleres. Para facelo, o acto contou coas intervencións de, ademais de Lorena Otero, Natalia Costas, enxeñeira en Telecomunicacións; Susana Gómez, doutora en Enxeñaría Informática; Rebeca García, doutora en Química, e Esther Robles, enxeñeira en Informática.

Fóra de prexuízos e desinformación

Otero Cerdeira foi convidada a falar da súa traxectoria como docente e investigadora no eido TIC, concretamente no LIA2, Laboratorio de Informática Aplicada da Universidade de Vigo. Doutora en Enxeñaría Informática por esta universidade, é ademais membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, na que preside a súa Comisión de Igualdade. “É importante que as rapazas coñezan dun xeito próximo e axustado á realidade as oportunidades que teñen no sector TIC”, destaca a docente ourensá. Tomando como exemplo o seu caso persoal, salienta que “eu fixen Enxeñaría Informática case que por casualidade. Non tiña claro que estudar, só sabía que desde pequena me gustaba ver como funcionaban as cousas, ver que pasaba se lle daba a aquel botón”. Chegado o momento de elixir titulación, comenta, deixouse guiar polo consello dun familiar que lle explicou “como o software está en todas as partes e cada día o vai estar mais”.

En contra de tópicos, a docente recalca que no eido TIC pódese atopar un oco no que desenvolver a creatividade e facelo con boas perspectivas laborais. Sobre a dificultade das titulacións tecnolóxicas, apunta Otero, “a clave é estar facendo o que che gusta porque se algo che gusta non che vai resultar duro, aínda que teñas que esforzarte”. Ademais, engade, este tipo de carreiras abren un amplo abano de posibilidades profesionais. “Se o que queres é estar con xente podes dedicarte á docencia ou desenvolver aplicacións destinadas a axudar ás persoas, como no eido sanitario. Se prefires estar diante dun ordenador, podes traballar desenvolvendo código. O software está en todo e polo tanto os eidos de traballo son moitísimos e cada día máis”, comenta. No seu caso, por exemplo, entre as cousas que máis valora do seu traballo é impartir docencia no Programa Universitario de Maiores do campus, algo que nunca pensou que faría cando comezou a estudar a carreira.

A todos os rapaces e rapazas que estean interesados no sector TIC, Lorena Otero anímaos a continuar profundando nel a través da formación. “Se é o que lles gusta, adiante, sen medo”, recalca. Ante o descenso de alumnas que se está dando neste eido a pesar do traballo a prol do fomento da igualdade, a docente anima especialmente ás rapazas a coñecer as ventás que lles abren estes estudos e a decidir o seu futuro profesional sen atender a tópicos ou desinformación.