DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun proxecto no que participan o centro tecnolóxico vasco Leartiker e a UVigo

Tics-Bonito, innovación para unha pesca de túnidos máis sostible

A iniciativa promove prácticas pesqueiras responsables e respectuosas co medio ambiente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 28/11/2024

Traballar na innovación tecnolóxica na pesca do bonito e dos túnidos e facelo apoiando unhas artes de pesca sostibles e respectuosas coa propia especie e co medio ambiente en xeral. Este é o obxectivo co que acaba de pórse en marcha o proxecto Tics-bonito, Tecnoloxías intelixentes para a pesca sostible do bonito, un traballo no que participan o centro tecnolóxico vasco Leartiker e o grupo de investigación  de Enxeñaría Eficiente e Dixital, En.Edi, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, sendo Leartiker o líder do proxecto.

A pesca do bonito e outros túnidos realízase mediante diferentes procedementos. Desde aquela pesca que se realiza en embarcacións máis pequenas ao longo da costa ata as máis intensivas que se levan a cabo nos caladoiros de todo o mundo. Independentemente da intensidade, arte, ou lugar, a sustentabilidade da pesca e o respecto á biodiversidade ambiental e do resto de especies é hoxe unha máxima que as armadoras teñen entre as súas prioridades. Partindo desta base, o proxecto expón pasos para mellorar tanto a funcionalidade como a sustentabilidade nas artes de pesca costeira de bonito e a pesca de altura de cerco.

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Pleamar, impulsado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura. Coa misión de fomentar a sustentabilidade nos sectores pesqueiro e acuícola mediante a innovación e a protección ambiental, o programa divídese en varios eixos e o proxecto Tics-Bonito centra os seus esforzos no primeiro deles, dirixido a desenvolver ou introducir novos coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas actividades pesqueiras para reducir ou eliminar os seus efectos negativos sobre o medio ambiente (Eixo1: Interaccións e impactos. Diminución do efecto da pesca sobre o medio mariño).

Obxectivos e actividades 

O obxectivo principal de Tics-Bonito é pois apoiar ao sector de pesca de bonito e túnidos no desenvolvemento de propostas arredor das técnicas de pesca costeiras e de altura. En canto á pesca de altura, traballarase na biodegradabilidade dos Dispositivos de Concentración de Peixes (DCP), elementos que poden ter un impacto negativo no medio mariño debido aos materiais plásticos duradeiros que os compoñen. Neste caso, trataranse de desenvolver dispositivos baseados en materiais non enmallantes e biodegradables, que sexan modulables e sensorizados.

Polo que respecta á arte de pesca costeira, o proxecto propón estudar en detalle as técnicas utilizadas actualmente nas súas modalidades de cana con cebo vivo e con carrete ou de cacea, para propoñer axudas automatizadas e solucións dixitais que apoien e complementen a metodoloxía actual dos pescadores en cuberta, e que facilite a monitorización daqueles parámetros que se consideren relevantes.

Para a consecución destes obxectivos, os responsables do proxecto consideran clave a colaboración con representantes do sector pesqueiro, para que trasladen a súa experiencia e necesidades de cara á definición dos requisitos técnicos do proxecto, asegurando así que as solucións tecnolóxicas propostas se axustan á súa realidade e forma de traballar. Neste senso, xa se levaron a cabo diferentes reunións con confrarías, armadores e desenvolvedores de maquinaria de abordo para coñecer a realidade do sector, o que será o punto de partida para futuras propostas.

Tics-Bonito quere ademais asegurar que os resultados que se vaian obtendo no proxecto cheguen á comunidade científica, aos usuarios finais e á sociedade en xeral. Por iso, os responsables realizarán un esforzo especial en difundir o proxecto mediante publicacións en revistas científicas e presentacións en eventos, así como  na creación de material divulgativo.

Leartiker e UVigo, unha colaboración que vén de longo

A colaboración entre Leartiker e o grupo En.Edi será clave para o desenvolvemento destas tecnoloxías innovadoras nas que se basea esta iniciativa. Esta colaboración non é nova, xa que ambas as institucións arrancaron o seu traballo conxunto no ano 2015, unha colaboración que logo se materializou no proxecto europeo Circular Sexas (2019-2023).

Leartiker é un centro tecnolóxico especializado en materiais poliméricos e tecnoloxías avanzadas, mentres que o grupo da Universidade de Vigo achega a súa experiencia en enxeñaría de automatización, dixitalización e robótica. Xuntos, estes socios están comprometidos coa innovación e a sustentabilidade no sector pesqueiro. 

No caso do proxecto Tics-Bonito, o centro tecnolóxico Leartiker encargarase do desenvolvemento de materiais biodegradables, o deseño do DCP e a coordinación do proxecto. Mentres, o grupo En.Edi será quen leve a responsabilidade do desenvolvemento das actuacións en automatización e dixitalización. 
A finais de outubro levouse a cabo a primeira reunión presencial, coa presenza do responsable do proxecto por parte do grupo da Universidade de Vigo, Julio Garrido, nas instalacións de Leartiker. A seguinte xuntanza  está planificada para febreiro en Vigo.

Este proxecto desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, e cofinánciase pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura).