DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo salientou Manuel Reigosa, no Consello de Campus celebrado este luns na sede da Vicerreitoría

As titulacións do campus contan cunha taxa de ocupación de máis do 96%

O reitor anunciou un plan de captación de alumnado estranxeiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/10/2018

Na que foi a súa primeira xuntanza tralas eleccións a reitoría e claustro do pasado 23 de abril, o Consello de Campus de Pontevedra abordou este luns a situación actual en termos de matrícula das súas diferentes titulacións, que se atopan actualmente “por riba dun 96% de ocupación”, segundo salientou o reitor, Manuel J. Reigosa. Así mesmo, o reitor tamén abordou cos e coas integrantes deste órgano colexiado a necesidade de “facer recortes nalgunhas partidas menos prioritarias” co propósito de “poder contar con máis persoal” na Universidade, á vez que anunciou un “plan específico de captación de alumnado”.

En declaracións aos medios ao remate da reunión, Reigosa valorou a demanda rexistrada no presente curso polas titulacións do campus pontevedrés, no que a taxa de ocupación “quere dicir que practicamente todas as nosas titulacións son moi valoradas polo estudantado, xa que incluso as dúas que teñen unha dificultade maior” para cubrir a súa matrícula, os graos en Enxeñaría Forestal e Dirección e Xestión Pública, atópanse no presente curso, sinalou, “moi preto de acadar o éxito completo”. Neste mesmo senso, o reitor anunciou a futura posta en marcha dun plan específico dirixido á captación de alumnado estranxeiro, “no que ímonos fixar especialmente nos países de Iberoamérica e na lusofonía, para intentar aproveitar tanto o castelán como o galego para atraer estudantes”, plan no que, sinalou, “vai haber un agarimo específico” para as titulacións con maiores dificultades en materia de captación de estudantes, aínda que, “en todo caso, hai que apostar por todas as titulacións”, dada a curva demográfica de Galicia, que fai “unha aposta interesante atraer alumnado estranxeiro”.

A primeira sesión tralas eleccións

Xunto ao reitor e ao vicerreitor do campus, Jorge Soto, o Consello de Campus está integrado tamén polas e polos responsables dos equipos decanais e directivos das diferentes facultades de escolas, así como por Marcos Dopico, Ana Belén Fernández Souto, Álvaro López Mira, Purificación Marcet e Sara Torres, en representación do persoal docente e investigador e Lucrecia López e Carlos Mollinedo como representantes do persoal de administración e servizos. Nunha xuntanza que se completou cunha rolda “moi positiva de intervencións facendo constar as inquedanzas dos centros”, Reigosa subliñou tamén que a “aposta polas persoas” do novo equipo de goberno levará á realización de recortes nas “partidas que sexan menos importantes para os fins docentes, de investigación e de transferencia” da institución académica. 

A sesión completouse así mesmo co informe do vicerreitor do campus, quen puxo o foco en diferentes liñas de traballo que desde a Vicerreitoría se proxectan potenciar, co propósito de “abrir novas vías de traballo a medio prazo”, e que abranguen tanto o ámbito das infraestruturas, como os proxectos do Campus Crea e o Green Campus e os “convenios de colaboración abertos” con institucións como Concello, Deputación e Xunta de Galicia, así como o traballo nos ámbitos de “cultura, integración e educación, xunto co deporte, o benestar e a saúde”.

Deseño e creación

A preguntas das xornalistas, Reigosa aludiu tamén ao novo grao en Deseño e Creación que se proxecta implantar na Facultade de Belas Artes, respecto do que o reitor recoñeceu que “é unha mágoa” que as prazas que se destinen ao novo grao “vaian en detrimento”, por mor dos “axustes” que implica a implantación de novos graos, dunha titulación “que ten sempre un éxito tremendo de matrícula” como é o grao en Belas Artes. “Esperamos poder negociar isto coa Xunta de Galicia”, sinalou Reigosa, quen, respecto da nova titulación, apuntou que “o prazo de implantación sería en principio para o ano 2019/2020 e nós en principio pensamos que se poderá impartir ese ano”, mais avogou neste punto por agardar “a que estean os pasos máis avanzados” de cara a posta en marcha dun grao “que creo que vai ser tamén un éxito”.