DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ecobas lanza SAVES, un asistente virtual para o cooperativismo e a economía social 

Toda a información do movemento cooperativo galego, nun clic 

O asistente forma parte dun proxecto de investigación de Mª José Cabaleiro e Carlos Iglesias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mº del Carmen Echevarría DUVI 22/12/2020

Entre 1330 e 1400 cooperativas, segundo a fonte consultada, existen na actualidade en Galicia, destacando pola súa importancia as dos ámbitos do cooperativismo agrario e o cooperativismo de traballo asociado. Mentres o primeiro agrupa tanto a pemes, como a grandes empresas, o segundo está integrado, sobre todo, por microempresas de todos os sectores, onde tamén coexisten experiencias cooperativas doutras clases, como as cooperativas do mar, servizos sociais, consumo, vivenda, transportes ou servizos financeiros. “Todas elas conforman o movemento cooperativo galego que, ano tras ano, consolida a súa implantación en Galicia”, explica a docente e investigadora da agrupación estratéxica Ecobas da UVigo, María José Cabaleiro Casal, que xunto ao tamén docente e investigador Carlos Iglesia Malvido traballan desde o ano 2011 nun proxecto de investigación centrado neste ámbito. 

Precisamente ao abeiro deste traballo, os investigadores de Ecobas acaban de poñer en funcionamento SAVES, Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, un asistente virtual que dará acubillo á información máis relevante do movemento cooperativo galego, “centralizada nun único espazo e accesible a golpe de clic”, que pretende ser unha ferramenta de traballo para todos os axentes implicados no cooperativismo e na economía social en xeral. Fronte á dispersión en fontes estatística diversas que presenta a día de hoxe a información sobre cooperativismo en Galicia e á ausencia dunha serie histórica con datos comparables no tempo, SAVES publicará progresivamente os seus resultados a través dunha aplicación web. “En realidade, en cada unha das fases do proxecto incorporaranse indicadores e resultados novos, que van na liña das necesidades á que cada unha delas trata de dar resposta”, detalla Cabaleiro, que avanza que o primeiro informe, Presenza do cooperativismo en Galicia, xa está dispoñible, amosándose nel as grandes cifras do movemento cooperativo galego, tanto en número de cooperativas, como en taxa de penetración nos fogares, así como a importancia da muller neste tipo de sociedades.

Contido e acceso aos informes

O asistente virtual desenvolvido polos investigadores de Ecobas estará a disposición de todo o público no referido a información básica e non protexida, mentres que aos informes terán acceso as cooperativas; a administración pública, especialmente a Subdirección Xeral de Economía Social; as principais asociacións do sector: Agaca e Espazocoop; e o persoal investigador das tres universidades galegas. “Así mesmo, unha vez que remate a actividade, os resultados poden servir de referencia para estender o asistente ao conxunto das entidades da economía social”, explica Cabaleiro, que confirma que os datos serán recompilados por persoal contratado para o proxecto, e a partir de aí serán tratados para seren reconvertidos en indicadores sociais, económicos e financeiros axeitados para as sociedades cooperativas, un labor que é responsabilidade do persoal investigador de Ecobas.

Ao primeiro informe sobre Presenza do cooperativismo en Galicia, sumaranse tres máis, ata a finalización do proxecto a finais do ano 2021. O segundo estudo, Situación económico-financeira do cooperativismo galego, amosará os principais indicadores económicos e financeiros do movemento cooperativo galego, incluíndo ademais de indicadores globais, outros por clase de sociedade cooperativa. No terceiro informe, Perfil económico-financeiro da cooperativa galega, os indicadores que se amosan son individuais por cooperativa, de xeito que calquera empresa poida ter o seu perfil económico financeiro e comparalo cos indicadores globais ou da súa clase dispoñibles no segundo informe. O derradeiro estudo, Informe de xestión do cooperativismo en Galicia, “céntrase na información á medida das cooperativas, grupos de cooperativas (clases), ou cooperativa individual, dos indicadores que soliciten que poden ser de interese para mellorar na xestión das empresas, pero que tamén enriquecen o proxecto, pois trátase dunha ferramenta que estará viva e en constante evolución”, sinala María José Cabaleiro. O tratamento da información económica, financeira e social é un elemento común en todos os informes, que, así mesmo, preservan o carácter participativo das sociedades cooperativas, “empresas nas que o papel relevante é o do socio, e nas que os valores de igualdade, a democracia e xustiza económica condicionan a información económica-financeira”, lembra a investigadora.

SAVES conta co co-financiamento da agrupación estratéxica Ecobas da Universidade de Vigo e das entidades da Rede Eusumo, en particular da Subdirección Xeral de Economía Social, dependente da Consellería de Emprego, Economía e Industria da Xunta. Colaboran ademais as unións de cooperativas galegas Espazocoop e Agaca e a Escola de Estudos Empresariais de Vigo, “que estivo con nós desde o inicio desta idea, pondo a nosa disposición os seus espazos e a súa desinteresada colaboración”, destaca Cabaleiro.