DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase do 3 ao 5 de marzo coa participación de preto de 40 empresas

Todo listo para a celebración dun Foro Tecnolóxico de Emprego 100% virtual

O obxectivo segue a ser servir de nexo entre as empresas e o alumnado das escolas de enxeñaría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/02/2021

Xa está todo listo para a celebración a vindeira semana, do 3 ao 5 de marzo, da vixésimo primeira edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, a primeira que se vai celebrar integramente de xeito virtual debido ás restricións sanitarias provocadas pola pandemia. Organizado por e para o alumnado das escolas de enxeñaría, trasladar todas as actividades do encontro ao formato virtual non foi doado, pero “serviunos para desenvolver en profundidade a nosa capacidade de adaptación aos cambios” explica Laura Andrés Hergueda, estudante do Máster en Enxeñaría de Minas e coordinadora xeral desta edición, quen aceptou o posto “sabedora do desafío que supuña organizar o noso primeiro foro virtual”. Xunto a ela o equipo organizador está composto por 14 estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo –Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación- e a colaboración dunha vintena de persoas colaboradoras dos tres centros.

Participarán nesta edición preto de 40 empresas, unha cifra moi similar a do ano pasado, que marcou un récord de participación con respecto a anteriores edicións. Mantéñense as firmas clásicas, as máis veteranas, entre as que salientan nomes como R, Deloitte, Repsol, Coca-Cola, Feuga, Imatia e Optare. E únense a este proxecto nomes como Emetel, especializada en proxectos de dixitalización de procesos de negocio e ciberseguridade, e KPMG, asesoría e consultaría. “Estamos moi orgullosas, pois por primeira vez contamos coa participación ao completo das popularmente coñecidas como Big Four, as catro firmas con maior volume de facturación no sector da consultaría”, explica a coordinadora xeral, para quen este é o seu cuarto ano na organización do evento, tras ser colaboradora, participar na coordinación de conferencias e na loxística. “O foro tenme acompañado en boa parte da miña traxectoria na Universidade de Vigo e tiven sorte de poder seguir achegando ao proxecto e de medrar xunto a el a nivel persoal, profesional e académico”, recalca a estudante.

Mantéñense todas as actividades: recollida de currículos, obradoiros, conferencias...

O principal obxectivo desta edición ,ao  igual que nos foros presenciais, é manterse como nexo de unión entre o mundo empresarial e o estudantado, e que este último continúe tendo a oportunidade de ampliar os seus horizontes e de perder o medo a comunicarse cunha empresa. “Unido a este obxectivo atópase o de trasladar todas as actividades que teñen lugar nun foro presencial a un foro virtual, demostrando a versatilidade e fortaleza da organización e a actualización constante do foro, razóns polas que leva 20 anos de éxitos”, recalca Laura Andrés, ao que engade que desde o comezo tiñan claro que querían trasladar todos os servizos que se ofrecían de maneira presencial a formato virtual, “mantendo o que tan ben funcionou en anos anteriores cos mínimos cambios posibles”. O único que prevén que sexa presencial son as aulas que lle cederon as tres escolas para que as alumnas e os alumnos dispoñan dun espazo para conectarse ao evento.
 
Finalmente o programa desta nova edición, a vixésimo primeira, será bastante similar aos anteriores. Por unha banda, contarase cun vestíbulo virtual, onde as empresas participantes disporán do seu posto para aconsellar a quen se achegue a eles, informar das súas actividades e dos perfís que buscan para unha futura incorporación e recoller currículos. Por outra banda, manterán o ciclo de talleres e conferencias, sendo a temática destas últimas elixidas previamente polo estudantado e sempre de carácter técnico. “Os workshops permiten unha maior interacción alumnado-empresa, podendo levar a cabo procesos de selección, dinámicas en grupo, etc.”, explica a coordinadora.

Porta aberta ao alumnado das enxeñarías de Ourense e Pontevedra

“Gústanos ver o formato virtual como unha oportunidade para mellorar o que ofrecemos tanto ao alumnado como ás empresas”, explica a coordinadora, ademais veno tamén como unha posibilidade para que empresas ou incluso o alumnado das enxeñarías de Informática e Aeroespacial do campus de Ourense, ou Forestal de Pontevedra poidan asistir sen que o factor desprazamento sexa un problema.

A maiores, desde a organización queren tamén agradecer dun xeito especial o papel dos patrocinadores: as tres escolas de enxeñaría  do campus de Vigo e as súas respectivas delegacións de alumnado, a Área de Emprego, o Consello Social, a propia Universidade de Vigo e a Redivivus “por axudarnos a levar a cabo o evento”.