Editado pola Universidade e o concello, dentro da colección dedicada ao Val do Fragoso
A toponimia de Matamá xa ten libro propio
O traballo correu a cargo de Gonzalo Navaza, Marcos Alonso e Arantzazu Luna
A colección de libros Toponimia do Val de Fragoso, un proxecto conxunto da Universidade e o Concello de Vigo no que se vai debullando a riqueza toponímica das diferentes parroquias viguesas, conta xa con dez volumes. O último está dedicado a Matamá e presentouse este mércores no concello coa presenza do alcalde, Abel Caballero; a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e Marcos Alonso Rodrigues, coautor do volume xunto a Gonzalo Navaza e Arantzazu Luna.
Marcos Alonso, veciño de Matamá, foi o encargado da recollida dos topónimos, tanto mediante traballo de campo, como a través da documentación histórica. “Comecei coa recollida aló polo 2014, preguntándolle á xente maior e, despois, xa me metín de cheo na investigación en documentos antigos, sobre todo nos protocolos notariais, que van desde o século XVI ata o XIX”, salientou o autor na presentación, á que tamén asistiron a concelleira delegada de Normalización Lingüística, Educación, Recursos Humanos e Formación, Olga Alonso, e as técnicas da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Cristina Rodríguez e Eva Castro.
“Sufrimos o feito de ser veciños dunha grande urbe”
Alonso explicou, así mesmo, que esta obra complementa ao libro Matamá. Unha ollada ao pasado I e II (2022), dos que é coautor xunto con Xulio Fernández Pintos. “Nesa obra previa recollemos a listaxe de topónimos, pero faltaba a descrición”, explicou, ao tempo que recalcou a importancia de pór en valor os topónimos tradicionais, sobre todos naqueles lugares que, como Matamá, “sufrimos o feito de ser veciños dunha grande urbe e da súa presión urbanística, polo que é máis probable que, se non facemos este labor de salvagarda, todos estes nomes se acaben perdendo”.
Foi, precisamente, nesta aspecto no que fixo fincapé o alcalde, Abel Caballero, quen reivindicou a importancia de recuperar a toponimia, xa que se trata dunha parte básica de “autoidentificación da cidade”. Neste senso, confirmou o empeño do Concello, da man da Universidade, en que a toponimia dos diferentes barrios sexa recuperada na súa totalidade, non soamente nos libros, senón tamén no uso diario.
“Galicia é un lugar absolutamente cheo de topónimos”
Na mesma liña, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, amosou a súa satisfacción pola presentación dun novo número dunha colección “iniciada xa hai moitos anos e que, afortunadamente, continúa, grazas á colaboración entre dúas institucións públicas, algo que para nós é o xeito adecuado de traballar”.
Con respecto a este volume Reboreda destacou o traballo “absolutamente rigoroso” realizado polos autores e o seu coidado á hora de tratar cos maiores do lugar. “Galicia é un lugar absolutamente cheo de topónimos, desde os cruceiros ata a máis mínima leira, todo ten un topónimo, un nome que explica por que ese lugar se chama así historicamente”, indicou a vicerreitora, ao fío que relatou que todos eses nomes eran referencia no pasado, pero a medida que todo se foi urbanizando “estas denominacións comezaron a desaparecer, xa que non se recolleron nos carteis e moito menos nas aplicacións de localizacións empregadas na actualidade”. Ao fío desta reflexión, amosou o seu desexo de que “oxalá os libros teñan moita difusión, sobre todo entre as persoas máis novas, para que todos saiban como se chaman eses currunchiños polos que pasan a diario”.
Durante o acto recordouse tamén a figura de Marta Souto, quen fora responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, falecida en outubro de 2024, unha persoa que foi clave para a posta en marcha desta iniciativa.
Toponimia do Val de Fragoso suma xa dez volumes
O novo volume está xa dispoñible en formato dixital na web da ANL e, así mesmo, todas as persoas interesadas en facerse cun exemplar en papel poden solicitalo, totalmente de balde, tanto no Servizo de Normalización Lingüística da UVigo como no propio Concello, tanto o número dedicado a Matamá, como os nove volumes previos: Coia, Lavadores, Beade, Freixeiro e Sárdoma, Comesaña, Bembrive, Candeán, Valadares e Teis.
